Os bancos metálicos de Betanzos que suscitan debate nun casco histórico cargado de patrimonio
O recente cambio de mobiliario urbano en Betanzos, financiado con fondos europeos Next Generation, suscitou unha intensa polémica entre os veciños e defensores do patrimonio. As novas incorporacións inclúen bancos de deseño moderno, placas para as rúas e maceteiros inspirados no chamado “verde Betanzos”. Estas reformas afectan ao casco histórico, declarado conxunto histórico-artístico en 1970 e considerado un dos conxuntos urbanos máis emblemáticos de Galicia.
“Modernidade” versus tradición no corazón betanceiro
O casco histórico de Betanzos atópase delimitado polo que foi a antiga muralla medieval, da cal se conservan tres portas: a do Cristo, a da Ponte Vella e a da Ponte Nova. Este espazo alberga un importante legado arquitectónico e cultural, con monumentos como as igrexas góticas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas recoñecidas como monumentos nacionais. No seu interior consérvanse pezas de gran valor histórico, como o sarcófago de Fernán Pérez de Andrade, sostido por un oso e un xabaril, símbolos destacados da heráldica medieval galega.
As reformas recentes tiveron un impacto directo na praza García Irmáns, no corazón deste conxunto, e na zona da igrexa de Santiago, onde destaca o centenario magnolio que anteriormente estaba rodeado por un banco de madeira agora substituído por seis bancos brancos metálicos. Esta decisión provocou unha forte reacción na comunidade local.

Banco arredor do magnolio antes (esquerda) e despois (dereita) / Betanceiros en el Mundo
Un mobiliario que divide opinións
Os bancos, fabricados en metal branco e verde, foron cualificados por moitos veciños como “inadecuados para o contexto histórico”. A asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos criticou duramente o cambio, especialmente polo impacto visual que consideran “chocante”. Juan Gómez, presidente do colectivo, sinalou: “Entendemos a necesidade de uniformizar o mobiliario, pero este deseño rompe coa harmonía do entorno monumental”. Tamén advertiu sobre posibles problemas de conservación: “Os materiais poden oxidarse coa choiva, polo que será necesario un mantemento axeitado”.
Ademais, a renovación inclúe novas placas para as rúas, que substituíron as históricas de pedra. A asociación expresou a súa preocupación ante esta medida: “Estas placas forman parte do noso patrimonio, e a súa retirada foi realizada sen sensibilidade nin consulta previa”. Veciños como unha comerciante da Rúa Travesa consideran incluso que estas decisións “poden constituír un atentado contra o patrimonio” e demandan accións legais.

Bancos situados na rúa Travesa de Betanzos / Betanceiros en el Mundo
Un casco histórico cargado de simbolismo
Betanzos é coñecido polo seu rico patrimonio histórico, que inclúe edificios como o Palacio de Bendaña, construído no século XV e reformado no XVII, e o Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC), que ocupa a antiga Casa Núñez. Na praza da Constitución destaca a torre do Reloxo, do século XVI, adosada á igrexa de Santiago. Estes elementos fan do casco histórico un espazo único, que moitos veciños temen ver desvirtuado por decisións urbanísticas consideradas pouco respectuosas.