Sobre toponimia galega… De Lóvios a Oviedo pasando por San Fiz de Solóvio
César Varela García, catedrático de matemáticas no Instituto María Soliña de Cangas
Nunha primeira consulta ao nomenclátor galego xa nos aparececen os LOBIOS de Sober e de Negreira, o LOBIO de Compostela, o LOVIOS ourensán, amén dos LOIVOS e LOVIOS portugueses.
Ao querer interpretar a orixe de tal topónimo o noso considerado A. de Almeida Fernandes confesa que:
“… loivo, aparece-nos como predial, em 1091 “ petazo de lovio ”. Origem e significaçao eu também as desconheço; mas o n. comum até pela frecuência do topónimo, é um facto para uma propiedade, certamente agrária ( “pedaço”).
Non obstante o noso P. Sarmiento , xa no ano 1.754 dera a sua sentencia a loor do significado e orixe da palabra:
“Lobio.En Ribadavia y otras partes significa la parra que está junto a casa para sombra y pasear. Es puro gótico de laubach y lobio, que, según Du Cange , significa corredor, galería o paseo.”
O prof. J. L. Pensado con sua grande erudición, infórmanos do seu uso na Galiza, en Portugal e mesmo en Asturias.
Documenta a palabra desde o sec. X como topónimo e como n. común en docs. latinos:
“medietatem unius domus cum exitu suo et meditatem unius lovii”.( 1.254).
“vendemus vobis una casa cum suo lovo in villa de Mourit” (1.256).
“et tertiam partem de domo de Forno in ipso loco cum suo lovio” (1.259) Oseira.
“ miña cortiña e meu lóveo da Fonteyña”. ( Ribadavia 1.361).
Segue, o erudito profesor, recollendo as diversas acepcións que atopa no glosario de Sobreira : “ Aparrado. Cosa más baja de lo que conviene, como casa o Lobio que hagan como techo que se baja. Barra. Piloño. El tejido de palos, tendidos sobre postes de palos para sustentar cepas. Ribadavia. Emparrado, parral… La pieza de heredad contigua a la casa, y que regularmente es barrenta….
Do seu uso como n. común ainda testemuñamos O LÓVIO da COSTA,tirado dunha nosa herdanza familiar no concello de ABOBRÁS. O prof. Pensado parece concordar co P. Sarmiento na orixe da palabra e celebra que o ilustre bieito “ Se anticipa en casi dos siglos a Gamillscheg y a otros estudiosos que se ocuparon del origen de la palabra…”
Nós, dubidamos que a orixe da palabra proceda do *laubja xermánico, e da sua relación con palabras semellantes como lonxa e logia. A verba latina OBVIUS expresa ideas como: “o que está de frente ”, “ o que che sae ao camiño ” e tamén, “ o que te resgarda e protexe ”,….
Significados que cadrarían ben cos, portais, corredores, pórticos e alpendres anexos a unha casa, pero a un nivel mais baixo; e mesmo cos emparrados e postes para suster as viñas que preconizan os nosos diccionarios. O propietario que vende a casa con seu lóvio, esta-nos informando que a vende co seu alpendre, parra ou pórtico anexos. Poida que a palabra pasase a designar tamén o eixido da casa; ou sexa, as terras ao redor ( un petaço de lovio). ILLO OBVIUS > O-OBVIO > O LÓVIO ( o que se atopa na frente da casa).
Así o documento do Cronicón Iriense: “ Sisnandus… fecit Monasterium… LOVIUM ad susceptionem pauperum, ubi nunc Ecclesia S. Felicis est Constituta” Está-nos informando de que o bispo Sisnando armou un LÓVIO para acollida dos pobres, no lugar compostelán onde ainda hoxe está a igrexa de SAN FIZ DE SOLÓVIO. Entendemos que o tal SO-LÓVIO sería unha especie de SO-PORTAL para aliviar aos pelegríns, pobres ou doentes, das inclemenzas do tempo.
Seguindo a lóxica do noso razoamento, e pasando ás viciñas terras astures; seica, non terá mais lóxico pensar que a orixe do nome de OVIEDO, se debería a uns antigos soportais ou porches onde se resgardaría a xente antes de entrar nun mosteiro ou edículo primordial ?
As antigas grafias para designar a capital astur de OVETAO ou OVETDAO…. manifestan que, daquela xa perderan a idea que prantexamos como a sua verdadeira orixe, desde un OBVIUS, a traveso dun OBVIETO.
Cabería pensar se o nome se debeu:
a) A lugar aportalado ou antuzao de un edificio previo.
b) A un emparrado anexo a unha “casa grande”.
c) Ao conxunto de terras diante desa casa ou igrexa, como quen dí, o seu eixido, en referencia ao “petaço de lovio” que aparece nos documentos portugueses.
Ese edificio primordial sería a igrexa de S.Vicente ?, ou xa habería antes outra construcción, da cal sería a sua dianteira ou so-portal, o noso OBVIETO?
Sabemos pola história, que moitos mercados medievais así como asambleas populares, tiñan lugar diante das igrexas e catedrais, ao amparo dos seus adros, antuzaos, soportais ou SO-LÓVIOS. Chegados aquí, deberíamos deixar paso aos arqueólogos para que nos informasen se hai algún rasto de tais dependencias no caso do OVIEDO primordial, ….
Esta teoría parécenos mais acaida que as que circulan pola literatura toponímica:
De URBS VETUS (cidade vella), de OVIS-ETUM, como abondosa en ovellas, ou a que retrotrae o nome, á blancura dunhas supostas terras ALBAS; ámbalas tres, de difícil encaixe etimolóxico.
A nosa teoría repara esa especificidade, que facía do nome de OVIEDO un caso “raro” dentro da toponimia peninsular, e devolve a OVIEDO á familia dos LÓVIOS e LLÓVIOS, tanto asturaos, como galegos e portugueses .
E ainda, de esguello, daríamos tamén razón da orixe do nome da anterga cidade umbra de ORVIETO, que non acaba de estar cómoda na forzada hipótese dunha URBS VETUS, e que alcanzaría perfeito encaixe nun OBVIETUS, que reclamaría a sua orixe nun antigo mercado medieval baixo os portais da sua vetusta catedral. A teoría da orixe do nome destas duas cidades desde OBVIETO, expresa unha evolución tan simples e natural que até diríamos que é: ÓBVIA!.
Se cadra, moitos outros “misterios” das orixens ficarían claros se acudísemos á fonte limpa da nosa común raíz na MAGNA GALLAECIA.