Informe arqueolóxico O Preguntoiro 2024: Na procura das orixes da comunidade monástica en Galicia
Sonia García e Xurxo Ayán, arqueólogos
Esta cuarta campaña arqueolóxica n’O Preguntoiro 1 contribuíu notablemente a clarificar a xénese e evolución de todo este espazo construido. Até o momento as nosas intervencións lidiaron cun panorama complexo marcado polas reutilizacións, os expolios, as amortizacións e os cambios construtivos derivados do paso da fraga á ribeira entre a Alta e a Plena Idade Media. A complexidade estrutural amósase en toda a súa plenitude na zona N da escavación onde chegamos a detectar unha potencia estratigráfica de até 1.70 cm e a superposición de até tres estruturas murarias de diferente fasquía. Por vez primeira nestes catro anos, na presente campaña puidemos documentar contextos arqueolóxicos pechados, depósitos estruturados preservados desde época medieval sen alteracións nin afeccións por procesos antrópicos ou postdeposicionais. Estámonos a referir ao novo sartego antropomorfo do sector 01 e ás estruturas asoelladas no sector 04 a rente da pía escavada na rocha. Deseguido, analisaremos polo miúdo estes tres ámbitos materiais do rexistro arqueolóxico d’O Preguntoiro 1 que consolidan a nosa interpretación do sitio: restos do posible eremitorio, o depósito funerario e o espazo cultual arredor da pía.
De necrópole altomedieval a ermida plenomedieval. Á esquerda: novo sartego antropomorfo documentado nesta campaña de 2024. Á dereita, soleira monumental dunha edificación precedente reutilizada no muro meridional da capela.
Relictos dun posible eremitorio
Podemos falar dun hiato n’O Preguntoiro que vai da Idade do Bronce até a Alta Idade Media. Cos datos dispoñibles na actualidade, a inscrición de Asterigo e a pequena necrópole ordeada remítenos a unha cronoloxía relativa do século X da nosa era. A coluna praticada no muro de contención da terraza principal forneceu unha datación absoluta que sitúa a xénese dese espazo precisamente no século X cal AD. O feito de documentarmos unha tumba inacabada pode remitir a unha interrupción súpeta deste uso funerario do espazo, que puido ser bastante efémero. Pola súa vez, a inscrición remite a unha necrópole que é visitada con asiduidade, xa que abrangue unha rogativa para que o público visitante pregue unha oración pola alma do frade. Un público visitante letrado que sería quen de entender o que alí poñía. Como xa apuntou don Nicanor Rielo Carballo, ese Asterigo podería ter sido o terceiro abade do mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, quen viviu precisamente nese século X (Rielo 1976).
Todos estes factores fannos pensar no Preguntoiro como un lugar de memoria1 (canda O Preguntoiro 2) vencellado á elite eclesiástica do mosteiro de Pombeiro, unha sorte de espazo para exercicios espirituais que remitía á orixe da comunidade monástica, exercendo o mesmo papel que tivo San Xoán do Cachón con respeito a Santo Estevo de Ribas de Sil. Non cremos que esta necrópole, inserta no que dquela era unha inmena fraga dentro do canón do Sil, estea asociada a unha comunidade aldeá, como si acontece noutras latitudes en xacementos ben escavados recentemente, como La Coba en Ávila (Tejerizo et al. 2024) ou Penedo dos Mouros e San Gens no Alto Mondego (Tente 2015).
Fin de escavación e consolidación. Campaña 2024. Vista cara ao E.
A grande pregunta neste punto é a seguinte: esta escenografía funeraria do século X, acompañábase dun espazo doméstico, xa for coetáneo, xa for anterior? E de ser así, estariamos falando dun eremitorio?
Para solventar este interrogante debemos ter claro en que consiste morfoloxica e tipoloxicamente un eremitorio altomedieval. Como sinalan López Quiroga e García Pérez (2013: 15): Es necesario subrayar que es prácticamente imposible, desde una perspectiva estrictamente arqueológica, determinar si los espacios cultuales cristianos a ellas asociados y/o vinculados tuvieron o no un carácter eremítico. Este término, ciertamente, puede llevar a confusión y a una excesiva simplificación a la hora de interpretar estos conjuntos que no dejan de ser comunidades aldeanas en las que hay un factor cultural que se materializa por la existencia de espacios dedicados a la liturgia cristiana, sean éstos estimulados y/o incentivados por una actividad eremítica o no. A imaxinación histórica rexionalista tíñao claro (Arias Sanjurjo 1914a, 1914b) pero non acontece o mesmo desde o punto de vista arqueolóxico. A día de hoxe contamos na Ribeira Sacra e na Tebaida berciana con espazos sacralizados que puideron acoller estes espazos como é o caso de San Pedro de Rocas, tal como plantexa nos últimos anos varios investigadores (López Quiroga e García 2013, López Quiroga e Martínez Tejera 2016). Mais a teor dos datos disponíbeis publicados até o momento e a partir do noso coñecemento do terreo, estamos en condicións de afirmar que un dos poucos sitios coñecidos que poderían ter albergado un destes eremitorios é o veciño O Preguntoiro 2 (descuberto para a ciencia pola profesora Ana Goy) (Ayán 2021b). Pola súa vez, no caso d’O Preguntoiro 1 a precedente intervención de 2023 e esta cuarta campaña contribúen a plantexar unha hipótese neste senso.
Fin de escavación. Sector 03 (ampliación cara ao N). Vista ao S.
A ampliación cara ao N permitiunos documentar unha ocupación anterior á construción da capela (en uso no século XIII cal AD.). As atividades construtivas nesta área foron sucedéndose pero todas partillan unha característica esencial: é unha arquitectura monumental con vontade de permanencia, dende un primixenio muro ciclópeo até os calexotes de época moderna, pasando pola fiada conservada dun muro ergueito con perpiaño de granito, perfeitamente labrado, e cunha orientación que nada ten que ver co uso relixioso do espazo nos séculos XII e XIII.
Asemade, nos paramentos murarios e nos derrubos da ermida proliferan elementos construtivos (soleiras por exemplo) reutilizados e que proveñen dunha edificación precedente ubicada no mesmo lugar, na metade setetrional do solar. O batolito granítico con grilleiras (marcas de canteira) foi disposto ex profeso e semella pechar intencionalmente un espazo ao que se adosa o paramento murario antigo sobre o que se ergue a capela en época plenomedieval.
Pola súa vez, documentamos evidencias materiais dun uso probablemente doméstico dese espazo, con zonas rubefactadas, niveis de queimado con material asociado, cubetas no xabre e buratos de poste con anacos de vigas carbonizadas. Sen dúbida, as datacións radiométricas serán fundamentais para situar cronoloxicamente esta ocupación temperá. A diferenza con Preguntoiro 2 (cos niveis arqueolóxicos esgotados), aquí no Preguntoiro 1, malia todo, si contamos con potencia estratigráfica e evidencias de ocupación máis alá do uso funerario. En todo caso, a hipótese de partida é que se trata dun uso doméstico coetáneo á necrópole altomedieval e que pode indicar a utilización deste espazo aledaño como zona de recollimento para eses frades-eremitas fundadores do mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro.
Proceso de escavación. Sector 03. Paramentos murarios que se adosan ao afloramento rochoso con grilleiras. Vista ao W.
A distribución espacial das estruturas e dos materiais amosa claramente a organización do lugar antes da construción da ermida do San Xoán Degolado. Os sartegos antropomorfos (canda o epígrafe e a pía) concéntranse na parte meridional, mentre na zona setentrional non existen evidencias funerarias e é aí onde se detectan os vestixios de uso doméstico e as construcións máis antigas. Xa que logo podemos falar dun uso diferenciado do espazo, con dúas áreas de funcionalidade distinta e que pudieron ser coetáneas. Tampouco cómpre descartar a posibilidade da existenza dunha ermida anterior, prerrománica, se ben non temos datos para sustentar esta hipótese, polo de agora.
Outro aspecto subliñable é a coherencia cronotipolóxica dos materiais arqueolóxicos asoellados e a falla de intrusións recentes. O enxoval cerámico remite a un abano cronolóxico entre o século IX e o XI da nosa era, se ben poucos destes materiais semellan aparecer en contexto orixinario, formando parte dos depósitos de recheo das terrazas de cultivo ou de arrastres producidos polos procesos postdeposicionais. Novamente, a presenza de material lítico funcional e de marcas de fulixe en grande parte das ólas e xerras cerámicas semellan remitir a un primixenio uso doméstico, como sospeitabamos na campaña precedente.
En definitiva, fica aberta esta hipótese de que na orixe O Preguntoiro 1 fose un deses poboados espirituais (Martínez Tejera 2016) semellantes aos fomentados polo nobre godo Frutuoso, seguindo os presupostos cenobíticos de Martiño de Tours e Martiño de Dumio. Estes poboados en nada diferían das aldeas ou asentamentos domésticos, cercados por muros e valados.
O novo sartego antropomorfo: contexto funerario e ritualidade
Os sartegos escavados na rocha son considerados un auténtico fósil director para datar o poboamento rural entre a Tardoantigüidade (séculos V-VIII) e o período altomedieval (séculos VIII-X) (López Quiroga e Martínez Lovelle 1991; Martín Viso 2007; López e García, 2013) en boa parte da Península Ibérica. A investigación pioneira de Alberto del Castillo vencellou estas tumbas coa repoboación mozárabe e mesmo chegaba a diferenciar unha tradición oriental catalá (de forma trapezoidal, coa liña de ombreiros recta e o encaixa da testa tamén trapezoidal) dunha occidental navarro-castelá (co encaixe da testa en froma de arco de ferradura) (Del Castillo 1979: 836-7). Hoxendía semella fóra de toda dúbida a súa xénese no mundo tardoantigo, en relación con ritos e costumes funerarios tardorromanos, e a súa xeralización a partir do século VII en adiante (López Quiroga e García Pérez, 2013: 7-8) no ámbito da Meseta N. No caso catalán as datacións absolutas semellan vincular o fenómeno coa dominación e influencia carolinxia arredor dos séculos IX e X (Roig e Coll, 2012).
Sartego antropomorfo escavado na rocha documentado nesta campaña de 2024.
Dacordo co marco historiográfico vixente, e cos datos das nosas escavacións desde 2021 podemos afirmar que estamos diante dun espazo funerario en funcionamento nos séculos IX-X, un pequeno camposanto cristián que combina características formais e espaciais de dúas das tipoloxías sinaladas por Iñaki Martín Viso (2012a, 2012b) e Catarina Tente (2015). Así pois este quinto sartego documentado na presente campaña completa a nosa visión da necrópole, que forma parte desas pequenas agrupacións de menos de 10 sartegos (e que eles consideran familiares). Unha necrópole ordeada (sensu Martín Viso), malia o seu pequeño tamaño. Este quinto sartego amosa ben ás claras a orientación E-W e unha disposición liñal que marca a orixe da necrópole na zona aledaña ao penedo coa inscrición rupestre. Semella que o pequeno cemiterio medra cara ao W como parece indicar o feito de que nese extremo occidental está a tumba que ficou en fase de replanteo e non se chegou a executar.
Mais este quinto sartego é importante por outra cuestión relevante. É este un rexistro arqueolóxico especialmente esquivo xa que estas tumbas rupestres, agás en contadas excepcións, carecen de enxovais funerarios, de restos humanos e de contextos arqueolóxicos claros (Gutiérrez, 2021: 11). Nós mesmos escribimos isto na memoria técnica da segunda campaña de escavacións n’O Preguntoiro (Ayán, 2022: 129): Como acontece na inmensa maioría de necrópoles deste estilo nin contamos con estratigrafía, nin con depósitos de recheo nin con enxoval dentro dos sartegos escavados na rocha. Así e todo, dadas as circunstancias, a calve interpretativa deste espazo funerario altomedieval virá dada pola análise de diferentes factores que definen a relación do camposanto co territorio. Xa que logo, esta cuarta campaña obrigou a desdicirnos. Dentro deste contexto, o novo sartego antropomorfo exhumado nesta campaña no sector 01 en O Preguntoiro 1 é un unicuum. Así pois, para a Ribeira Sacra contamos con senllos depósitos secundarios dentro de sartegos en rocha no sitio arqueolóxico de Os Conventos (A Pobra do Brollón, Lugo) (Ayán 2020b) e na necrópole altomedieval de Barxacova (Parada de Sil, Ourense) (Nieto Muñiz, 2014, Nieto e Rodríguez 2014; Nieto 2021), pero non se documentaron aínda até o de agora contextos funerarios primarios.
c
Restos óseos humanos no interior da tumba (UEPRE24107).
A secuencia estratigráfica documentada no sector 04 remite a unha serie de atividades antrópicas desde o presente até o nivel de uso funerario altomedieval. Así, por baixo da capa vexetal documentamos o nivel de expolio do muro meridional da capela, con ripios de granito e tella. Inmediatamente despois demos con muro de contención dunha das terrazas de cultivo que paseniñamente en época moderna foron ocupando o antigo espazo sagro. Esta estrutura de blocos de granito debeu ser importante á hora de preservar a tumba. Unha vez retirados estes elementos construtivos rexistramos un claro depósito de combustión que cubría o enterramento e a súa contorna inmediata. A recollida de carbóns permitirá ter datacións radiométricas e mesmo a súa identificación antracolóxica2. Esta unidade estratigráfica que cobre a tumba plantexa dúas posibéis interpretacións.
En primeiro lugar, fai pensar na ausencia dunha tampa lítica que tapase o enterramento, xa que este depósito cincento cobre toda a área e non rexistramos bargos de lousa nin doutro tipo de material lítico.
En segundo lugar, deixa a porta aberta para plantexar a súa natureza ritual. Na Idade Media adoitábanse facer lumes mortuorios na honra do defunto mais tamén como medida profiláctica para evitar os malos cheiros nos camposantos. Estes fogos in situ formaban parte de práticas paganizantes que mesmo perviviron até época moderna como se pode ver en visitas pastorais a parroquias galegas. Sexa como for, esta interpretación en clave simbólica abrangue tamén o rexistro exhumado no interior do novo sartego: anacos de cerámica altomedieval, cinco seixos brancos, un depósito de 56 fragmentos de tella e carbóns de orixe vexetal.
Para comprendermos a natureza ritual destas evidencias materiais, traemos aquí un paralelo interesante como é o da veciña necrópole altomedieval do castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón, Lugo) onde o noso equipo ten estudado ben os rexistros funerarios. Aquí estamos diante dun camposanto de labregos a nivel de subsistencia que marchaban ao alén sen enxoval doméstico (nin potes cerámicos, nin moedas…). Pero iso si, documentamos evidencias que nos remiten a práticas paganizantes en varias das tumbas: dentes de herbívoro e de can, un kilo de escoura, dúas doas de pasta vítrea, elementos apotropaicos a xeito de amuleto que, evidentemente, non formaban parte do chao orixinal no que se escavaron as tumbas, senón que foron depositados adrede como ofrendas votivas polos familiares dos finados ao interior das tumbas (seixos brancos, lousiñas furadas). E nesta mesma liña debemos interpretar a presenza de carbóns vexetais. Lembremos que non son sementes ou pole, senón restos de madeiras que foron expostas previamente a unha combustión de orixe antrópica. As análises antracolóxicas amosaron unha grande variabilidade de especies que non se daban nin se dan no castro hoxendía, agás o carballo: sobreira-aciñeira, castiñeiro, nogueira, avelaira, salgueiro/chopo, prunos tipo ameixeira, guindeira e cerdeira, breixo, vide, amieiro, freixo, espiñeiro, arbustos leñosos da familia das Fabaceae e arbustos da subfamilia das Rosaceae/Maloideae.
Se atendemos a outros contextos, peninsulares e europeos, veremos que este tipo de práticas funerarias eran comúns entre os séculos IX e XII. Neste período o ritual funerario estaba controlado polas familias, será a partir do pleno feudalismo canda cambios teolóxicos importantes, entre o século XII e XIII cando esta liberdade de práticas funerarias desapareza pasando ao control estricto da Igrexa. Así pois a presenza de carbóns vexetais e ósos de animais no interior de tumbas coetáneas ás de San Lourenzo é común no norte peninsular: enterramentos da igrexa de Santianes de Pravia, Santa Cruz de Cangas de Onís, Valdediós e San Vicente de Serrapio, (Asturias), mosteiro de Santa María de Piasca (Cabezón de Liébana e Santa María de Hito en Cantabria) e necrópoles vascas de Memaia, Finaga, Mendraka e Arzuaga. Como no caso de San Lourenzo os carbonciños espállanse aleatoriamente por interior das tumbas.
En necrópoles inglesas e merovinxias francesas adoitan aparecer tamén carbóns. E. Salin, nun célebre traballo sobre o mundo merovinxio, vencella estes restos con fogueiras rituais realizadas nas inmediacións das tumbas e con acarreos de cinzas dos fogares domésticos, respostando a antigas crenzas que ligan a morte coa unidade familiar. No caso de San Lourenzo non hai evidencias desas fogueiras arredor das tumbas, pero si o espallamento de carbóns no interior. Neste caso do Preguntoiro si que podemos albiscar ambas as dúas práticas.
Depósito de cinza UEPRE24106 definido en pranta. Vista cara ao SW.
Este tipo de ofrendas funerarias como o esparcimento das cinzas sobre a tumba ou na mesma foxa, coa fin de procurar fecundidade ou conxurar os males, eran tan común que foron prohibidas pola Igrexa ao longo dos séculos XII ao XV. Dar de comer aos mortos é unha prática que a etnografía rexistrou nas comunidades labregas de Euskadi e Galiza até hai ben pouco. De feito, o pan das ánimas é unha tentativa de cristianización desas práticas pagás.
No caso de San Lourenzo cremos que estamos diante de práticas funerarias levadas a cabo polos parentes do defunto, no marco da economía moral das coñecidas como sociedades de casa. A casa como símbolo identitario do individuo, tal como acontece na Galicia rural aínda hoxe. O vínculo coa casa se reforza por exemplo co emprego de bargos de lousa da cuberta da casa na tampa funeraria ou mesmo dentro da tumba, ou o feito de que varias tumbas compartan fragmentos da mesma peza do rodicio dun muíño. Nesta liña, os carbóns que remiten a madeira de árbores e arbustos queimados, ben poden proceder, como sinalan colegas franceses e británicos, das lareiras e dos fogares domésticos, como un xesto que simboliza o vencello entre a casa dos vivos e dos mortos. Con esas cinzas poderían ir anacos de cerámica e outros restos materiais. Nesta liña posicionase a prestixiosa medievalista Roberta Gilchrist (2005: 56-7) a quen citamos ab extenso:
Una práctica más extendida era el “sepulcro de ceniza”: cenizas esparcidas dentro del ataúd, probablemente antes de colocar el cuerpo. Este material no se utilizaba para forrar las tumbas de los cementerios, sino que procedía exclusivamente del contexto doméstico en que se preparaba el cuerpo. Se han identificado unos 43 ejemplos en Inglaterra, en el sudeste, en una distribución geográfica principalmente urbana […] Las cenizas sólo se han analizado científicamente en cuatro casos, pero en todos, su origen parece ser un fuego doméstico o un hogar. Las cenizas contienen restos de huesos de mamífero, espinas de pescado, caparazones de moluscos, plantas carbonizadas, cerámica quemada, objetos de metal y carbón vegetal. La ceniza que se esparcía en los ataúdes provenía de fuegos domésticos, quizás, podríamos argumentar, como símbolo del hogar y la familia, una fuente de consuelo en un lugar tan terrible como el Purgatorio. La ceniza en los ataúdes puede incluso representar los restos de un banquete funerario celebrado en el hogar, una parte esencial del velatorio en la cual familiares y amigos recordaban al difunto.
Á espera dos resultados da análise antracolóxica, o que si temos no sartego do Preguntoiro son dous depósitos inequívocos e intencionais. En primeiro lugar, un botado de anacos de tella (pertencentes a varios pezas completas, tanto curvas como planas) na parte central e costado esquerdo do enterramento. A disposición do material permítenos rexeitar a posibilidade de que a cuberta da tumba fose feita neste material, seguindo a tradición galaicorromana tardoantiga. Trátase dun depósito claro no que sobrancea a tella curva de meirande tamaño, na que se conserva un rectángulo puntillado. É posible que fose empregada como soporte para o traballo téxtil do coiro. A fasquía basta das tellas semellan remitir a unha fabricación local. Como noutros casos nos que o defunto era soterrado con bargos do lousado ou teito do seu fogar, podemos pensar que o finado levase canda si un recordo material da casa, eremitorio ou mosteiro do que procedía.
Proceso de escavación do depósito de tella UEPRE24108.
O segundo elemento material que remite claramente a unha ofrenda votiva a xeito de amuleto ou protección é o conxunto de cinco seixos brancos, esparexidos polo interior da tumba. Esta pedra tivo un carácter apotropaico na paisaxe rural tradicional. De feito, casas vellas da terra de Lemos presentan na cuberta seixos como elemento apotropaico, como pararraios natural. Incluso os primeiros transformadores de FENOSA ergueitos nos anos 40 por canteiros locais, eran coroados nas esquinas por estas pedras máxicas. O antropólogo Rafael Quintía estudou polo miúdo o uso simbólico do seixo polas comunidades rurais galegas (Quintía 2018). Tamén desde a Prehistoria coñecemos ben o trasfondo simbólico destas industrias líticas (Lombera e Rodríguez 2022). Como xa dixemos, seixos brancos temos documentado tamén en tumbas altomedievais da necrópole do castro de San Lourenzo. Eses seixos poden proceder de kilómetros de distancia, da veciña serra ordovícica de Lamas e Moncai. No caso d’OPreguntoiro sobrancea o sustrato granítico en conexión con xistos, e si poden existir nas cercanías vetas de seixo.
Tanto nas tumbas de San Lourenzo como neste sartego d’O Preguntoiro fican estes restos que reflicten crenzas atávicas, nas que conflúen crenzas prerromanas, romanas e mesmo priscilianistas, propias dun cristianismo popular anterior ao invento do Purgatorio e a afirmación teolóxica da superioridade da alma sobre o corpo (Azkarate e García 1989). Neses séculos IX a XII a materialidade do corpo era importante. De aí o coidado na construción das tumbas. De feito, neste sartego antropomorfo escavado na rocha apréciase unha característica que non se reflicte no resto de sartegos do lugar. As paredes laterais son reforzadas con pequenas pedras fincadas e pegadas á rocha, como un anticipo desas tumbas de laxes e muros de cachotaría que van sustituír paseniñamente os enterramentos escavados na rocha.
Definición en pranta do depósito de tella UEPRE24108. Detalle.
A contorna da pía: culto ás augas e inhumacións infantís?
Na campaña de 2023 levamos a cabo unha primera sondaxe entre os sartegos antropomorfos e a pía escavada na rocha. Esta pía é un dos elementos icónicos d’O Preguntoiro xa que antes da intervención arqueolóxica de 2021 era o único elemento visible en superficie, canda os dous sartegos antropomorfos escavados na rocha. A súa presenza material explica tamén o seu papel protagonista no imaxinario popular. O etnógrafo Afonso Campos recollera en Pombeiro en 2007 a seguinte lenda (Campos 2007):
A ermida de San Xoán desfixérona xentes que se fixeron pasar por monxes. Intenraron traer a pía pero ao chegaren ao río non eran capaces de pasar con ela e o que fixeron foi levala de volta á capela de San Xoán.
Tamén foi obxecto de escavacións clandestinas no marco de xogos infantís na década de 1990, e aí naceu mesmo algunha vocación arqueolóxica. Unha reinterpretación popular máis recente sinala que a pía pode ser unha sorte de lagareta, na liña da tradición erudita que defende un imaxinario pasado romano da ribeira. Na nosa primeira intervención de 2021 a restauradora Yolanda Porto (FRÁXIL S.L) procedeu á limpeza da estrutura e documentamos claramente unha cruz gravada no centro da oquedade. Así pois, canda outros afloramentos rochosos con cruces, a pía forma parte de todo este espazo cristianizado no que conviven coviñas prehistóricas e símbolos cristiáns.
Sector 04. Fin da escavación. Vista da pía cara ao E.
A contorna da pía presenta un enorme interés por tres motivos fundamentais:
- Polo seu papel referencial na escenografía simbólica d’O Preguntoiro 1.
- Porque esta zona fronte a fachada da ermida do San Xoán Degolado semella non ter sido tan afectada polas terrazas de cultivo e calexotes de época moderna.
- Porque os construtores do santuario respectaron e deixaron fóra da ermida o penedo coa inscrición rupestre de Asterigo, os sartegos antropomorfos escavados na rocha e esta pía (se é que era anterior ao levantamento do templo).
A capela de San Xoán dialoga, por tanto, con estes elementos simbólicos que remiten a un pasado, a unha memoria emblemática. Cómpre subliñar aquí o feito de que un dos sartegos remanece coa agua enchoupada en época de chuvia, e o mesmo acontece coa pía. Este tipo de estruturas arqueolóxicas foron apropiadas simbolicamente polas comunidades rurais en espazos simbólicos onde se levan a cabo cultos ás augas (Bouza Brey 1963, 1982). En moitos casos en Galicia os sartegos antropomorfos son reinterpretados como Baños dos santos. Tal acontece no veciño Baño do Santo en San Xoán de Candenda, na parroquia de Vilamarín, en Monforte de Lemos (Castro López 1929). Aquí celebrábase a romaría máis importante da terra de Lemos até que a fins do século XIX o bispo de Lugo ordeou a demolición da capela por mor das liortas entre mozos. A veciñanza segue a crer nas propiedades curativas da auga do Baño do Santo. Tamén no propio concello de Pantón, temos o xemplo das Augas Santas, un manancial con restos da Idade do Ferro que foi cristianizado coa igrexa de Santa Mariña e deu orixe a un establecemento termal que segue en boga hoxendía.
Na tradición oral conservouse o recordo dunha fonte ou manancial de San Xoán, perto das tumbas d’O Preguntoiro. Tamén cómpre lembrar a relación do San Xoán Bautista coas augas, vencello que o sitúa como unha das advocacións maís relacionadas con estes cultos acuáticos no Noroeste peninsular.
Sector 04. En primeiro plano, a estrutura cistoide documentada o ano pasado e rematada de escavar nesta campaña de 2024.
Na campaña precedente de 2023 decidimos abrir unha sondaxe para calibrar o potencial arqueolóxico desta área tan interesante. Daquela xa nos chamou poderosamente a atención a aparición en cotas superiores de material alto e plenomedieval diagnóstico (tapadeira lítica, óla, instrumental lítico), o que nos está a sinalar a perfeita conservación dese espazo, onde incluso detectamos un potente nivel de queimado por riba dun sedimento cincento claro que sela unha estrutura praticada no fondo do afloramento rochoso (posible tumba tardía?). Esta circunstancia aconsellou encetar en 2024 ustificar unha ampliación cara ao W da área escavada e a execución dunha nova campaña arqueolóxica que permita aclarar definitivamente a evolución deste espazo excepcional.
A escavación deste ano no sector 4 exhumou o espazo existente entre os sartegos e a pía. Así, puidemos comprobar como todo o afloramento rochoso está inzado de rebaixes de orixe antrópica, e de materiais típicos do período plenomedieval (asas de xerras con ungulacións, galbos con cordóns dixitados…). É factible pensar que meses séculos XII e XIII de apoxeo da ermida, se celebrase romaría na festa do santo, de aí o esnaquizamento e dispersión do material cerámico, algo que tamén acontece no caso xa citado da ermida do castro de San Lourenzo na mesma época (con predominio de xerras de viños, tapadeiras líticas, pequenas ámboas). Non cómpre esquecer tampouco o uso votivos destas xerras con bico trilobulado noutros espazos simbólicos vencellados ao culto ás augas como Santa Mariña de Augas Santas (Allariz, Ourense) (Alonso e Prieto 2017-8).
Pero, sen dúbida, o máis interesante da escavación foi a documentación doutra estrutura cistoide, apoiada sobre e contra o afloramento rochoso, idéntica á identificada en 2023 e moi próxima a ela. Nesta nova estrutura localizamos no interior un depósito moi orgánico de terra negra e no fondo unha peza lítica de procedencia foránea: un coio riarengo pulimentado. Con estes datos, plantexamos a hipótese de que estamos diante de inhumacións infantís, probablemente de neonatos. É este un proceso que coñecemos ben para outras áreas rurais.
Sector 04. Proceso de escavación da nova estrutura cistoide. Sector 04.
Cemiterios vellos, abandonados, humilladeros (Panzarino e López 2021) ou a contorna de capelas ailladas serviron de limbos, de espazo de acollida consagrado para aqueles individuos que non debían partillar a comunidade, como suicidas, esmoleiros ou nenos sen batizar (Jordán et al. 2019). O tratamento diferencial das crianzas detéctase nalgunhas destas capelas populares, onde se enterran baixo o aleiro das paredes laterais ou en zonas periféricas (perto da ábside, ou extremos dos muros das naves) (Fernández Crespo 2008). Como sinalan os antropólogos L F. Jordán e A. Jordán (2019: 119):
En otras ocasiones se les buscaba lugares más decentes, si bien más alejados: en torno a una cruz, en algún lugar apartado de un cementerio, o en su misma periferia, en el perímetro exterior del muro de una iglesia… Todo ello motivado por el temor a que las almas de los niñitos sin bautismo quedaran errantes para siempre o condenadas sin remisión en un espacio de nadie, sin contemplar a Dios.
Estes mesmos autores sinalan o caso irlandés, onde as crianzas falecidas sen batizar eran soterradas en espazos coñecidos como cilliní, lugares tan dispares como cemiterios abandonados ou que se sabía pertenceran ao mundo pagán, igrexas desacralizadas, claustros en ruínas, castelos e torres esborralladas, monumentos megalíticos, paisaxes hierofánicas, outeiros elevados, encrucilladas e até na beira do mar e de lagos. Eses sitios tamén estaban destinados a esmoleiros, suicidas, estranxeiros de relixión descoñecida, náufragos e mesmo deficientes (Jordán e Jordán 2019: 127).
Resulta suxestiva esta hipótese, dun uso funerario posterior ao abandono da necrópole altomedieval. Perante o temor á vida errante deses bebés que poderían molestar aos vivos, para tentar rescatar as almas das crianzas, os pais, nas sociedades rurais tradicionais, procuraban espazos simbólicos protectores como santuarios marianos de resurrección pasaxeira, fontes e ríos curativos, océanos e amres que rexeneran, rochas que protexen, cruces que acollen. Un espazo arreedado como este d’O Preguntoiro, adicado ao culto ás augas cristianizado pola figura de San Xoán Bautista, sería un sitio ideal para estes enterrramentos non aceitados pola normativa civil e eclesiástica.
En todo caso, si temos a certeza de que ese lítico (coiro riarengo pulimentado) foi depositado de xeito intencional dentro da estrutura, como tamén é o caso dos seixos dentro do sartego antropomorfo. Como sinalan R. Gilchrist e B. Sloane (2005: 155-6) en época medieval detéctase un coidado especial dos pequenos, soterrados en posición de durmir e con obxetos apotropaicos, con amuletos, procedentes do fogar e ligados a atividades domésticas.
Non sabemos se era unha tumba ou unha pía arquitecturizada, pero desde logo apostamos por un uso cultual para toda esta zona. A pía, de feito, está individualizada nunha pedra tallada a tal efecto e presento unha sorte de billa ou desaugue na parte frontal.
1 Las tumbas excavadas en la roca se inscriben, por tanto, en la construcción de un variopinto conjunto de paisajes altomedievales, territorios dotados de un significado. En este espacio cargado de referencias, reconocibles por los habitantes de la zona, las tumbas ejercían un papel relevante como creadoras de memoria (Martín Viso, 2012: 184).
2 A análise antracolóxica será feita pola científica titular do CSIC no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Dra. María Martín Seijo.