A historia dunha parroquia de Fene terá o seu fogar propio na antiga Escola Unitaria
A antiga Escola Unitaria de Sillobre, no concello de Fene, será reconvertida nun espazo museístico dedicado á historia e ao patrimonio cultural da parroquia e do seu entorno rural. O proxecto, impulsado polas entidades culturais Asociación Cultural Ferrolterra Antiga e SCRD Agarimo de Sillobre, conta co apoio do Concello de Fene, representado polo alcalde Juventino Trigo e o concelleiro de Cultura, Justo Martínez.
A iniciativa ten como obxectivo preservar e poñer en valor o patrimonio etnográfico da parroquia, promovendo a recuperación de obxectos, documentos e relatos da historia local. Segundo Eva Mª Fraga, representante de Agarimo, a intención é que “o espazo museístico sexa unha ferramenta clave para transmitir este legado ás xeracións futuras”. A proposta tamén busca dinamizar o rural e fomentar actividades vinculadas á artesanía e á agricultura.
Ademais, o proxecto reforzará iniciativas culturais xa existentes, como a Ruta das Lavandeiras e a Ruta da Santa Compaña, e promoverá novos produtos culturais que axuden a fortalecer a identidade local.
O plan contempla a creación dunha sala de exposición permanente sobre a historia das escolas unitarias, o traballo das lavandeiras e a vida tradicional da parroquia. Haberá tamén espazos para exhibicións temporais, actividades audiovisuais e mostras fotográficas. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, sinalou que “este futuro museo será un punto de encontro para a historia e a cultura de Sillobre, onde a veciñanza e os visitantes poderán descubrir como era a vida no rural de Fene”.