fbpx
Máscaras do Entroido de Ons / Arquivo Staffan Mörling

As máscaras e os mudados regresan a Ons nun Entroido que levaba esquecido medio século

Tempo de lectura: 3 min.

Este 2 de marzo rexurdirá oficialmente unha tradición que levaba medio século esquecida, devolvendo á Illa de Ons unha parte esencial da súa identidade cultural. O vindeiro domingo, Ons volverá a celebrar o seu Entroido tradicional, unha festividade que se perdeu en 1975 e que agora se recupera grazas ás investigacións do filólogo bueués José Manuel Dopazo Entenza. O evento, organizado polo Concello de Bueu e a Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, traerá de volta as figuras das máscaras e os mudados, personaxes centrais desta celebración única na illa.

A xornada festiva contará cunha programación específica, comezando ás 12:00 horas coa saída do Entroido e das máscaras, seguida dunha fiada con Arredor da Tradición ás 14:00 horas e, finalmente, a esperada saída dos mudados ás 15:30 horas. Para facilitar a asistencia, a navieira Nabia habilitará un servizo de barco con saída dende Bueu ás 10:00 horas e regreso ás 18:00 horas.

A investigación que devolveu á vida o Entroido de Ons

María do Caño de mudada con roupa da Marina / Arquivo familiar. Década de 1960

A recuperación desta tradición parte do traballo de José Manuel Dopazo Entenza, mestre e investigador da fala e das costumes da Illa de Ons. O seu interese polo Entroido xurdiu a partir do seu estudo sobre o galego falado na illa, no que atopou referencias esporádicas á celebración.

A clave do seu traballo foi a revisión de gravacións realizadas nos anos 60 polo etnógrafo danés Gustav Hennigsen, que recollen testemuños de habitantes da illa sobre o Entroido. Nesas entrevistas descríbese unha figura central da festividade: o Entroido, un boneco de palla sobre unha estrutura de madeira, que se transportaba montado sobre unha ovella e se levaba de casa en casa.

Dopazo tamén entrevistou a persoas da Illa de Ons para reconstruír os detalles da celebración. “Todo o mundo lembraba os mudados, pero case ninguén se acordaba da figura do Entroido”, explica. Grazas ao cruzamento de testemuños, conseguiu determinar que esta figura desaparecera a principios do século XX, mentres que os mudados e as máscaras se seguiron celebrando ata a década de 1970.

Máscaras e mudados: os personaxes do Entroido de Ons

O Entroido de Ons caracterizábase pola presenza de dúas figuras diferenciadas. Por un lado, unha delas é a máscara, protagonizada por persoas novas e adolescentes que se vestían con roupas de cores rechamantes ou vestimentas vellas. Ían cubertas con caretas e levaban un pequeno cesto para pedir polas casas. Os doces máis típicos do Entroido na illa eran os filloces, moñuelos, chulas e orellas.

Por outra banda, neste entroido destacan os mudados, figuras que vestían completamente de branco e levaban unha careta vermella e un pano da mesma cor cubrindo a cabeza. Estes personaxes tiñan un carácter máis caótico, dedicándose a roubar comida e obxectos das casas ou cambiar os carros e as cancelas de sitio. Ademais, facían ruído con tixolas e tarteiras vellas para anunciar a súa chegada.

A partir da Guerra Civil, os mudados adquiriron unha dobre función: algúns mantiveron o papel festivo e inofensivo, mentres que outros evolucionaron cara a un carácter máis transgresor.

Dopazo asegurou que deste entroido consérvanse moi poucas fotografías, a maior parte do arquivo do antropólogo Staffan Mörling, que son as que inclúe este artigo.

Mudados en Curro, cerca da antiga salga, fronte á de Checho / Arquivo Staffan Mörling, 1965

O papel da música

Outro elemento fundamental na celebración era a música. Dopazo destaca que a Muiñeira de Chantada, a pesar de ser unha peza propia da provincia de Lugo, era utilizada na Illa de Ons para avisar aos que estaban no baile da chegada dos mudados durante a fiada. Para o bueués, esta conexión cultural entre zonas afastadas de Galicia supón “un dos aspectos máis curiosos da tradición”.

O percorrido do Entroido centrábase na zona centro-sur da illa, comezando en A Altura e pasando por Pereiró, Canexol e As Xabreiras, ata finalizar en O Caño e Curro.

Dopazo asegura que a repercusión da recuperación do Entroido foi inesperada. “Recibo chamadas de medios de comunicación e de xente interesada de toda Galicia. Non tiña idea do impacto que podía ter isto”, comenta. O seu obxectivo inicial era reconstruír a festividade para a comunidade local, pero agora a recuperación do Entroido de Ons está espertando interese en antropólogos, historiadores e afeccionados á cultura popular galega.

Pode que che interese...