fbpx
Castelao no Prince George´s Hall de Bos Aires / Arquivo

Así era Castelao: do galeguismo cultural á política do exilio

Tempo de lectura: 3 min.

O ano 2025 marcará os 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos intelectuais e políticos máis relevantes da historia de Galicia. Dentro dos actos conmemorativos, o Ateneo de Santiago acolleu recentemente unha conferencia sobre o seu pensamento político no exilio, centrándose en dúas cuestións clave: a súa visión da nación galega e a defensa do federalismo como modelo político para España.

Os encargados de abordar esta cuestión foron os catedráticos Ramón Villares (Historia) e Ramón Maiz (Ciencia Política), quen analizaron o período de Castelao fóra de Galicia, especialmente o seu labor en Bos Aires entre 1940 e 1950.

Antes da Guerra Civil, Castelao era recoñecido como intelectual e artista dentro do movemento galeguista. Porén, tras o inicio do conflito e a caída da Segunda República, asumiu un papel máis activo na política, representando ao galeguismo nas Cortes republicanas.

Segundo Villares, foi no exilio onde Castelao se converteu nun auténtico líder político, sen deixar de ser un referente cultural. “A política non era a súa profesión, pero si a súa vocación”, recoñeceu o propio Castelao nun discurso de 1944.

Despois dun periplo por diversos países, instalouse en Bos Aires en 1940, onde organizou a Irmandade Galega, un novo espazo de encontro para os galeguistas. Alí tamén publicou a súa obra máis influente, ‘Sempre en Galiza’ (1944), considerada a base ideolóxica do galeguismo contemporáneo.

O Consello de Galicia: a aposta pola autodeterminación

Un dos fitos máis importantes do exilio foi a creación do Consello de Galicia en 1944, inspirado nos modelos de autogoberno vasco e catalán. Esta institución pretendía representar politicamente Galicia no exilio, aínda que, segundo os expertos, tivo unha composición restrinxida e non logrou o recoñecemento que Castelao esperaba.

“Era unha estrutura política máis simbólica que efectiva”, explicou Villares. Non obstante, o Consello serviu para consolidar as relacións con Euskadi e Cataluña, fortalecendo o proxecto de federalismo plurinacional dentro da República.

A proposta de Castelao pasaba por unha España federal, republicana e democrática, que recoñecese o dereito de Galicia a autogobernarse e decidir o seu futuro. O seu concepto de federalismo baseábase na idea de “unión apaixonada” dos pobos ibéricos, incluíndo unha posible confederación con Portugal.

A entrada no goberno republicano e o desencanto final

No ano 1946, Castelao foi nomeado ministro sen carteira do goberno republicano no exilio, presidido por José Giral. A súa presenza no executivo representaba o recoñecemento da causa galeguista dentro da República, mais tamén trouxo consigo grandes desafíos.

As dificultades de financiamento e a falta de peso político dentro do goberno fixeron que Castelao se atopase nunha posición complicada. En 1947, decepcionado pola falta de apoio dos vascos e cataláns e pola escasa influencia da República no contexto internacional, renunciou ao seu cargo e regresou a Bos Aires.

Desde entón, centrouse en manter viva a memoria da República e do galeguismo, organizando actos conmemorativos e promovendo a publicación de obras sobre Galicia. Faleceu en 1950 sen poder regresar á súa terra.

O legado de Castelao: nación, federalismo e democracia

A figura de Castelao transcende o seu papel como escritor e debuxante. O seu pensamento político deixou unha fonda pegada no galeguismo e na concepción do autogoberno en Galicia.

Como destacou Maiz, a súa evolución ideolóxica pasou por superar o tradicionalismo e apostar por un nacionalismo baseado na cultura, a lingua e a autodeterminación. O seu proxecto federalista, que vinculaba Galicia co resto de pobos ibéricos, segue sendo un referente no debate sobre a organización territorial do Estado.

A pesar das dificultades que atopou no exilio, Castelao foi unha figura clave para manter viva a identidade política de Galicia nun momento crítico da súa historia. O recoñecemento do 2025 como Ano Castelao supón unha oportunidade para reflexionar sobre o seu pensamento e a súa vixencia no contexto actual.

Pode que che interese...