fbpx
Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Celanova inaugura un memorial en lembranza das vítimas da represión franquista

Tempo de lectura: 3 min.

O 23 de marzo, Celanova acollerá un acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista co descubrimento dun memorial no cemiterio de San Breixo. Este monumento recordará os 90 nomes de persoas represaliadas entre 1936 e 1943, soterradas na localidade durante o funcionamento da Prisión Central de Celanova.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova identificou 13 familias de vítimas que estarán presentes na cerimonia. A maioría delas proceden de Asturias, pero tamén hai representación de Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha, Andalucía, Estremadura e Galicia.

O memorial consistirá nunha prancha de ferro con dúas placas de aceiro onde se inscribiron os nomes dos falecidos. A inscrición principal destacará que o monumento está dedicado “en recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio”. A estrutura estará situada sobre a lápida dunha sepultura que homenaxea a todas as vítimas da represión na comarca de Celanova.

O monumento foi deseñado polo artista Baldomero Moreiras e inclúe unha columna coroada por dúas pombas, similares ás da placa instalada recentemente no antigo cárcere de mulleres. Ademais, o equipo de Histagra instalará un banco de pedra e malla elaborado por Uqui Permui, que servirá como elemento de unión cos traballos de exhumación de fosas noutras zonas de Galicia.

O acto contará coa presenza de representantes do Concello de Celanova, encabezados polo alcalde Antonio Puga, quen agradeceu ás familias a súa perseveranza na procura de recoñecemento para os seus seres queridos. Tamén estarán presentes a Dirección General de Memoria Democrática de Asturias, representada por Begoña Collazo, e o Goberno do Estado, co Delegado do Goberno en Galicia e o Subdelegado en Ourense.

Participarán, ademais, os equipos de investigación que traballaron na recuperación da memoria histórica en Celanova, como Histagra (USC), o Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e Tempos Arqueólogos.

Durante a cerimonia, os familiares das vítimas e o Comité de Memoria solicitarán que o cemiterio de San Breixo sexa recoñecido como Lugar de Memoria, segundo establece a actual Lei de Memoria Democrática.

As vítimas galegas lembradas no memorial

Entre os nomes inscritos no monumento figuran galegos que perderon a vida durante a represión franquista. Algúns deles foron executados, mentres que outros faleceron en prisión debido a enfermidades e malas condicións:

  • Irmáns Manuel e Emilio Fuentes Canal (Verín, Ourense): detidos o 22 de xullo de 1936 e paseados en Celanova o 16 de agosto de 1936.
  • Benito Bello Fernández (Cenlle, Ourense): falecido en prisión o 14 de xaneiro de 1938, con 40 anos.
  • Manuel Faría (Luíntra, Ourense): de nacionalidade portuguesa, detido pola Falanxe en 1937 e falecido o 25 de agosto de 1938.
  • Domingo Mantilla González (Ribadavia, Ourense): morreu en prisión o 26 de setembro de 1939, deixando catro fillos.
  • Enrique Senra Fernández (Arteixo, A Coruña): zapateiro de profesión, falecido en prisión o 23 de abril de 1941.
  • Ramón Yáñez Pereira (Monforte de Lemos, Lugo): guerrilleiro do PCE, asasinado o 13 de xullo de 1943 polas forzas franquistas.

Entrega de restos en Xixón e reunións institucionais

Ao día seguinte, o 24 de febreiro, terá lugar en Xixón a entrega dos restos de Baldomero Vigil-Escalera, fusilado en 1939 en Celanova e soterrado nunha fosa común. O Goberno de Asturias organizou este acto tras a súa identificación mediante probas de ADN, nun traballo conxunto do IMELGA e do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro.

Paralelamente, o Comité de Memoria Histórica continuará a súa rolda de encontros institucionais. Ese mesmo día, representantes do colectivo reuniranse co Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, para abordar cuestións relacionadas coa recuperación da memoria histórica en Celanova e noutras zonas da provincia.

Pode que che interese...