Entroido, magosto e foliada: o Consello da Cultura Galega divulga o patrimonio festivo galego
por David M. Sobrino Platas · 11 Feb, 2025
A iniciativa ‘Proxector’, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) co obxectivo de difundir a cultura galega a través do audiovisual, dedica a súa última entrega ao patrimonio inmaterial das festas galegas baixo o título ‘Cando o pobo vai de festa: celebracións e patrimonio inmaterial’. Esta nova selección inclúe unha ducia de vídeos nos que se exploran diferentes expresións festivas tradicionais en Galicia.
Segundo informou o CCG, a serie arrinca cun vídeo divulgativo que analiza o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, deténdose en tradicións como o Entroido, as lendas populares, os refráns, os contos orais, o magosto, a vendima ou os oficios tradicionais.
Tradicións inmateriais no foco de Proxector
Dentro da selección de vídeos destaca unha peza realizada polo IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, que afonda nas principais máscaras do Entroido tradicional galego e nas súas singularidades. Outro dos vídeos recolle un estudo lingüístico sobre as cinco formas diferentes de referirse ao ‘entroido’ en galego.
Ademais, a nova entrega de ‘Proxector’ inclúe materiais sobre outras celebracións e figuras emblemáticas do folclore galego, como os maios, as lendas do Samaín ou a figura do Apalpador. O antropólogo Rafael Quintiá participa cun vídeo sobre a foliada, unha manifestación festiva tradicional de Galicia que combina canto, baile e música instrumental.
Con esta nova selección de contidos, o CCG continúa co seu labor de divulgación e posta en valor do patrimonio cultural galego, apostando polo formato audiovisual como ferramenta para achegar as tradicións á sociedade.