fbpx
Detalle da escavación / Reforte 2023

O Castro de Esmelle: unha planeación urbanística avanzada que podería cambiar o paradigma do mundo castrexo

Tempo de lectura: 3 min.

O castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, está a converterse nun dos xacementos arqueolóxicos máis prometedores para coñer máis sobre a Idade de Ferro. As últimas investigacións, enmarcadas dentro da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da Universidade da Coruña e do Concello de Ferrol, están a achegar nova luz sobre a ocupación deste asentamento, que se remonta cando menos ao século IV a.C..

Vista aérea de Tralocastro / Samuel Nión

A escavación, dirixida polo arqueólogo Samuel Nión Álvarez, céntrase nunha área situada entre as murallas do castro. Ata o momento, identificáronse tres fases de ocupación, que evidencian unha evolución arquitectónica e funcional do asentamento ao longo do tempo.

Tres fases de ocupación e estruturas monumentais

Os estudos realizados en Tralocastro permitiron identificar unha estrutura arquitectónica de gran complexidade. Segundo os datos obtidos na campaña de escavación de 2023, o castro presenta tres fases principais de ocupación, cada unha cunha reconfiguración significativa do espazo:

  1. Fase 1 (Século IV-III a.C.): A ocupación inicial caracterízase por unha estrutura de mampostería granítica, con muros de ata 2 metros de altura e cuberta de lousa. A presenza deste material, procedente do distrito pizarreiro de Ortigueira, suxire unha posible rede comercial dentro do territorio.

  2. Fase 2 (Século III-II a.C.): Neste período constrúese un novo muro de maior envergadura, que reorganiza o espazo e podería estar vinculado cunha estrutura defensiva ou de acceso á croa. A escavación revelou unha alta concentración de cerámica local, con elementos influídos tanto polo interior como pola costa atlántica, ademais dun fragmento de cerámica fina púnica, procedente da Bética. Esta última descuberta indica contactos comerciais con comunidades mediterráneas.

  3. Fase 3 (Cambio de era – Século I d.C.): O castro sofre unha reestruturación completa, coa amortización das estruturas previas e a construción dunha edificación con esquinas aristadas, posiblemente relacionada con un control de acceso ou unha nova organización funcional do asentamento. Este cambio podería estar asociado á integración do castro no mundo galaicorromano.

Detalle de pezas de pizarra atopadas na escavación / Reforte 2023

Importancia histórica e arqueolóxica do xacemento

A monumentalidade das estruturas descubertas en Tralocastro é un dos aspectos que máis chama a atención dos arqueólogos. A disposición das súas murallas e sistemas de acceso diferénciase doutros castros da zona, o que suxire unha planificación urbanística avanzada.

Segundo explicou o propio Samuel Nión, “as evidencias atopadas en Tralocastro apuntan a que este asentamento podería ter un papel relevante dentro da organización social e territorial da zona ártabra, cunha estrutura que combina características de castro fortificado con posibles funcións comunitarias”.

A escavación tamén reforza a hipótese de que os castros da costa galega puideron desenvolver modelos sociais máis complexos que os do interior, con manifestacións arquitectónicas monumentais e maior interacción con redes comerciais exteriores.

Infografía que ilustra varias pezas representativas do xacemento / Reforte 2023

Futuro da investigación en Tralocastro

A pesar dos avances logrados ata o momento, os arqueólogos insisten en que Tralocastro aínda ten moito que revelar. A continuidade das escavacións e a obtención de novos datos estratigráficos e materiais poderían axudar a esclarecer cuestións clave sobre a evolución do asentamento e a súa integración no contexto galaico-romano.

A conservación do xacemento tamén se presenta así como un desafío importante. Samuel Nión indicou que o equipo de investigación reivindica a necesidade de “máis medios para a restauración das estruturas descubertas e a súa musealización”, de xeito que o castro poida ser visitado e estudado sen risco para a súa integridade.

Divulgación e actividades para o público

Co obxectivo de achegar os resultados da investigación á cidadanía, a exposición ‘Orixes III: Tralocastro MMXXIV’, inaugurada no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, ofrece un percorrido pola historia deste enclave a través de paneis informativos, materiais gráficos e audiovisuais.

Entre as actividades vinculadas á exposición destacan unha conferencia de Samuel Nión na Facultade de Humanidades de Ferrol este mércores 19 de febreiro e varias visitas guiadas ao castro e ao arqueódromo dentro dos ‘Sábados castrexos en familia’.

Pode que che interese...