O Convento do Bon Xesús da Limia en camiño á súa declaración como Ben de Interese Cultural
A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que iniciará o proceso para converter o Convento do Bon Xesús da Limia, situado en Trandeiras, nun Ben de Interese Cultural (BIC).
Foi a ‘Asociación de Amigos do Mosteiro’ a que en 2018 expuxo a necesidade de darlle esta denominación a esta “edificación singular na que concorren os valores arquitectónico, artístico e histórico” e que forma parte do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia.
Así mesmo, a denominación de BIC, “aqueles bens mobles, inmobles e inmateriais máis singulares do patrimonio cultural de Galicia, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia”, achegará a este convento franciscano do século XVI protección, conservación e máis valor.
Coñecido tamén polos nomes de Mosteiro de Trandeiras ou do Bon Xesús, a súa construción comezou en 1520, da man dun dos pioneiros artistas portugueses en Galicia, Bartolomeu de Nosendo, amparada pola lenda de “unha milagrosa aparición da Virxe María co Neno Xesús a Xoán Folgoso”, un suposto veciño da parroquia.
Este Ben de Interese Cultural está formado na actualidade pola igrexa, o refectorio, o claustro, os dormitorios, a hospedaría e a horta pechada cun muro moi alto de pedra, dentro do cal se atopa unha ermida dedicada a Santa Catalina.