“O mundo pensa que a xerarquía é a norma, pero non é universal”: Ibrahima Thiaw explora a historia das comunidades descentralizadas de Senegal
O arqueólogo Ibrahima Thiaw, catedrático da Universidade Cheikh Anta Diop de Dakar, visitou recentemente a cidade de Santiago de Compostela para ofrecer unha conferencia no marco do ciclo Colloquium-Incipit. A súa charla centrouse na historia das pequenas comunidades do sueste de Senegal, que foron capaces de crear espazos de liberdade á marxe das grandes estruturas políticas e económicas da rexión. Falamos con el sobre os achados arqueolóxicos, as tradicións orais e o concepto do terceiro espazo, que desafía as xerarquías establecidas na modernidade africana.

O secretario xeral da Convención das Nacións Unidas de Loita contra a Desertificación, Ibrahim Thiaw / Atlantic Council
A túa investigación céntrase en como certas comunidades de Senegal lograron manter a súa independencia fronte aos grandes imperios. Que evidencias arqueolóxicas existen sobre a súa estratexia de resistencia?
Estas comunidades buscaron a liberdade a un prezo moi alto. Tiñan dúas opcións: enfrontarse aos poderes centralizados dos grandes imperios ou retirarse a territorios de difícil acceso. Parece que optaron pola segunda. O territorio no que se instalaron é topograficamente complicado, con montes elevados e zonas escarpadas. Construíron as súas casas no cumio dos outeiros, ocultas entre as rochas, creando un sistema de camuflaxe natural. Hai aldeas que, mesmo hoxe, é posible pasar por diante sen velas. Isto dificultou a entrada de cazadores de escravos e exércitos invasores.
Historicamente, estas comunidades foron percibidas como grupos marxinais ou primitivos. Que papel xogaron as investigacións arqueolóxicas e as tradicións orais para cambiar esta visión?
En realidade, a percepción non cambiou tanto. Aínda hoxe moita xente segue vendo estas poboacións como “atrasadas”, en parte debido á influencia da etnografía colonial francesa. Desde aquela época, instalouse a idea de que eran comunidades primitivas, e mesmo o seu recoñecemento como Patrimonio Mundial da UNESCO reforza esta visión ao destacar un enfoque etnográfico. A falta de difusión do traballo arqueolóxico tamén contribúe a manter esa percepción.
Falas do concepto do terceiro espazo para describir estas comunidades. Que significa exactamente?
O terceiro espazo refírese a un tipo de organización política e social que desafía as xerarquías tradicionais. Para comprender isto, hai que remontarse ao século XIII, cando se produce un conflito entre dous grandes líderes do Imperio de Malí: Sundiata Keita e Sumanguru Kanté. Sundiata, tras derrotar a Sumanguru, reorganiza o imperio creando un sistema baseado en castas, clases sociais e unha monarquía centralizada. Este modelo de xerarquía espallouse por toda a África occidental, pero algunhas comunidades, como os Bassari e os Bedik, resistiron e rexeitaron este sistema.
No seu caso, non hai rei, non hai nobres, non hai escravos nin divisións sociais ríxidas. A súa organización é horizontal e democrática, algo que desafía a crenza de que a xerarquía é un principio universal. Estas comunidades ofrecen unha alternativa ás sociedades estratificadas, baseándose na cooperación en lugar da competición.
O Imperio de Malí é coñecido tamén pola súa riqueza, especialmente pola abundancia de ouro. Como afectou iso ás poboacións do sueste de Senegal?
O ouro tivo un impacto enorme na rexión. O Imperio de Malí controlaba as rutas comerciais e explotaba as minas de ouro, xerando unha das economías máis prósperas do mundo medieval. Mansa Musa, un dos emperadores máis coñecidos, levou tanta cantidade de ouro na súa peregrinación á Meca no século XIV que provocou unha caída no valor deste metal en todo o Mediterráneo.
Agora ben, a historia do ouro non explica todo. As comunidades descentralizadas da zona de Kédougou, en Senegal, non estaban illadas do comercio. Aínda que vivían en territorios de difícil acceso, atopamos evidencias de que, xa no ano 1000 e.c., comercializaban con obxectos de luxo como cobre, contas de cornalina e ferro. Isto suxire que participaban no comercio global, pero en condicións diferentes aos grandes imperios.
Moitas das institucións creadas por Sundiata Keita seguen existindo en 14 países da África occidental. Como logrou sobrevivir ese modelo ata hoxe?
O modelo xerárquico establecido trala vitoria de Sundiata Keita consolidouse a través da charte de Kurukan Fuga, un conxunto de normas sociais que regulaban as relacións entre os diferentes grupos (o que viría sendo aquí unha constitución). Este sistema espallouse con a expansión do Imperio de Malí, influíndo en países como Guinea, Ghana, Burkina Faso, Mauritania, Nixeria ou Costa de Marfil.
No modelo de Malí, a sociedade divídese en tres grandes categorías: os nobres, os grupos de castes (como ferreiros, músicos e artesáns) e os escravos. As castes son endogámicas, o que significa que non poden casar con persoas doutras categorías. Este sistema segue vixente en moitas sociedades da África occidental.
A visión occidental da historia de África adoita centrarse na escravitude e na colonización, sen recoñecer as súas estruturas políticas previas. Que mensaxe lle gustaría transmitir sobre a preservación da historia e a memoria cultural?
No mundo actual tendemos a universalizar certos modelos políticos e sociais, asumindo que a única forma válida de organización é a xerárquica. Isto débese en parte á influencia de Occidente e Oriente, que impuxeron a súa visión do mundo sobre outras culturas.
Porén, en África existiron e existen formas alternativas de organización, algunhas delas máis democráticas e cooperativas que os modelos occidentais. A historia das comunidades descentralizadas de Senegal demostra que non hai unha única maneira de estruturar unha sociedade. O problema é que moitas destas realidades foron invisibilizadas. Mesmo o concepto de Patrimonio Mundial da UNESCO nace dunha visión occidental sobre que elementos deben ser preservados.
É fundamental recoñecer que a diversidade é clave para comprender a historia da humanidade. Existen sociedades nas que non hai xerarquías estritas, onde a riqueza económica non determina a posición social, e onde a cooperación ten máis peso ca a competencia. Se non protexemos estas historias, estaremos a perder unha parte esencial do noso pasado e do noso futuro.