O patrimonio cultural que conforman as pallozas de Piornedo, en perigo por falta de mantemento e apoio institucional
O conxunto de pallozas de Piornedo, nos Ancares, afronta unha situación crítica debido á falta de mantemento e aos estragos provocados polos temporais. O Partido Socialista de Galicia vén de anunciar a presentación dunha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para solicitar á Xunta un Plan de Rescate destinado á conservación destas construcións tradicionais, recoñecidas como Ben de Interese Cultural (BIC) desde os anos 90 e conxunto histórico-artístico desde 1931.
A proposta socialista inclúe a creación dun plan de dous anos cunha dotación de 500.000 euros anuais, seguido dunha partida fixa de 50.000 euros anuais para o mantemento. Durante unha visita a Piornedo, a viceportavoz socialista, Lara Méndez, afirmou que “a Xunta ten a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia”, pero que ata o momento “as únicas axudas que reciben as pallozas proceden da Deputación de Lugo”.
Desde o Concello de Cervantes, o seu alcalde, Benigno Gómez, subliñou que estas construcións “son un recurso turístico e patrimonial de enorme valor, pero están en risco pola falta de investimento”.
A situación agravouse tras o último temporal, que arrasou parte dos teitos de palla das pallozas de Piornedo. Segundo Lola do Ancho, unha das veciñas que leva anos reclamando axuda, “o vento levou a palla de todas as pallozas da aldea, e non sabemos que máis facer”.
A asociación Teitos de Piornedo, creada no ano 2010 cando a Xunta deixou de convocar axudas anuais para a restauración dos teitos, denuncia que os traballos de mantemento resultan cada vez máis difíciles. “Sen a vida tradicional á que estaban asociadas, o custo de manter unha palloza pode ascender a miles de euros”, explican.
Ante a falta de apoio institucional, os veciños puxéronse mans á obra para evitar a súa desaparición. Retomaron o cultivo de centeo e cada ano organizan cursos de teitado co experto Juan de Burbia, un dos últimos mestres deste oficio tradicional.
Patrimonio en perigo
A declaración das pallozas como BIC impide solucións temporais como a colocación de chapas nos teitos, medida que, aínda que pouco estética, permitiría conservar a súa estrutura á espera dunha restauración completa. O Concello de Cervantes demanda unha intervención inmediata. “Non podemos permitir que estas pallozas desaparezan”, declarou o concelleiro Miguel González, quen instou ás administracións a “asumir a súa responsabilidade” e garantir unha dotación orzamentaria estable para a súa conservación.
Os veciños seguen traballando pola preservación deste conxunto, considerado único en Europa, mais recalcan que sen apoio institucional, será imposible frear a súa deterioración.