fbpx
Alumnado da Escola de Cantería / Deputación de Pontevedra

Os mestres da pedra loitan pola supervivencia. Así é a profesión de canteiro, en risco de desaparición

Tempo de lectura: 2 min.

A cantería foi durante séculos un dos oficios máis representativos de Galicia, dando lugar a profesionais que participaron na construción de edificios emblemáticos dentro e fóra do país. Actualmente, os canteiros galegos seguen deixando a súa pegada en proxectos de rehabilitación internacionais, como a restauración da Catedral de Notre Dame en París, o Big Ben en Londres ou mesmo o Capitolio nos Estados Unidos. Con todo, a escaseza de novos profesionais e a baixa rendibilidade do sector poñen en risco a continuidade deste traballo.

A Escola de Cantería e a formación autodidacta

O CIFP de Cantería de Galicia, situado en Poio, é o principal centro de formación para futuros canteiros e escultores en pedra. Este instituto recolle a tradición da antiga Escola de Canteiros de Poio, que durante décadas formou mestres neste oficio. O seu director, David Alvariño, explica que o traspaso da escola á Xunta de Galicia supuxo unha modificación na formación: “Antes eran tres anos de ensino máis dous para ser mestre canteiro”. Hoxe, a oferta educativa inclúe ciclos de grao medio e superior, ademais de cursos especializados en escultura, modelado e debuxo.

A pesar da existencia dunha formación regrada, moitos dos canteiros en activo seguiron unha aprendizaxe distinta, transmitida de xeración en xeración ou adquirida pola súa propia iniciativa. É o caso de Ignacio Carbajales, canteiro de Teo, quen entrou no oficio con 16 anos sen ter un oficial que lle ensinase: “Aprendín observando e preguntando durante dez anos”. Máis tarde, decidiu converterse en autónomo e especializouse en restauracións que respectan os materiais e estilos orixinais: “Non engado nada, traballo para que a obra quede como estaba”.

Outro exemplo é José Miranda, de Dumbría, quen aprendeu o oficio co mestre da súa parroquia e comezou tallando lápidas antes de asociarse con Julio Bermúdez para fundar unha marmoraría. Ambos participaron na restauración da Catedral de Santiago, un recoñecemento ao seu dominio da cantería tradicional. Con todo, Miranda sinala a falta de profesionais no sector: “En moitas obras houbo que renunciar a certos traballos porque non había xente abonda”.

Máis información en Galicia Confidencial

Pode que che interese...