fbpx
Entroido Ribeirap / José Luís Míguez Vázquez, Entroido Ribeirao

Os oficios e os volantes: así se mantén vivo o Entroido Ribeirao en Chantada

Tempo de lectura: 3 min.

O Entroido Ribeirao, que se celebra na parroquia de Santiago de Arriba, en Chantada, é unha das mostras de Entroido tradicional galego máis antigas e de maior valor etnográfico. Aínda que moitos Entroidos desapareceron durante o século XX, o Ribeirao logrou sobrevivir, mantendo os seus personaxes, os seus rituais e a súa relación coa natureza e o ciclo agrario.

Unha tradición que nunca se perdeu, pero que correu perigo

Marisé Rey, unha das persoas fundamentais na conservación do Entroido Ribeirao, aclara que esta festividade “nunca chegou a perderse totalmente”. Con todo, recoñece que existía o risco de que se dilatase no tempo ata caer no esquecemento.

“Celebrábase en varias parroquias da zona, pero non todos os anos no mesmo sitio”, explica. “Había anos en que unha parroquia non organizaba a festa, pero ao seguinte volvía retomarse”. Foi a partir dunha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Chantada cando varias parroquias da contorna foron chamadas a participar nun desfile, e desde entón formouse unha asociación que traballou para manter viva a celebración.

Actualmente, o Entroido Ribeirao conserva a súa esencia e continúa sendo unha celebración de carácter rural, afastada do modelo urbano e comercial doutras festas carnavalescas. “É un Entroido no que os nenos poden correr pola aldea sen perigo, non hai coches, non hai motos, e celébrase entre hortas e montes”, destaca Marisé Rey.

Entroido Ribeirao / José Luís Míguez Vázquez, Entroido Ribeirao

Os personaxes que dan vida ao Entroido Ribeirao

A festa ten unha estrutura moi marcada e conta con figuras que desempeñan roles específicos dentro da celebración.

Os volantes son os protagonistas do Entroido Ribeirao. Visten un traxe de cores vermello e amarelo e portan un enorme pucho de ata 15 quilos, adornado con flores de papel feitas a man, cintas de cores e pequenas figuras. “O pucho representa a chamada á primavera”, explica Rey. “As flores simbolizan o renacer da natureza tras o inverno, e as cores remiten á chegada do bo tempo”.

Por outra banda, os maragatos, tamén chamados peliqueiros, son os encargados de protexer aos volantes. Visten con peles de animais, calzado vello e un cinto de coiro, co que manteñen a orde dentro da celebración. Segundo Marisé, “a súa misión é impedir que os oficios sexan interrompidos e que ninguén se meta cos volantes”.

Finalmente, os mecos son os encargados de representar os oficios, pequenas escenas de teatro satírico que comentan de maneira burlesca temas de actualidade e de moda ou anécdotas locais. Visten con roupa vella ou estrafalaria e a súa función é divertir e provocar ao público.

Entroido Ribeirao / Alberto Paz Tito, Entroido Ribeirao

Os oficios: o teatro popular do Entroido

Un dos aspectos máis singulares do Entroido Ribeirao son os chamados oficios, pequenas representacións teatrais mudas ou semimudas, que fan crítica social e política con humor e sátira. “Antigamente, os oficios eran un espazo para burlarse de situacións cotiás ou de sucesos locais”, sinala Marisé. “Pero sempre co toque pícaro do Entroido”.

Os oficios teñen un carácter participativo, xa que o público pode interromper a escena, o que dá lugar a interaccións espontáneas e cómicas. Segundo Marisé, “moitas veces os espectadores tentan roubar obxectos da escena ou despistar aos actores, e aí é cando os maragatos interveñen para manter a orde”.

Cada domingo de Entroido represéntanse oficios diferentes, polo que ningunha edición é igual á anterior. “Non hai un guión fixo, cada ano falamos de temas distintos, e iso fai que o Entroido Ribeirao siga sendo auténtico”, explica.

A pesar de ser recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia, os organizadores do Entroido Ribeirao aseguran que este recoñecemento non tivo un impacto significativo na súa preservación. “O noso Entroido depende do esforzo da xente que participa, e non de recoñecementos institucionais”, apuntan.

Un dos grandes desafíos para o futuro é o relevo xeracional. “O Entroido Ribeirao celébrase nunha aldea moi pequena, onde cada vez hai menos xente nova. Eu son a persoa máis nova vivindo aquí, e teño 56 anos”, asevera Marisé Rey.

Por iso, unha das iniciativas da organización foi crear actividades específicas para os máis pequenos. “O martes de Entroido está pensado para os nenos, para que poidan vestirse de volantes ou maragatos e sentirse parte da festa”, explica. “Queremos que aprendan a tradición e que, no futuro, sexan eles quen a manteñan viva”.

Un Entroido único na Galicia rural

O Entroido Ribeirao segue sendo unha das celebracións máis auténticas de Galicia, fiel ás súas raíces e cun forte vínculo coa comunidade. “Non é unha festa masificada, non está pensada para o turismo, senón para os que verdadeiramente queren coñecer e participar nun Entroido tradicional”, conclúe Marisé Rey.

Pode que che interese...