Os segredos arqueolóxicos do mar en Galicia: dende pecios romanos a buques da Armada Invencible
A costa galega garda baixo as súas augas unha gran parte da súa historia. Co litoral máis extenso de todo o estado español, cun total de 1.428 quilómetros de costa, e con condicións meteorolóxicas que dificultaron a navegación durante séculos, Galicia converteuse nun dos territorios con máis pecios afundidos do mundo. Segundo as estimacións, poderían existir preto de 8.000 barcos afundidos, dos cales 1.600 están documentados e identificados.
“Temos un patrimonio subacuático moi rico, porque Galicia foi sempre un lugar de paso e de fondeo natural”, explica Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. Destaca que, ademais das características xeográficas, a gran cantidade de naufraxios débese tamén a que, ata o século XIX, “os barcos navegaban a vela e moitas veces dependían das condicións do mar, sen motores para corrixir rutas en caso de temporal”.

Roberto Pena Puentes
Tesouros afundidos ou patrimonio histórico?
O termo “tesouro afundido” adoita empregarse cando se fala de pecios históricos, mais os expertos prefiren outro enfoque. “Non o vemos como un tesouro económico, senón como un tesouro de información histórica e patrimonial“, aclara Pena que hai uns días participou cunha ponencia sobre Arqeuloxía Subacuática nun encontro organizado pola Marina Española. O interese arqueolóxico céntrase en estudar as embarcacións, os obxectos que transportaban e os restos materiais para reconstruír a historia marítima de Galicia.
Así, algúns dos pecios máis destacados localizados nas costas galegas inclúen o galeón de Ribadeo (San Giacomo di Galizia), un buque do século XVI afundido fronte á Mariña lucense; os barcos da Armada Invencible en Corcubión, pertencentes á frota de Filipe II, que foron destruídos en 1596; o Don Pedro, un vapor francés que afundiu en 1895 preto do Cabo Corrubedo, ou os galeóns de Rande, mergullados na ría de Vigo durante a batalla de 1702 entre a frota franco-española e a anglo-holandesa.
O problema do espolio e as medidas de protección
Un dos maiores retos na arqueoloxía subacuática é a protección destes pecios fronte ao espolio ilegal. Segundo afirma Roberto Pena, “o patrimonio subacuático é moi sensible e pode ser obxecto de saqueo, polo que require medidas específicas de vixilancia e conservación“. En Galicia xa se produciron casos de extraccións ilícitas, como os intentos de saqueo no Don Pedro en Corcubión en 1995 ou en pecios preto de Vigo.
Para evitar estas prácticas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta colabora coa Armada Española, a Policía Autonómica e os grupos de buceo especializados. Recentemente, creouse unha unidade de mergullo na Policía Autonómica co obxectivo de inspeccionar e vixiar os pecios en zonas sensibles.
A protección do patrimonio subacuático está regulada tanto a nivel nacional como internacional. España subscribiu a Convención da UNESCO de 2001, que establece que “o patrimonio cultural subacuático debe ser preservado no seu lugar orixinal e non pode ser obxecto de explotación comercial”. Isto non significa que non poida ser estudado ou visitado por mergulladores, pero sempre dentro dun marco de conservación.
Ademais, o Plan Nacional de Protección do Patrimonio Cultural Subacuático establece directrices para a documentación e estudo dos pecios, garantindo que os traballos arqueolóxicos se realicen de xeito responsable.

Botixa no lugar onde afundiu o barco da armada de Filipe II / Maritime Archaeology Trust
Concienciación e divulgación: unha clave para o futuro
A protección dos pecios non depende só da vixilancia, senón tamén da concienciación da cidadanía. Segundo Pena Puentes, unha das estratexias máis efectivas en países como Reino Unido foi implicar a comunidade de mergulladores recreativos na protección do patrimonio. “A Armada británica colabora con clubs de buceo para educalos sobre a importancia de preservar os restos arqueolóxicos”, apunta.
En Galicia tamén se están impulsando iniciativas de divulgación e turismo cultural, con proxectos que buscan facer accesible este patrimonio. As Xornadas de Arqueoloxía Subacuática, celebradas recentemente na Coruña, puxeron o foco na necesidade de combinar investigación, conservación e turismo sustentable. Entre os temas tratados estiveron a cartografía dos pecios galegos, as normativas de protección e os últimos avances na investigación arqueolóxica baixo a auga.
A posibilidade de crear un museo do patrimonio subacuático en Galicia tamén está sobre a mesa, aínda que por agora segue sendo un proxecto sen materializar.
Así, a arqueoloxía subacuática galega segue sendo un campo cheo de desafíos e oportunidades. Con milleiros de barcos afundidos, moitos deles por descubrir, a combinación de tecnoloxía, investigación e protección será clave para garantir que este legado non se perda. Como sinala Roberto Pena, “non se pode protexer aquilo que non se coñece”. Por iso, iniciativas como a catalogación de pecios e a educación cidadá son fundamentais para preservar este capítulo subacuático da historia de Galicia.