fbpx
Vista aérea da Torre de Meira / A Illa dos Ratos

Un proxectil de pedra granítica e un coitelo, entre o atopado nas escavacións da torre medieval de Meira

Tempo de lectura: 2 min.

A cuarta fase das escavacións arqueolóxicas da torre medieval de Meira, promovida polo Concello de Moaña en colaboración cos comuneiros da parroquia e dirixida pola empresa Árbore Arqueoloxía, xa concluíu os seus traballos de campo e laboratorio. A intervención, iniciada en decembro, permitiu descubrir unha segunda muralla ao redor da torre, así como diversos obxectos de interese histórico.

Un dos achados máis relevantes desta campaña foi a localización dunha segunda muralla que rodea a torre e se estende polo promontorio, situado a 140 metros sobre o nivel do mar. Segundo os arqueólogos, esta estrutura complementaria reforzaría o sistema defensivo do enclave, suxerindo que a fortificación contaba cunha protección adicional fronte aos ataques.

Entre os obxectos recuperados destaca un proxectil de pedra granítica de forma esférica, similar ao atopado na campaña de 2023. A diferenza do primeiro, que apareceu fragmentado, este bolaño consérvase íntegro. Segundo explicou o arqueólogo Benito Vilas, trátase dun proxectil que precede ás bolas de canón e está vinculado ao uso da pólvora en Galicia durante a II Revolta Irmandiña (1467-1469).

Os investigadores sinalan que estas pezas poderían terse lanzado desde bombardetas ou pasavolantes, armas rudimentarias que comezaban a utilizarse naquela época e que formarían parte da ofensiva dos irmandiños contra as fortalezas señoriais.

Un coitelo de ferro do século XV entre os achados

Outro dos elementos relevantes atopados nesta campaña é un coitelo de ferro que conserva tanto a folla como o mango. A peza destaca polo maior grosor na punta da empuñadura, que podería corresponder a unha decoración perdida. Os arqueólogos identificárono como un obxecto doméstico do século XV, sinalando a súa semellanza estética cos coitelos actuais.

Os traballos arqueolóxicos na torre de Meira continúan achegando novos datos sobre a súa estrutura e o seu papel na historia medieval de Galicia. A recuperación de obxectos ligados á defensa da fortaleza suxire que este enclave foi escenario de enfrontamentos durante a Revolta Irmandiña, un episodio no que os campesiños e pequenos fidalgos se alzaron contra o poder feudal.

Pode que che interese...