fbpx
CEIP de Beariz / Páxinas Galegas

A minería e as tradicións da aldea protagonizan o novo museo de Beariz

Tempo de lectura: 2 min.

O pequeno concello de Beariz, situado na comarca natural da Terra de Montes, continúa apostando pola cultura e o patrimonio coa apertura do seu segundo museo. Tras o éxito da Botica de Doade, que recrea o mundo dos antigos sanitarios galegos, o municipio habilitará dúas novas salas no CEIP Beariz dedicadas á vida cotiá das aldeas e á historia da minería local.

A primeira das salas exporará unha colección de pezas etnográficas, tanto adquiridas polo concello como doadas polos veciños ao longo dos anos. “Queremos amosar as formas de traballo e as tradicións de Beariz ao longo da historia”, explica o alcalde Manuel Prado.

Entre os obxectos que poderán verse destacan arados, carros, ferramentas de labranza, un telar, un forno e utensilios de cociña, todos eles empregados durante xeracións polos habitantes da zona. “Será un espazo onde os visitantes poidan comprender mellor como era o día a día nas nosas aldeas”, sinala o rexedor.

A segunda sala estará dedicada á historia da minería en Beariz, un dos elementos máis significativos do seu patrimonio cultural. O concello xa promove o coñecemento deste legado a través do Roteiro Mineiro, un percorrido polos antigos pozos, galerías, fornos de fundición e restos de minas.

“A nova sala incluirá unha mostra de minerais típicos da zona, como o estaño e o wolframio, así como ferramentas e elementos utilizados no proceso de extracción”, explica o alcalde. Entre os obxectos expostos figuran picos, pas, moldes, crisoles e culleres, que permiten achegarse á realidade da minería local.

Un proxecto cultural máis amplo

A creación deste novo museo forma parte dun proxecto máis amplo de conservación e promoción do patrimonio local. O tenente alcalde Tomás Sancho avanza que o concello tamén traballa na declaración dun Ben de Interese Cultural (BIC) vinculado á minería, coa intención de dar un paso máis na protección deste legado.

“O museo, xunto co Roteiro Mineiro, converterase nun punto de referencia cultural en Beariz. A veciñanza e os visitantes poderán coñecer mellor a historia da actividade mineira que marcou o desenvolvemento do municipio”, comenta Sancho.

As novas salas habilitaranse grazas ao taller de emprego Marcofán, un proxecto conxunto con Avión e Melón. Este taller permite aproveitar as aulas desafectadas do CEIP Beariz, cuxo uso educativo cesou recentemente.

Ademais, o concello continúa promovendo iniciativas culturais ao longo do ano, como concursos literarios e fotográficos, a publicación da revista cultural ‘O Quince’ e a edición de libros sobre a historia local. “Estas actividades reflicten o noso compromiso coa preservación e difusión do patrimonio cultural e histórico de Beariz“, conclúe o tenente alcalde.

Máis información en La Región

Pode que che interese...