A muralla de Lugo celebra 25 anos como Patrimonio da Humanidade cunhas xornadas científicas
Coincidindo co 25º aniversario da inclusión da muralla romana de Lugo na lista de Bens Patrimonio da Humanidade da UNESCO, o Museo Provincial de Lugo organiza as VIII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense. O evento, que se celebrará os días 4 e 5 de abril no pazo de San Marcos, pretende ser un espazo de reflexión e análise sobre a trascendencia desta fortificación romana.
O encontro leva por título Muralla romana de Lugo. Ann XXV in tabula mirabilium e reunirá especialistas en historia, arqueoloxía, restauración e difusión do patrimonio histórico. Ademais de analizar a importancia da muralla como elemento singular do pasado, abordará estratexias de socialización e comunicación do seu valor no contexto actual.
Entre os participantes destacan os expertos que elaboraron a proposta que levou a UNESCO a recoñecer a muralla como Patrimonio da Humanidade: Bieito Pérez Outeiriño, Enrique Alcorta Irastorza, Felipe Arias Vilas, Covadonga Carreño Gascón e Ignacio López de Rego Uriarte. Os asistentes poderán escoitar as súa s ponencias e participar en debates sobre a conservación e posta en valor deste ben cultural.
As xornadas incluirán oito conferencias, dúzas mesas redondas, debates-coloquios e visitas técnicas centradas en aspectos arqueolóxicos e de restauración. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web da Rede Museística Provincial ou mediante o código QR do cartaz oficial do evento. O prazo para inscribirse rematará o 3 de abril.
As persoas interesadas poderán seguir as sesións tanto de forma presencial, cun límite de 130 prazas, como en modalidade en liña, facilitando así a participación de investigadores e afeccionados de fóra de Lugo.
A muralla romana de Lugo, que rodea o centro histórico da cidade con máis de dous quilómetros de lonxitude e 71 torres defensivas, é un dos elementos máis emblemáticos do patrimonio galego. A súa conservación e divulgación continúa a ser un reto para as administracións e a comunidade investigadora, que nestas xornadas terán a oportunidade de debater sobre o futuro desta construción milenaria.