fbpx
Muller traballando no servizo doméstico na Idade Moderna / Dall·e

As mulleres non sempre foron amas de casa: un conto só para a burguesía

Tempo de lectura: 2 min.

Ao longo dos séculos, a Historia da emigración galega estivo dominada pola imaxe do home que parte na procura dun futuro mellor mentres a muller queda no fogar, ao coidado da familia e da terra. Sen embargo, esta visión oculta unha realidade moito máis complexa: as mulleres galegas foron protagonistas activas dos movementos migratorios, desafiando as normas de xénero e converténdose en sustento económico das súas familias e, en moitos casos, delas mesmas, pois nin sequera chegaban a casar. Dende as traballadoras do servizo doméstico en Madrid dende o século XVII ata Bos Aires a fins do XIX ou as mulleres que traballaban na protoindustria textil, as galegas desenvolveron estratexias propias para integrarse en novas contornas laborais e redefinir o seu papel na sociedade, chegando moitas delas a emprender e formar pequenos negocios. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da MullerGalicia Confidencial fala hoxe con Ofelia Rey Castelao, historiadora galega de recoñecido prestixio que ten investigado moito sobre as mulleres traballadoras e migrantes e que hoxe nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia.

“As mulleres tiveron que traballar ao longo de todas as épocas históricas, non hai ningunha muller que non tivese traballado”, asegura Rey Castelao, que apunta a que “esta idea de ama de casa que unicamente coida do seu fogar é algo do século XX e exclusivo dalgunha burguesía”. “A muller metida na casa é só produto urbano, só era un fenómeno que se daba nas cidades, pois en Galicia, no mundo rural, nunca existiu tal cousa, porque as mulleres sempre traballaron no campo exactamente igual que os homes”, reivindica a historiadora, que incide en que “a muller unicamente como ama de casa correspóndese con fogares aos que chegaba un soldo e con casos nos que as mulleres tiñan que facerse cargo do coidado de moitos nenos, o que lles dificultaba o poder saír traballar fóra”. Así, estas circunstancias déronse fundamentalmente “no século XIX” e “sobre todo nas grandes vilas industriais”. Con todo, asegura que “nin sequera neses casos podemos dicir que estas mulleres non fixesen nada máis que adicarse a tarefas do seu fogar, porque moitas, aínda estando a maioría do tempo na casa, tamén traballaban, e facíano, por exemplo, no servizo doméstico por horas ou facendo fases do traballo téxtil dende a casa”. Estes modelos tamén foron reproducidos por moitas galegas que vivían en Alemaña nos anos 60 e 70 do século XX cos seus maridos e que, mentres estes traballaban na industria, elas traballaban na casa coa máquina de coser facendo pezas para fábricas téxtiles, obtendo tamén a súa retribución económica.

Máis información en Galicia Confidencial

Pode que che interese...