Así é o Entroido de Salcedo: un Oso acompañado de 14 criados
Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado xa do Entroido de Budián (Pantón), cos seus Brancos e o seu Farranquí, achegámonos hoxe ata o Entroido de Salcedo, no concello lucense da Pobra do Brollón e ao seu Oso, como figura central da festividade. Unha celebración que leva centos de anos celebrándose, pero da cal aínda na actualidade se están a recuperar elementos, como os seus disfraces de campo.
A orixe do Entroido de Salcedo é incerta, a pesar de que moito se tratou de buscar. Como conta Lucas, presidente da Asociación Veciñal de Salcedo, “houbo ata un antropólogo francés e outro xaponés que estiveron investigando as raíces da nosa celebración, pero non deron atopado a data exacta”, aínda que, en calquera caso, pódese afirmar sen lugar a dúbidas que “conta con centos e centos de anos de antigüidade ás súas costas”, estando vinculado a antigos rituais de fertilidade e ciclos agrícolas. Con todo, a celebración non se mantivo intacta ao longo do tempo, habendo certas partes da mesma que se perderon e que agora se están tratando de recuperar. Por iso, aínda que a figura central deste Entroido e pola ampla maioría da sociedade coñecida é a do Oso de Salcedo, que atrae a moitos visitantes, nos últimos anos reivindicouse tamén a presenza na festividade dos Disfraces de Campo.
Máis información en Galicia Confidencial