Lalín aposta pola arqueoloxía: arrinca o I Congreso de Arqueoloxía de Deza
O Concello de Lalín pon en marcha esta fin de semana o I Congreso de Arqueoloxía de Deza, unha iniciativa que busca fomentar o interese polo pasado e potenciar o seu valor como recurso turístico e patrimonial. O evento, que se desenvolverá no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, combina conferencias especializadas con actividades dirixidas aos máis pequenos, como a Semana Arqueolóxica, que comezou onte cun taller no CEIP Varela Buxán de Cercio.
A primeira sesión estivo dirixida polo arqueólogo Víctor García, coordinador do congreso, quen achegou aos nenos de quinto e sexto de primaria ao mundo da prehistoria a través da arqueoloxía experimental. “O que máis me sorprendeu foi que os rapaces xa tiñan un bo coñecemento sobre a prehistoria e os materiais usados naquela época”, indicou García, quen destacou o interese do alumnado polas pezas presentadas, entre as que se incluían reproducións de cerámica, útiles líticos e obxectos da Idade de Bronce.
Os talleres continuaron hoxe no CEIP Xoaquín Loriga, cunha sesión para 33 estudantes de quinto e sexto curso. Mañá será a quenda do CEIP Xesús Golmar, con tres grupos e un total de 75 alumnos, e o xoves pecharase o programa no CEIP Manuel Rivero, con dous talleres destinados a quinto e sexto de primaria.
Pola súa banda, o Congreso de Arqueoloxía mantén aberta a súa inscrición ata completar aforo. Segundo información do Concello de Lalín, xa hai 60 persoas anotadas para participar nas conferencias e actividades previstas.
O evento busca reforzar o coñecemento do pasado de Galicia e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico, ademais de fomentar o turismo cultural como motor económico da comarca de Deza.