fbpx
Carlos Oroza / Camilo Gómez

O legado do poeta Carlos Oroza regresa ás rúas de Vigo da man da asociación Évame-Oroza

Tempo de lectura: 2 min.

A asociación cultural Évame-Oroza presentou este xoves, na Casa Galega da Cultura, o novo programa de actividades para 2024, no marco da celebración do centenario do nacemento de Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015), figura emblemática da poesía galega contemporánea. Ao acto acudiron representantes institucionais da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, destacando o apoio ao traballo cultural desenvolvido pola entidade desde a súa creación en 2022.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou o labor da asociación na revitalización do Casco Vello: “O renacemento cultural e social do noso barrio histórico é un feito grazas ao traballo que realiza o voso colectivo a diario e, como presidenta do consorcio, quero felicitarvos por converter o edificio que rehabilitamos nun punto de referencia”.

Pola súa parte, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, puxo o foco na proxección da entidade máis alá do local: “Évame-Oroza ten unha clara dimensión local, pero vai máis aló dese ámbito; é xusto recoñecer que aglutina cultura chegada desde calquera lugar de Galicia ou incluso de fóra, como sucede no Premio de Poesía Carlos Oroza”.

O presidente da asociación, Javier Romero, anunciou que o II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza manterá dúas modalidades —en galego e castelán— cunha dotación económica de 6.000 euros para cada unha. Ademais, revelou que a asociación está a traballar na instalación dunha escultura en homenaxe ao poeta nalgún punto emblemático da cidade de Vigo, posiblemente no Casco Vello.

Romero explicou que a asociación naceu coa intención de “consolidarse como un espazo para exposicións no que convivan propostas de artistas con traxectorias consolidadas e outras de carácter emerxente”. Esta vocación plural tamén se reflicte na programación que incluirá accións de carácter literario, artístico e musical durante todo o ano.

Oroza: poesía, liberdade e performance

Carlos Oroza foi unha figura singular dentro da poesía galega do século XX. Sen unha extensa obra publicada, a súa reputación construíuse en gran medida grazas á forza dos seus recitais e interpretacións. Vinculado ao movemento beat, foi recoñecido nos Estados Unidos co Premio Internacional de Poesía Underground, e en España a súa figura estivo ligada a posturas libertarias e antifranquistas.

Entre os seus títulos destacan ‘Eléncar’ (1974), ‘Cabalum’ (1980) ou ‘Évame’ (2012). A súa poesía, que a miúdo mesturaba lingua galega e castelá, buscaba unha conexión visceral co público e trataba de “prestar a chama” da palabra aos seus oíntes, como reza un dos títulos máis coñecidos da súa obra.

A súa pegada perdura hoxe tanto no ámbito literario como no urbano, cun centro de ensino e unha rúa en Vigo que levan o seu nome. A escultura prevista será un novo xesto para poñer en valor a súa figura na memoria colectiva da cidade onde pasou os seus últimos anos.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, expresou o respaldo da institución: “Estamos encantados de participar na posta en marcha de todas estas actividades, xa que somos unha institución tremendamente comprometida tanto co desenvolvemento do asociacionismo en Vigo como coa cultura”.

A asociación Évame-Oroza, tal e como recollen os seus estatutos, naceu para custodiar e promover o patrimonio literario do poeta, fomentar a creación poética e transitar a ponte bicultural entre o galego e o castelán que a propia obra de Oroza representa.

Pode que che interese...