O modernismo coruñés, protagonista de visitas guiadas e conferencias gratuítas
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza unha serie de actividades gratuítas para dar a coñecer o patrimonio modernista da provincia da Coruña. O programa inclúe visitas guiadas nas cidades de Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña, así como dúas conferencias que permitirán contextualizar o movemento modernista en Galicia.
As actividades comezarán o martes 18 de marzo cunha conferencia titulada ‘As primeiras escolas europeas e aproximación a Galicia‘, que terá lugar ás 16.00 horas no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. O mesmo día, ás 18.00 horas, realizarase unha visita guiada polo modernismo compostelán, partindo da igrexa de Santa María do Camiño.
O sábado 29 de marzo, a cidade de Ferrol acollerá outra das rutas guiadas, nesta ocasión con saída ás 11.30 horas da praza do Callao, permitindo coñecer o modernismo ferrolán.
A seguinte cita será o venres 4 de abril coa conferencia ‘A arquitectura modernista na Coruña‘, prevista para as 19.00 horas na Fundación Luis Seoane da cidade herculina.
O sábado 5 de abril, ás 11.30 horas, haberá unha visita guiada pola Cidade Vella e o barrio da Pescadería da Coruña, partindo da Porta de Aires. Unha semana despois, o sábado 12 de abril, o programa continuará cun percorrido polo Ensanche coruñés, con saída ás 17.00 horas desde a praza de Antonio Tenreiro.
Todas as actividades son de acceso libre, mais requiren reserva previa. As persoas interesadas poden anotarse enviando un correo electrónico a info@artnouveaucoruña.com, contactando a través da conta de Instagram @modernismo_coruna ou chamando ao teléfono 629 37 47 80.
Unha oportunidade para redescubrir o modernismo na Coruña
O modernismo deixou unha fonda pegada na arquitectura da Coruña, con fachadas decoradas con motivos naturais, rostros femininos e traballos de ferro asinados pola fundición Wonemburger. “Esta iniciativa busca ofrecer unha nova ollada sobre o legado arquitectónico da cidade e da provincia”, sinalan dende o COAG.
A actividade pretende tamén poñer en valor o traballo de Alberto Fuentes Valcárcel, arquitecto, e Joaquín Fernández Travieso, guía oficial de turismo, quen serán os encargados das conferencias e visitas guiadas.
Con esta programación, o COAG aposta por achegar ao público o coñecemento sobre o modernismo galego, un movemento arquitectónico que transformou as cidades da provincia a principios do século XX, converténdoas nun referente deste estilo en Galicia.