Roberto Pena, director do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia: “Moitas veces atopámonos con que hai destrución e afectación ao patrimonio cultural por descoñecemento”
Roberto Pena Puentes é arqueólogo galego. Dende o ano 2014 dirixe o Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Antes de asumir este cargo, estivo á fronte do departamento de vixilancia e inspección do patrimonio cultural, demostrando o seu compromiso coa protección e conservación do patrimonio galego.
Como se atopa agora mesmo a situación da arqueoloxía galega? Contamos cunha protección axeitada a nivel global?
A protección penso que é axeitada. Evidentemente, sempre hai marxe de mellora, pero o que temos agora mesmo é suficiente. O problema principal é que moitas veces non se leva a cabo esa protección de todo o patrimonio cultural. En Galicia temos máis de 20.000 xacementos arqueolóxicos coñecidos, o que fai imposible vixialos todos constantemente. Entre plantacións e actividades cotiás, moitas veces por descoñecemento, prodúcense destrucións ou afectacións ao patrimonio cultural. A policía colabora con nós e tratamos de inspeccionar e informar, pero a realidade é que non podemos estar en todas partes.
Hai algunha zona de Galicia especialmente prometedora en canto a descubrimentos arqueolóxicos?
Non creo que haxa ningunha zona abandonada. Nós recibimos continuamente solicitudes de actuación de particulares, comunidades de montes, asociacións e concellos de toda Galicia. En toda Galicia pode ser que haxa comunidades de montes que teñan máis querencia a solicitar que outras. Quizais na provincia da Coruña na que menos, pero iso non significa que non haxa interese ou patrimonio por descubrir.
Que papel debería xogar a educación na conservación do patrimonio arqueolóxico?
A educación é fundamental para protexer todo o que hai. Moitas veces a xente descoñece o valor do que ten ao seu redor. Lembro un caso no Santuario de Bóveda. Eu ía camiño do Castro, e como levaba xa anos sen ir tiña dúbidas de por onde seguir, entón preguntei a un rapaz e el nin sabía que existía o castro. En cambio, un señor maior indicoumo sen problema. A memoria histórica estase perdendo, e con ela tamén a transmisión de coñecementos entre avós e netos. Antes calquera persoa sabía todos os xacementos arqueolóxico que podía haber na súa zona. Se non se educa ás novas xeracións sobre a importancia destes xacementos, o risco de perder esta parte da nosa historia é moi alto.
É posible que a falta de información provoque danos ao patrimonio?
Si, claro. Nós por exemplo cando facemos intervencións arqueolóxicas sempre procuramos organizar xornadas e visitas guiadas para explicar o que se está a facer e que a xente poida coñecelo. Non queremos parecer “extraterrestres” que chegan alí, fan unha escavación e desaparecen sen máis, sen que os veciños se enteren de nada. Canto máis se informe á xente, menos risco hai de que destrúan xacementos por descoñecemento. Lembro o caso do Altar do Sol, en Alperiz, onde o fillo do propietario da finca reaccionou con asombro ao descubrir nuha das nosas xornadas que o seu pai eliminara sen sabelo tres mámoas de gran valor arqueolóxico.
E en canto ao turismo arqueolóxico, pode supoñer un risco para o patrimonio?
O turismo de masas non adoita dirixirse a xacementos arqueolóxicos pequenos. Para iso xa hai espazos preparados, como o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ou o Castro de Santa Tegra. Son lugares que contan con infraestruturas e medidas de protección axeitadas para recibir a visita de moita xente. Non se contempla que os xacementos pequenos sexan difundidos neste sentido, non sería conveniente. Quen visita estes lugares normalmente é respectuosa e ten un interese real polo patrimonio. Nos casos de maior afluencia, como en Baroña, tomamos medidas de conservación e restauración para evitar o deterioro, pero temos que facelo cada moito tempo, porque nunca nos atopamos con problemas graves.
Que se pode facer entón para mellorar a protección do patrimonio arqueolóxico en Galicia?
O primeiro paso é seguir fomentando a educación e a divulgación. Explicarlle á xente que ese bulto que ven na terra, non é só un bulto, senón unha mámoa, por exemplo. Que saiban o que é unha mámoa, neste caso. en un significado, fíxose dunha maneira, as pedras traíanse ao mellor de 20 quilómetros, arrastrándoas, pesaban tres toneladas… Canto máis saiba a xente sobre o valor do seu patrimonio, máis o coidará. Tamén é importante que as comunidades locais se impliquen na protección e mantemento destes espazos, porque son eles os primeiros en estar en contacto co patrimonio. Finalmente, debemos continuar coa colaboración institucional, tanto a nivel policial como administrativo, para garantir que se cumpran as normativas de protección cultural.