Santa Clara en Pontevedra era máis antiga do que se cría: arqueólogos atopan restos do século XIV
As recentes excavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara, en Pontevedra, revelaron a existencia dunha cimentación que redefine a orixe do recinto, confirmando que o espazo é máis antigo do que se cría. Os restos atopados pertencen a un edificio de principios do século XIV, o que significa que xa na súa fundación, en 1310, o convento contaba con tres edificios principais.
O anuncio foi realizado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen compareceu no convento xunto ao arqueólogo Rafael Rodríguez para valorar a importancia deste achado. “Santa Clara é un reto”, afirmou Domínguez, quen asegurou que a musealización do achado xa se está a integrar no proxecto de rehabilitación do edificio. Ademais, asegurou que “isto non vai retrasar para nada a obra”.
A investigación realizouse a partir de 13 sondaxes arqueolóxicas de 2×2 metros, nas cales se identificou unha cimentación visible en tres delas. As escavacións revelaron “muros potentes” e unha división interna con arco, estruturas situadas en paralelo ao alzado actual do convento. Estes achados ofrecen nova información sobre a configuración orixinal do complexo relixioso medieval.
Segundo a documentación conservada, Santa Clara foi fundada en 1310, cando Dona Maior Pérez doou o recinto e Leonor Rodríguez foi nomeada primeira abadesa. Non obstante, ata agora os arqueólogos non tiñan claro que edificios existían naquela data. O descubrimento confirma que xa na súa fundación o convento contaba con unha gran estrutura, composta pola igrexa e dous pabellóns paralelos.
Transformacións ao longo dos séculos
A estrutura do convento sufriu diversas modificacións ao longo dos séculos. Segundo a documentación histórica, en 1448 realizouse unha reforma importante na Sala Capitular, que xunto coa igrexa, constituía o núcleo central do convento.
Ademais das novas cimentacións atopadas, os arqueólogos basean a datación no análise de restos humanos e mostras de madeira, así como nos numerosos fragmentos de cerámica medieval recuperados nas escavacións.
O arqueólogo Rafael Rodríguez cualificou o achado como unha peza clave nun “puzzle xigantesco” sobre a historia do convento. O seguinte paso será a contratación de novas escavacións por parte da Deputación de Pontevedra para afondar na investigación e contextualización destes restos.
Paralelamente, a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura xa foi informada do achado. Santa Clara está chamada a converterse na oitava sede do Museo de Pontevedra, polo que se está a traballar para integrar estes descubrimentos na futura exposición musealizada do convento.
Os avances arqueolóxicos en Santa Clara seguen a achegar luz sobre o pasado medieval de Pontevedra, confirmando que o convento non só se mantén como un referente do patrimonio arquitectónico galego, senón que segue a revelar novas claves sobre a súa historia.