fbpx
A historiadora Encarna Otero / Cedida

“Se estas mulleres están na cidade, temos que velas”, Encarna Otero reflexiona sobre as invisibles de Compostela

Tempo de lectura: 2 min.

Encarna Otero, historiadora e activista feminista, leva anos traballando na recuperación da memoria das mulleres de Santiago de Compostela a través de paseos guiados pola cidade. Esta iniciativa xurdiu da súa longa traxectoria como historiadora e do seu descubrimento persoal da historia das mulleres, un ámbito que considera imprescindible para comprender a historia local e universal.

“A historia é a miña profesión, pero a historia das mulleres é un gran descubrimento”, asegura Otero, quen destaca que moitas destas mulleres non aparecen nos documentos oficiais, polo que o seu traballo de investigación esixe moito tempo e dedicación. Tras a súa xubilación, a historiadora puido adicarse con máis intensidade a esta tarefa, empregando fontes orais, relatos familiares e o seu propio coñecemento da cidade.

A proposta de crear un libro ilustrado, acompañado de vídeos e unidades didácticas, permitiulle visibilizar estas mulleres esquecidas e situar simbolicamente as súas historias en espazos emblemáticos de Compostela. “Se estas mulleres están na cidade, temos que velas. E para velas, hai que contalas. Porque senón non están”, afirma con contundencia.

Entre as figuras femininas que destaca atópanse tanto personaxes históricas recoñecidas, como Rosalía de Castro ou Ruth Matilda Anderson, como mulleres anónimas pero de gran relevancia para a cidade. No ámbito comercial, menciona nomes como Aurora Pereira Aurichu e as irmás Artime, que rexentaron negocios fundamentais para a economía local. Tamén fai referencia ás mulleres da cociña e a alimentación, como Josefina Vilas ou a señora Lola do Beadense, quen non só alimentaron Santiago senón que tamén promoveron unha economía de proximidade.

A historiadora pon en valor o traballo de mulleres que se destacaron en diversos ámbitos, desde as profesoras universitarias ata as artistas como Rosita López Comunión. Resalta tamén figuras como Luz Fandiño, unha poeta que viviu o sufrimento da emigración e foi un referente na defensa da xustiza social.

No seu discurso, Otero subliña que, aínda que se avanzou moito no recoñecemento das mulleres, a loita pola igualdade é continua. “Eu sempre digo que o tempo pasado foi pasado, punto. E que andivemos moitísimos pasos mediante a loita e o movemento feminista”, comenta. Non obstante, advirte que hai períodos de involución, como o que viviu España tras a Guerra Civil ou o que se percibe na actualidade con certas reaccións involutivas de extrema dereita.

A historiadora considera que o avance das mulleres na sociedade é positivo para toda a comunidade, incluídos os homes. “Todo aquilo que as mulleres fan na conquista dos seus dereitos é bo para a sociedade. Por tanto, tamén é bo para vós. Poñédevos á nosa beira. Porque imos construír un mundo mellor”, sinala.

Encarna Otero tamén reflexiona sobre o papel global do feminismo, un movemento diverso e plural que se adapta ás diferentes realidades culturais e sociais. “Os feminismos, porque son diversos e plurais, únennos na conquista de dereitos e no camiño da igualdade”, explica. Pese aos intentos de división política, confía na intelixencia das mulleres para atopar sempre novos camiños e seguir avanzando cara á igualdade.

Finalmente, a historiadora destaca a importancia de manter viva a memoria destas mulleres a través de actividades culturais como os seus paseos guiados. “Que esas mulleres non estean con nós todos os días non quere dicir que non estean aí. Os que visiten a nosa cidade deben coñecelas e saber que sen elas Compostela non existiría”, conclúe con emoción.

Máis información en Xornal de Compostela

 

Pode que che interese...