‘Soterradas’: a exposición que recupera a memoria das mulleres a través do obxectivo de Walter Ebeling
A Rede Museística Provincial de Lugo inaugurou recentemente a exposición Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling no Museo Fortaleza San Paio de Narla. A mostra propón unha viaxe á Galicia rural de entre 1928 e 1933 a través das fotografías tomadas polo lingüista e investigador alemán Walter Ebeling durante as súa viaxes pola provincia de Lugo.
A exposición pon o foco no papel das mulleres na sociedade tradicional galega, resaltando a súa importancia tanto no traballo agrario como nas tarefas domésticas. As escenas recreadas a partir das imaxes de Ebeling destacan a vestimenta da época, grazas á colaboración da asociación Sete Espadelas, que recompilou e reproducíu prendas tradicionais de diferentes puntos da xeografía lucense. A exposición permite así observar a evolución da vestimenta, dende o uso de tecidos artesanais ata a incorporación dos primeiros tecidos industriais, así como as diferenzas no vestir entre distintas clases sociais.
Ademais de San Paio de Narla, a mostra conta con intervencións noutros espazos da Rede Museística Provincial, como o Museo Provincial de Lugo e o Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, onde se poden ver escenas complementarias recreadas con pezas de indumentaria tradicional.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de maio, permitindo aos asistentes mergullarse na historia da Galicia rural a través das imaxes e do vestiario que formou parte do día a día das mulleres galegas na primeira metade do século XX.