Vixigueiros, bonitos e carolos: as personaxes do Entroido de Samede que volveron á vida hai xa unha década
O Entroido de Samede, celebrado na parroquia de San Xulián de Vigo, no concello coruñés de Paderne, é hoxe un exemplo de recuperación do patrimonio inmaterial galego. Tras décadas no esquecemento, a festividade regresou no ano 2015 grazas ao traballo de veciños como Emilia Cagiao Sánchez, coñecida na aldea como Miluca de Moreira.
Unha recuperación desatada por unha redacción escolar
O proceso de recuperación do Entroido de Samede comezou de maneira casual. “Todo empezou cun traballo escolar para o meu fillo”, explica Emilia Cagiao. “Tiña que facer unha redacción. Fomos preguntarlles aos veciños maiores da aldea, á casa de Pedro de Maceira e acabaron falándonos do entroido con moitísimo entusiasmo”, lembra.
“Nese momento sentín que foi como abrir a caixa de Pandora”. Aquela conversa inicial foi o desencadeante para que Emilia decidise investigar máis sobre a antiga celebración. “Cada visita a unha casa era unha viaxe ao pasado. Moitos choraban ao recordar eses momentos e agradecíanme o interese por recuperar esa parte das súas vidas”, relata.
Co apoio doutros veciños e veciñas, comezaron a recompilar historias, fotografías e obxectos antigos. “Fixemos un encontro no único bar da aldea e cada un trouxo algo: unha corneta militar, un mantón de manila, fotos antigas… Foi unha recuperación colectiva”, detalla Cagiao.

Vixigueiro do Entroido de Samede / Entroido de Samede
O traballo deu os seus froitos e, en 2016, volveu celebrarse o Entroido de Samede, con veciños vestidos ao estilo tradicional e cantando polas casas da aldea. No ano 2017, 56 anos despois da última vez, tamén se recuperou o baile da Muiñeira Cruzada e a representación do Enterro do Policarpio, o meco deste Entroido, que se converteron en actos centrais desta festividade.
Este tradicional meco consta dun busto ou máscara, que se utiliza dun ano a outro e está unido a un corpo que se queima ao final do Entroido. Tradicionalmente, púñaselle ao Policarpio un nabo por baixo dos pantalóns a xeito de falo. Hoxe, pónselle un anaco de madeira e fáiselle sobresaír explicitamente da entreperna.
O nome de Policarpio é moi posible que proceda dun prestamista bastante odiado que viviu en Betanzos nos primeiros anos do século XX, e que deu o nome a este meco para se burlaren del.
A Muiñeira Cruzada: rito de paso e tradición
Un dos elementos máis importantes do Entroido de Samede é a Muiñeira Cruzada, un baile tradicional que, segundo detalla Emilia, “non só era unha danza, senón un rito de paso á idade adulta”. Só podían bailalo os mozos e mozas solteiros con idade de casar, sendo o guía e o contraguía os únicos que podían estar casados.
“Era un sinal de madurez. Se unha rapaza era escollida para bailar, significaba que xa estaba en idade de casar”, explica. “Incluso se alguén xa estaba comprometido, non podía participar na danza, xa non estaba no ‘mercado'”, engade con retranca.
A Muiñeira Cruzada realizábase só durante o Entroido e representaba un momento especial na comunidade. Ían bailando casa por casea o Punto das Airas e “cando chegaban á última casa da aldea, era cando bailaban a Muiñeira Cruzada enteira, un baile que podía durar ata dúas horas”, lembra.

Muiñeira Cruzada / Entroido de Samede
Os personaxes tradicionais: máscaras, carolos e vixigueiros
Os personaxes do Entroido de Samede son únicos e teñen funcións moi marcadas. As máscaras ou bonitos son os que bailan a Muiñeira Cruzada, vestindo traxes decorados con fitas e flores. Por outra banda están os carolos, cun traxe branco máis sinxelo, representan o antigo e máis humilde vestiario do Entroido. É unha figura que desapareceu antes que as demais e foi máis complicada de recuperar. “Era case unha vergonza bailar cun carolo”, comenta Emilia, xa que ninguén quería ser o pobre.
Outra das figuras máis coñecidas deste entroido é a dos vixigueiros ou contrarios. Son os encargados de distraer ao público. “Teñen que chamar a atención, facer rir e evitar que o público se concentre só nas máscaras”, explica.
Unha das reivindicacións principais do Entroido de Samede é manter a súa esencia rural e tradicional. Emilia é clara ao respecto: “Non estamos disfrazados, levamos un traxe tradicional. Hai que diferenciar entre un traxe de Entroido e un disfraz moderno”, asegura.
O Entroido de Samede rexeita a introdución de elementos alleos á súa tradición, como perrucas fosforescentes ou obxectos mercados no bazar. “Queremos que a xente veña, pero vestida acorde coa nosa tradición. Non fai falta moito: unha bata de casa da avoa, un mandilón de cadros e un pucho, e xa estás listo!”, explica.

Bonitos do Entroido de Samede / Entroido de Samede
O futuro do Entroido: unha aposta polo relevo xeracional
A continuidade do Entroido de Samede depende, segundo conta Emilia Cagiao, que tamén é autora dun libro titulado Historia e recuperación do Entroido de Samede, de manter viva a tradición entre os máis novos. “Agora mesmo hai un grupo de nenas que se senten parte do Entroido. Non é só vestirse un día, senón participar activamente na festa”, comenta.
A aldea conta con poucos habitantes, polo que moitos dos participantes veñen de aldeas próximas, como Ambroa, Cela, Mántaras ou Coruxou… Ou mesmo da Coruña. “A maioría da xente que participa non vive en Samede, pero sente a festa como súa”, afirma.
“É un privilexio poder devolverlle á comunidade unha parte da súa historia e ver como hoxe, fillos e netos dos antigos veciños, poden celebrar o Entroido como o facían os seus antergos”, conclúe Emilia Cagiao.
Ver esta publicación en Instagram