fbpx
Libro A Torre, sobre a historia e o patrimonio da Torre de Hércules / Kalandraka

Volven as escavacións á Torre de Hércules tras tres décadas sen intervencións

Tempo de lectura: 2 min.

A Torre de Hércules, símbolo milenario da cidade da Coruña e único faro romano en funcionamento do mundo, volverá ser obxecto dunha intervención arqueolóxica de envergadura nos vindeiros meses. A actuación, promovida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, conta cun orzamento de 995.000 euros, parte dos cales están financiados pola Unión Europea. O convenio, desenvolvido en colaboración co Concello da Coruña, ten como obxectivo principal retomar a escavación iniciada en 1992, restaurar e consolidar as estruturas existentes, e facilitar a súa comprensión e valorización para o público visitante.

Segundo o proxecto, “o obxecto das actuacións é rematar a escavación iniciada en 1992, restauración e consolidación das estruturas arqueolóxicas e que o xacemento sexa máis comprensible, tanto a nivel documental como de rexistro arqueolóxico”. A intención é profundar nas zonas menos investigadas ata chegar aos niveis da época romana, especialmente na parte da base que quedou sen escavar tras a paralización das intervencións polo accidente do petroleiro Mar Egeo en 1993.

A intervención arqueolóxica contará cun investimento específico de 234.719,23 euros destinados á escavación e restauración do perímetro exterior inmediato á base da Torre. Este espazo, segundo se detalla, foi deixado como reserva arqueolóxica a finais do século pasado. Ata o de agora, os sectores A, B e C foran escavados ata niveis medievais, agás en puntos illados onde se documentou superficie tardorromana, mentres que no sector D se alcanzaran capas correspondentes ás primeiras fases de construción do faro.

Con esta nova intervención, preténdese avanzar no coñecemento histórico do monumento e mellorar a comprensión das súas diferentes fases construtivas e usos ao longo dos séculos. O informe técnico sinala que “desde as datas de escavación non se realizou ningunha intervención de restauración e consolidación de pavimentos e estruturas, polo que na actualidade estase producindo perda do material medieval e unha degradación xeralizada do xacemento”.

Outro dos grandes bloques de actuación inclúe a mellora da accesibilidade ao espazo arqueolóxico, así como a reparación de distintos elementos estruturais situados debaixo da plataforma da Torre. Con 277.479,55 euros de orzamento, actuarase sobre vigas e piares metálicos oxidados pola exposición ao vento mariño, unha situación agravada pola “necesidade de manter aberta a porta de acceso continuamente debido á acumulación de gas radón”. Para mitigar este problema, instalarase un sistema de ventilación forzada e procederá ao illamento da zona, ademais da incorporación dunha nova rampa de acceso.

 Iluminación, sinalización e recuperación patrimonial

A renovación da iluminación ornamental da Torre, que se atopa próxima ao fin da súa vida útil, contará cun investimento de 174.346,36 euros. O novo sistema buscará mellorar a eficiencia enerxética e realzar a arquitectura do monumento cunha luz de carácter máis “natural”.

Así mesmo, destinaranse 244.231 euros á restauración das sendas do entorno, eliminando os camiños secundarios, consolidando os principais e facendo accesible o percorrido que circunvala a Torre.

Outras actuacións inclúen a rehabilitación da sala Giannini, na que se proxectará, mediante un canón, a inscrición de Eustaquio Giannini, un dos impulsores da restauración do faro no século XVIII. Esta sala tamén será obxecto de obras para mitigar filtracións e incorporar un recubrimento na porta de acceso á terraza superior.

O edículo e a terraza superior tamén serán restaurados

O edículo, estrutura que acubilla a inscrición romana que dá conta da construción orixinal do faro, será tamén restaurado: renovaranse as carpinterías e as xuntas exteriores. Na terraza superior reporanse os morteiros deteriorados e instalaranse sinais informativos con normas de comportamento, co obxectivo de preservar o espazo ante o continuo paso de visitantes.

Pode que che interese...