A Enseada de Sardiñeiro revela novos restos dun posible galeón do século XVI
A Ensenada de Sardiñeiro, situada no litoral do concello de Fisterra, volve situarse no mapa da arqueoloxía subacuática tras o achado dun canón de bronce de aproximadamente 50 centímetros de lonxitude, posiblemente datado entre finais do século XVI e comezos do XVII. O obxecto foi localizado a uns catro metros de profundidade, grazas ao aviso do centro de mergullo Buceo Fisterra, que detectou os restos e informou ás autoridades.
A intervención arqueolóxica foi coordinada pola Unidade de Mergullo de Ferrol, pertencente á Forza de Acción Marítima da Armada, e polo Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas da Policía Autonómica galega. A operación, desenvolvida o pasado luns 31 de marzo, centrouse en asegurar a extracción controlada das pezas e a protección do contorno mariño onde se atopaban.
Segundo as primeiras hipóteses formuladas polos especialistas, os restos poderían corresponderse cun dos naufraxios históricos da zona: o do galeón ‘Santa María la Anunciada’, pertencente á flota de Padilla, afundida fronte á costa de Fisterra no ano 1596.
Xunto ao canón, os mergulladores identificaron outros elementos de interese arqueolóxico, aínda pendentes de estudo. Estas pezas foron xa trasladadas con carácter provisional ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde recibirán tratamento especializado para a súa conservación, análise e eventual exposición pública.
Máis información en Ferrol360