fbpx
Monte da CMVMC de Pontellas, no Porriño / Google Street View

A Vía Romana XIX sofre danos graves tras unha tala forestal en Pontellas

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha intervención forestal nos montes de Pontellas, no concello do Porriño, causou danos de consideración sobre un tramo da histórica Vía Romana XIX, que conectaba Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), pasando por Lucus Augusti (Lugo). A actuación afectou a unha área situada na contorna dos montes de Ratapán, Centeáns e Sisto, dentro da Zona Especial de Conservación (ZEC) Gándaras de Budiño, segundo denunciou o investigador e divulgador Miguel Trigo na rede social X.

O tramo afectado corresponde a un agger, ou terraplén romano, que —segundo Trigo— era “dos mellores de todo o val de Louro”. A estrutura, de sección trapezoidal, tiña unha base de 12 metros e unha altura de ata 1,2 metros, formada por capas de pedras grosas, cuarcita e seixo dispostas segundo técnicas romanas de construción interurbana. Os materiais procedían de canteiras próximas e foran colocados seguindo criterios de granulometría decrecente, segundo explicou Trigo.

Dos 270 metros que tiña o treito da vía en cuestión, 140 metros foron destruídos pola tala. O propio Trigo denunciou que esta perda non só representa un dano físico ao patrimonio arqueolóxico, senón tamén a desaparición dun recurso pedagóxico único, que permitía observar de forma directa a enxeñaría romana no territorio galego.

Máis información en Nós Diario

Pode que che interese...