fbpx
Inicios de Fuxan os ventos / Real Academia Galega

A voz das mulleres que cantaban na casa chega ao Día das Letras Galegas

Tempo de lectura: 3 min.

A Real Academia Galega continúa coa súa serie audiovisual Se canto é porque quero, dedicada ao recoñecemento das cantareiras galegas como protagonistas do Día das Letras Galegas deste 2025. O terceiro capítulo, xa dispoñible nas súas plataformas dixitais, céntrase na figura de Eva Castiñeira, unha das grandes transmisoras da tradición oral que, como moitas outras mulleres, contribuíu de maneira decisiva á conservación da música popular galega.

O vídeo conta con testemuños de Tereixa Novo, Carmen Vázquez e Pedro Lucas, membros fundadores de Fuxan os Ventos, xunto a voces destacadas do ámbito da música tradicional como Felisa Segade (Leilía), Martín Mondragón (Mondra), Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), ademais do alumnado do CEIP Os Muíños (Muxía) e as regueifeiras do Regueifa Tour.

O papel pioneiro de Fuxan os Ventos

A orixe de Fuxan os Ventos remóntase a 1971, cando un coro feminino dun colexio de Lugo, dirixido polo cura Mato, deu lugar ao nacemento dun dos grupos máis influíntes da música tradicional galega. A súa presentación oficial tivo lugar no festival das San Lucas de Mondoñedo en 1972, feito que impulsou a súa actividade artística e as primeiras recollidas de cancións tradicionais. “Foi aí cando comezamos a ser conscientes de que había un patrimonio inmaterial inmenso”, lembran os seus membros, e recoñecen que arredor do 80 % do repertorio de Fuxan estaba composto por pezas tradicionais recollidas directamente do pobo.

Eva Castiñeira / QPNC

A recolla como acto de xustiza cultural

Outros grupos, como Leilía, recollen ese legado e danlle continuidade. As súas primeiras recollidas tiveron lugar entre 1985 e 1986, e a súa primeira actuación foi no 1989. Segundo se destaca no vídeo, a súa motivación era que “aquelas melodías non quedasen nese casete”. O grupo mantivo a súa actividade durante 34 anos, ata o seu punto e aparte recente, constatando o cambio no panorama musical galego desde a súa fundación.

Leilía tamén reivindica a importancia de facer visible ás transmisoras orais da tradición: “O recoñecemento expreso ás mulleres que gardaron e transmitiron a música tradicional era necesario”, afirman. Entre elas, Eva Castiñeira, cuxa gravación compartía cinta co ‘cego dos Vilares’, mais mentres el si figura nos rexistros dixitais actuais, o seu nome apenas aparece. “Pensamos que tiñan que estar os dous no mesmo lugar”, declaran.

Diversas voces salientan como durante décadas se considerou que esta música e a lingua galega eran “cousa de aldeáns”, o que derivou nun desprestixio social que afectou á súa transmisión. Porén, artistas actuais como Tanxugueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra están a achegar a tradición a novas xeracións, reivindicando as súas raíces e poñendo en valor a música e a palabra como elementos de identidade.

Unha nova xeración que canta e improvisa

A participación do CEIP Os Muíños, en Muxía, pon de manifesto como a tradición pode seguir viva a través das novas xeracións. As nenas e nenos do colexio crearon unha cantiga propia para homenaxear a Eva Castiñeira, xogando coa métrica e coa retranca propias das coplas populares.

Tamén o fixeron as regueifeiras Nântia, Maré, Joana e outras integrantes do Regueifa Tour, un colectivo que leva a regueifa por Galicia e fóra dela, defendendo que a improvisación oral é unha práctica viva, feita tamén por adolescentes. Coa melodía dunha peza cantada por Eva Castiñeira, lanzan mensaxes de empoderamento e conciencia social: “Cantamos dende pequenas, é a nosa tradición, e berremos, ai, todas xuntas, somos a revolución”.

O vídeo conclúe cunha idea que atravesa todo o relato: a transmisión da música tradicional foi, fundamentalmente, tarefa das mulleres. Mulleres que, entre outras tarefas, cantaban na casa, nas festas, nas eiras e nas igrexas, e que fixeron posible que Galicia conserve un dos patrimonios musicais máis ricos da península. Como se di na propia peza audiovisual, “isto é grazas a elas”.

A serie Se canto é porque quero continúa así o seu percorrido audiovisual, contribuíndo ao recoñecemento público das cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, e facendo visible un labor cultural colectivo que, durante demasiado tempo, permaneceu na sombra.

Pode que che interese...