Da ruína industrial á Rede Museística de Galicia: nova vida para a fábrica de papel do século XIX
O Museo da Fábrica de Papel de O Carballiño será unha realidade nos vindeiros meses. Así o confirmou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita oficial ás instalacións situadas na parroquia de Santa Mariña de Longoseiros, á beira do río Arenteiro. A futura apertura deste espazo forma parte dun convenio entre a Xunta e o Concello carballiñés, no que a administración autonómica investiu 170.000 euros destinados á súa musealización.
O museo, que aspira a integrarse na Rede de Centros Museísticos de Galicia, ten como obxectivo preservar e difundir a memoria dunha das industrias máis singulares do século XIX no interior galego: a elaboración artesanal de papel, impulsada no seu día polo médico compostelán Bernardo Taboada.
Segundo explicou López Campos, “o interese social e patrimonial desta fábrica é innegable, tanto pola súa vinculación co territorio como polo seu valor educativo”. A proposta museística permitirá aos visitantes observar en directo o proceso tradicional de fabricación do papel, reproducido con maquinaria restaurada ou recreacións baseadas na documentación histórica do complexo.
Unha Fábrica con dous séculos de historia
A antiga Fábrica de Papel da Lavandeira comezou a súa actividade arredor de 1838. Foi precisamente ese ano ca ndo Taboada, xunto coa súa esposa Ana de la Riva e o presbítero José Valeiras, acordaron construír unha presa n o río Arenteiro para dotar de enerxía hidráulica ao complexo fabril. O lugar elixido foi o paraxe coñecido como A Retorta, dentro da parroquia de Longoseiros.
A instalación industrial dividíase en cinco espazos diferenciados: selección de trapos, moenda cos mazos, casa das tinas, secadoiro e bruñido final. Toda a cadea de produción baseábase no movemento continuo de seis rodas hidráulicas, accionadas pola forza da auga canalizada desde o Arenteiro a través do acueduto da Lavandeira.
Cada unha destas rodas —de aproximadamente dous metros e medio de diámetro— movía mazos de madeira que golpeaban a materia prima, nun proceso que chegaba a alcanzar os 40 golpes por minuto. Ao final do acueduto, unha sexta roda facía funcionar o mazo de satinado, encargado da fase final da preparación do papel.
O secadoiro era outra das pezas clave da fábrica. Construído en dúas plantas e con máis de 22 metros de longo por 8 de ancho, dispuña de 14 ventás en cada lateral e outras cinco na fachada posterior, o que permitía unha ventilación adecuada para o secado das follas de papel.
A fábrica mantivo a súa actividade durante unhas décadas, pero en 1840 sufriu un incendio que afectou gravemente á súa viabilidade económica. A pesar dos intentos de alugueiro e venda —como o rexistrado en 1846 a favor de Juan Bernardo Fernández Fernández— o complexo entrou en decadencia e cesou a súa produción antes de 1884, segundo indican fontes como o Indicador de Galicia.
A partir de 1896, as instalacións foron adquiridas polo empresario Ramón Cividanes, interesado en adaptar o espazo á xeración de electricidade. Máis adiante, instalouse nel unha serraría movida por turbina hidráulica.
Con todo, as estruturas principais da fábrica conservaron parte da súa integridade ata o século XXI. Foi en 2007 cando, por acordo do Concello, a Xunta e o Ministerio de Cultura, se encomendou ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto o proxecto de rehabilitación integral.
A intervención actual céntrase na musealización dos espazos conservados, a incorporación de elementos interpretativos e a habilitación dunha sala de exposicións temporais. O obxectivo é que o museo funcione tamén como un centro cultural activo, que ofreza actividades formativas, obradoiros e programación vinculada á memoria industrial e ao patrimonio.
Na actualidade, os traballos están en fase final, pendentes de completar algúns requisitos técnicos e administrativos que permitan a súa incorporación formal á rede museística autonómica.
“Trátase dun proxecto que conxuga recuperación patrimonial, memoria histórica e dinamización territorial”, sinalou López Campos, quen destacou que a súa ubicación, “á beira do Arenteiro e en plena natureza”, favorece a creación dun itinerario cultural e ambiental no municipio.
A apertura do museo tamén está chamada a reforzar a oferta turística da comarca do Carballiño, con posibilidades de crear sinergias con centros educativos, asociacións culturais e rutas de sendeirismo que inclúan o antigo complexo fabril no seu percorrido.
A pesar de tratarse dunha instalación moi danada polo paso do tempo, chama a atención o bo estado de conservación do contorno natural, que se mantivo practicamente intacto. A recuperación das infraestruturas permite agora que o lugar volva formar parte da vida pública como espazo visitable e didáctico.
As fontes documentais destacan a relevancia que chegou a ter a fábrica no seu tempo, aparecendo mencionada en mapas como o de Coello de 1856 e o Indicador de Galicia de 1867. Pola contra, a súa desaparición dos almanaques industriais a partir de 1884 confirma a súa perda de protagonismo no tránsito cara á modernidade.