‘Desconsuelos de los dichosos’: o diálogo entre Sentido e Razón que Quevedo escribiu no seu retiro
Un texto inédito de Francisco de Quevedo, escrito en 1633 e conservado en París, acaba de ser editado por Antonio Azaustre Galiana, catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e por José Manuel Rico García, profesor da Universidade de Huelva. A obra leva por título Desconsuelos de los dichosos para que reconozcan los peligros de serlo y sepan prevenirlos e ve a luz por vez primeira grazas ao labor conxunto destes dous especialistas en literatura do Século de Ouro.
O manuscrito, custodiado nos Archives nationales de France, foi localizado entre documentos que chegaron ao Ministerio de Asuntos Exteriores francés a mediados do século XVIII. A súa publicación insírese na colección Biblioteca Áurea Hispánica da editorial Vervuert, cunha edición crítica que inclúe estudo introdutorio, anotacións e análise textual.
Datado o 20 de agosto de 1633 e escrito durante o retiro de Quevedo en Villanueva de los Infantes, o texto está dirixido a don Fadrique de Toledo, alto mando militar caído en desgraza na corte de Felipe IV por mor da súa confrontación co conde-duque de Olivares. A obra desenvólvese en forma de diálogo entre o Sentido e a Razón, no que se advertía dos perigos da arrogancia e da perda de perspectiva nos cargos poderosos, todo desde unha óptica neoestoica, influída por Séneca.
Os autores da edición destacan que “o texto confirma o enfrontamento político entre Quevedo e Olivares, que xa tiña precedentes en obras anteriores como Política de Dios (1626) ou os memoriais de 1628 a favor do padroado de Santiago”, explican Azaustre e Rico. A tensión entre ambos culminaría anos máis tarde coa prisión do escritor en San Marcos de León, en decembro de 1639.
A edición do texto vai acompañada dun estudo introdutorio no que se describe o manuscrito, se defende a súa autoría e se analizan as múltiples conexións con outros escritos coñecidos do autor madrileño. A obra conserva a súa estrutura dialogada e utiliza un estilo moralizante, que busca provocar unha reflexión sobre os límites do poder e a necesidade de humildade ante a vontade divina.
O texto inclúe un apartado de notas extenso, destinado a facilitar a comprensión do lector actual e contextualizar referencias culturais, históricas e literarias propias da época.
A USC, pioneira na recuperación do Quevedo máis descoñecido
Esta publicación supón a terceira obra inédita de Quevedo rescatada coa participación da Universidade de Santiago, consolidando o papel central da institución galega nos estudos quevedianos. En 1993, os profesores Fernando Cabo Aseguinolaza e Santiago Fernández Mosquera editaron ‘Execración contra los judíos’, un memorial no que Quevedo se opoñía ás negociacións financeiras de Olivares cos xudeus portugueses.
En 2020, Azaustre e Rico deron a coñecer outro memorial inédito, dirixido á Inquisición, sobre a polémica das reliquias do Sacromonte de Granada. Estes traballos teñen sido desenvolvidos no seo do Grupo Calderón, Grupo de Investigación de Referencia Competitiva da USC, dirixido por Fernández Mosquera e do que forman parte os dous editores de Desconsuelos de los dichosos.