fbpx
Mámoa de Chantada localizada por Lidar e que xa aprece nun documento de 1469

Esta é a historia da mámoa documentada en 1469

Tempo de lectura: 2 min.

Na documentación medieval dos mosteiros galegos non resulta infrecuente atopar referencias a mámoas (enterramentos funerarios duns 6.000 anos de antigüidade) en doazóns, foros, cambios, límites territoriais, etc. Segundo os datos que manexamos, o mosteiro onde se atopan máis referencias é no de Santa María de Monfero, que fala dunha mámoa, hoxe en día desaparecida, no concello de Guitiriz. Trátase da mámoa de Corvite, na parroquia de O Buriz, citada catorce veces entre os anos 1147 e 1281. Sen saír da provincia de Lugo, tamén na documentación de Monfero faise alusión á mámoa de Bustelo, en Muras, nos anos 1300 e 1349. Xa en época moderna é famoso o preito, onde se citan un número elevado destes enterramentos, do crego e fidalgo do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, que recibira no ano 1609 autorización real de Felipe III, a cambio dunha parte para a coroa, para buscar tesouros nestas tumbas prehistóricas, o que propiciou que os campesiños profanaran máis de 3.000. Tesouros non atoparon, pero a desfeita foi grande; está documentado que só nas antigas xurisdicións de Friol, San Paio de Narla e limítrofes abriron unhas 400.

No concello de Chantada hai documentadas arredor dunha trintena de mámoas, pero ningunha na parroquia de Merlán. A raíz da búsqueda de información sobre un posible priorado medieval en Paracostoira, na parroquia chantadesa de Pedrafita, demos cun documento na Biblioteca Nacional do 11 de xaneiro de 1469 en que o mosteiro de San Salvador de Asma afora a Johan Monteiro e á súa dona Elvira o lugar de A Mámoa, na parroquia de Santo Tomé de Merlán. O documento foi outorgado ante o escribán real e notario público Alfonso de Moure.

Documento do 1469 que xa dá conta dunha mámoa en Merlán, Chantada / Xavier Moure

Pero hai máis. Como ten acontecido en numerosas ocasións, sempre resulta probable que a mámoa xa non existira. De todos os xeitos, para cerciorarnos, puxémonos a buscala por medio da tecnoloxía Lidar, unha ferramenta que utiliza o láser. E alí estaba. A pouco máis de 250 metros en liña recta, ao norte do núcleo de Merlán, localizamos unha mámoa, situada nun pastizal, duns 15 metros de diámetro, bastante achandada en altura debido aos labores agrícolas. Ademais do enterramento, a parcela onde se atopa aínda conserva no Catastro o topónimo de A Mama, unha das variantes de mámoa.

Daí a importancia da documenación antiga para localizar xacementos arqueolóxicos. O achado xa foi comunicado ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan á súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...