fbpx
Imaxe antiga dunha palilleira en Camariñas / Mostra do Encaixe de Camariñas

Fíos, moda e identidade: así mantén Camariñas a esencia do seu Encaixe

Tempo de lectura: 4 min.

Camariñas volve vibrar esta Semana Santa coa súa Mostra do Encaixe, un evento que vai moito máis aló dunha feira de artesanía. Ao longo de cinco días, a vila da Costa da Morte convértese no epicentro dun encontro onde o patrimonio inmaterial se mestura coa moda, a innovación e a identidade cultural. Pero detrás desta celebración hai unha historia longa e complexa, que afonda nas raíces do pobo e se proxecta cara o futuro. Unha historia que se mantén viva grazas á transmisión interxeracional e á vontade de seguir experimentando, sen perder a esencia.

Dolores Lema, directora da Mostra desde hai anos, explicou a Historia de Galicia en profundidade como foi evolucionando este proxecto colectivo que cumpre agora 34 edicións. “En teoría tiñamos que levar 35, pero a COVID impediunos celebrar unha edición”, puntualizou. Dende o seu inicio, alá polo ano 1991, a Mostra apostou por integrar o encaixe de Camariñas no deseño de moda, abrindo camiños inexplorados para unha técnica que ata entón quedaba recluída ao ámbito doméstico ou ornamental. “No arsenal doméstico xa estaba moi traballado polas artesás locais, pero o salto á roupa foi o comezo dunha nova etapa”, lembra Lema.

Cartel da primeira Mostra do Encaixe de Camariñas en 1991 / Mostra do Encaixe de Camariñas

O encaixe como materia viva

A Mostra funciona como escaparate do potencial creativo do encaixe camariñán, mais tamén como laboratorio de innovación. A súa directora salienta que as aplicacións actuais van moito máis alá da indumentaria tradicional: “Integramos o encaixe na xoiería, na prata, no coiro… ata nos oleiros de Buño colaboramos. Queremos demostrar que é viable e factible para todo tipo de deseños”.

Este espírito de apertura non renega da tradición, senón que a toma como base. “Seguimos coas técnicas do encaixe de Camariñas, que non se poden perder, pero innovando”, insiste. A clave está, segundo a responsable da Mostra, en evitar o estancamento: “Porque se nos estancamos, mal imos. En calquera traballo, e sobre todo nun de artesanía”.

Orixes entre lenda, porto e Camiño

Nenos palillando / Mostra do Encaixe de Camariñas

Un dos aspectos máis fascinantes da historia do Encaixe de Camariñas é precisamente a súa orixe, envolta en múltiples hipóteses e relatos. Para Lema, as dúas teorías que máis forza teñen son a da chegada polo Camiño de Santiago e a do papel clave do porto camariñán no comercio marítimo dos séculos XV e XVI. “Sabemos que houbo moitas ofrendas nas catedrais con encaixe de Camariñas, e tamén hai documentación que mostra como se exportaba ás Américas”, explica.

O que está claro é que, dende a súa chegada —xa fose por mar, por fe ou por ambas—, o encaixe foi asumido como propio polas mulleres da comarca, que desenvolveron co tempo unha técnica singular e recoñecida a nivel internacional.

O papel da transmisión e as escolas

Un dos grandes desafíos do encaixe hoxe é a súa continuidade. Para facer fronte ao risco de desaparición, Camariñas puxo en marcha nos anos 90 unha escola taller e diversas iniciativas formativas para as novas xeracións. “Antes era todo transmisión xeracional. A min ensinoume a miña avoa, porque miña nai estaba traballando. Era así, sempre saltando unha xeración”, comenta Dolores Lema.

Na actualidade, a escola de palillo segue funcionando e é unha das pedras angulares do evento. “Aprendes a palillar e é como quen aprende a andar en bicicleta: nunca se esquece. A práctica ven despois, pero a base queda para sempre”, asegura.

A participación no desfile do Pequeencaixe é un dos incentivos clave para a mocidade. “É unha condición indispensable: quen desfila ten que estar apuntado á escola. Non pode ir unha rapaza que non saiba palillar. Así garantimos que o desfile sexa tamén unha ferramenta pedagóxica”.

Un aspecto especialmente revelador é o papel da man de obra local no proceso de produción de encaixe de calidade, mesmo cando se trata de grandes marcas. Lema conta un exemplo que a marcou: “Zara pediu incrustar encaixe de Camariñas e tivo que botar man das costureiras da zona porque non atopou quen soubese facelo fóra”. A técnica da incrustación, precisa, non é coser, senón un proceso específico que só se domina nesta comarca. “É algo que me chamou moitísimo a atención: que fose tan exclusivo e tan pouco espallado”.

A mostra como experiencia total

A Mostra do Encaixe de Camariñas non é só pasarela. É tamén feira, gastronomía, encontros culturais e espectáculos. “Unha familia pode entrar pola mañá e estar todo o día sen saír. Hai stands de venda, zona gourmet, catro desfiles diarios diferentes, presentacións de libros, música…”, describe a directora.

Todo iso xorde dunha estrutura organizativa ampla, que conta co apoio do Concello de Camariñas, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e empresas locais, pero sobre todo cun equipo de voluntariado que fai posible cada edición con dedicación e entusiasmo. “Sen eles non sería posible. A Mostra é un proxecto colectivo”, afirma.

A Mostra leva 34 edicións, pero o seu camiño non remata aquí. Cada ano propón novas formas de aplicar o encaixe, novos carteis, novos vídeos promocionais. Desde ‘Fíos de lenda’ ata ‘Camariñas, un mar de piques’, a dimensión audiovisual da Mostra tamén ten un papel clave na difusión do seu patrimonio.

Dolores Lema ten claro que a forza da Mostra está na súa capacidade para adaptarse sen romper o fío que a une co pasado. “Na mostra vas ver dende a aplicación do encaixe máis tradicional ata o máis innovador. Onde menos pensas que se pode aplicar, alí estamos”.

Unha esencia que, como ela mesma di, “é a integración dun todo”, un espazo onde a memoria se transforma en futuro e onde cada palillo que soa é tamén unha nota de identidade que resiste o tempo.

Desfile da Mostra do Encaixe de Camariñas / Mostra do Encaixe de Camariñas

Pode que che interese...