fbpx
Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño / Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

O románico lucense da Ribeira Sacra ábrese ao público: coñece as oito igrexas que se poderán visitar moi pronto

Tempo de lectura: 5 min.

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Diócese de Lugo poñen en marcha a partir do 12 de abril un proxecto piloto que permitirá abrir ao público oito igrexas do románico rural na provincia de Lugo, situadas en concellos como Taboada, Pantón, Carballedo, Sober, Chantada e O Saviñao. A iniciativa, que se estenderá ata finais de setembro, busca ofrecer unha solución sostible e organizada para facer accesible este importante legado patrimonial.

O proxecto desenvolverase co financiamento do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, vinculado aos fondos europeos NextGenerationEU, e contempla a contratación de persoal para recibir aos visitantes, así como os materiais de comunicación e promoción necesarios.

As reservas poderanse realizar a través da web do Consorcio e terán un prezo base de 2 euros, destinado ao mantemento dos templos. Están previstas bonificacións para grupos e supostos de gratuidade.

Oito igrexas, oito testemuñas do románico rural

San Pedro de Bembibre (Taboada)

Igrexa de San Pedro de Bembibre / Turismo Ribeira Sacra

Unha das mostras máis destacadas do románico rural galego, con portada principal decorada en dentes de serra, capiteis con seres fantásticos e unha inscrición do ano 1191. O seu retablo maior conserva o escudo da casa de Taboada, á que estivo ligada desde o século XIII. O interior presenta restos de policromía e un púlpito encastrado, pouco común neste tipo de templos.

San Xoán da Cova (Carballedo)

Lateral da Igrexa de San Xoán da Cova / Turismo Ribeira Sacra

Erguida sobre un antigo mosteiro beneditino feminino, esta igrexa foi trasladada na década de 1950 por mor da construción do encoro de Os Peares. A súa porta lateral norte, con columnas entrelazadas e decoración vexetal, procede da antiga capela non reconstruída. Tamén destaca o sepulcro dunha abadesa baixo arcosolio e a pila bautismal do século XIII.

San Miguel de Eiré (Pantón)

Ábside da Igrexa de San Miguel de Eiré / Turismo Ribeira Sacra

Popularmente coñecida como ‘O Mosteiro’, conserva un dos Tetramorfos máis singulares da Ribeira Sacra nas súas mochetas. A súa torre sobre o cruceiro, o Agnus Dei na portada norte e as pinturas murais do século XVI, co Xuízo Final, fan desta igrexa unha das máis completas do conxunto.

San Vicente de Pombeiro (Pantón)

Vista dende o alto da Igrexa de San Vicente de Pombeiro / Turismo Ribeira Sacra

Situada nunha plataforma sobre o río Sil, destaca pola súa estrutura basilical de tres naves e tres ábsides, e pola súa rica decoración escultórica, con capiteis vexetais e arquivoltas con motivos xeométricos. No interior consérvanse pinturas murais góticas e retablos renacentistas, así como unha representación do Descendemento e de santa Ana con María e o Neno.

San Xillao de Lobios (Sober)

Detalle das columnas da Igrexa de San Xillao de Lobios / Turismo Ribeira Sacra

Igrexa tardorrománica construída sobre un antigo mosteiro feminino. Destacan as ménsulas-capitel que sosteñen a bóveda de crucería e representan o Tetramorfos, así como pinturas murais do século XV coa escena do Xuízo Final, os anxos trompeteiros e a Resurrección. A portada sur presenta un programa iconográfico do combate entre o ben e o mal, con San Miguel vencendo ao dragón.

San Vicente de Pinol (Sober)

Altar da Igrexa de San Vicente de Pinol / Turismo Ribeira Sacra

Unha das máis recoñecibles polo seu rosetón decorado coa Estrela de David. No seu interior destaca un dos conxuntos pictóricos murais máis importantes da Ribeira Sacra, restaurado en 2020, con escenas como a Anunciación, a Batalla de Clavijo, San Cristóbal, ou a Misa de San Gregorio. Pertenceu aos Condes de Lemos, e está vencellada ao cardeal Rodrigo de Castro.

Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)

Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño / Turismo Ribeira Sacra

Situada no cumio do meandro de Cabo do Mundo, a igrexa é coñecida polas súas pinturas murais restauradas, que lle valeron o alcume de “Capela Sixtina da Ribeira Sacra”. No interior destaca un retablo barroco con atlantes, e no exterior, canzorros decorados con fauna local. A fachada actual mestura elementos románicos e barrocos.

Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño / Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Un dos exemplos máis senlleiros do románico galego. A súa porta principal, con rosetón e arquivoltas decoradas, domina o val do Miño. O interior acolle unha rara Epifanía reutilizada como pavimento, e unha pila bautismal con decoración xeométrica enigmática. O templo descansa sobre unha cripta que salva o desnivel, ao estilo da Catedral de Santiago.

Un proxecto con vocación de continuidade

Segundo explican desde o Consorcio de Turismo, o obxectivo desta apertura é medir a viabilidade a medio prazo dun sistema sostible de visitas que poida replicarse en outras zonas do territorio. Trátase dunha acción que busca non só promocionar a Ribeira Sacra como paisaxe cultural e espiritual, senón tamén implicar á poboación local na conservación dun patrimonio que, durante séculos, permaneceu reservado ao culto e a poucos visitantes.

A Diócese de Lugo, pola súa parte, continúa sendo a responsable do mantemento dos edificios e da xestión dos usos relixiosos. A colaboración institucional entre Igrexa e administración civil permitiu deseñar un modelo que busca compatibilizar a apertura ao turismo co respecto ás funcións litúrxicas.

Pode que che interese...