fbpx
Casa Cornide na Coruña / EFE

Sen visitas, sen avances e sen explicacións: o bloqueo na recuperación da Casa Cornide

Tempo de lectura: 2 min.

A Casa Cornide, no centro histórico da Coruña, continúa sen abrirse ao público malia a obriga legal derivada da súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), aprobada hai case dous anos. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciou esta semana o “manifiesto e reiterado incumprimento” desta obriga por parte da familia Franco, actual propietaria do inmoble, así como a “permisividade” da Xunta de Galicia, administración responsable de facer cumprir esta norma.

O inmoble, unha edificación de estilo tardobarroco do século XVIII, foi adquirido pola familia Franco durante a ditadura, nun proceso que a comisión considera irregular. A súa apertura ao público durante un mínimo de catro días ao mes é un requisito legal dende que obtivo a categoría de BIC. Con todo, segundo a entidade memorialista, esa obriga segue sen cumprirse.

A través dun comunicado público, a Comisión insta á Xunta a aplicar “medidas coercitivas agravadas e mesmo penais”, máis alá das sancións administrativas xa tramitadas. En 2023, a administración autonómica remitiu unha proposta de sanción de 3.000 euros, e a familia Franco respondeu cunha proposta de convenio para regular a apertura, que continúa sen resposta oficial.

A situación tamén motivou críticas ao Concello da Coruña, ao que a entidade acusa de “inacción”. Segundo explican, non se convocou o Consello Municipal de Memoria Democrática, órgano que debería supervisar e informar sobre o estado do procedemento iniciado polo propio Concello para recuperar a titularidade pública do inmoble. A alcaldesa, Inés Rey, recibiu varias peticións formais para convocar o consello, sen que ata o momento se producise resposta.

O procedemento de revisión de oficio da venda do inmoble, iniciado en abril de 2024 pola Xunta de Goberno Local, tampouco tivo avances visíbeis. O expediente, aprobado por unanimidade no Pleno do 2 de maio dese mesmo ano, tiña por obxectivo revisar os acordos plenarios que facilitaron a adquisición do edificio por parte de Pedro Barrié de la Maza en 1962, e a súa posterior cesión a Carmen Polo, muller de Francisco Franco. O colectivo advirte de que, ao pasaren máis de seis meses sen resolución, o expediente podería considerarse caducado, conforme á Lei 39/2015 do procedemento administrativo común.

Pola súa banda, a familia Franco defendeu a súa propiedade do inmoble por “usucapión”, alegando un uso continuado e pacífico durante máis de seis décadas, e asegurou que a casa “non estivo nunca ao servizo público máis dun mes”. Tamén manifestaron que a edificación actual inclúe unha parcela contigua adquirida posteriormente por Carmen Polo, polo que, de perderen a titularidade, reclaman ser indemnizados tamén por esa propiedade adicional.

No seu escrito de alegacións, os Franco argumentan que o Concello non ten base legal suficiente para anular os acordos de 1962, e acusan a administración local de actuar por “oportunismo político”. Tamén cuestionan que non se convocara a todos os interesados, en referencia aos herdeiros de Barrié de la Maza, aos que, segundo din, debería concederse trámite de audiencia.

A Casa Cornide está considerada unha das construcións máis representativas da arquitectura residencial ilustrada en Galicia. A súa singularidade formal, con influencias afrancesadas e cosmopolitas, así como o seu contexto histórico ligado ao espolio do patrimonio público durante a ditadura, converten este edificio nun símbolo das demandas de reparación da memoria democrática.

A Comisión pola Memoria insiste en que tanto Xunta como Concello deben actuar con transparencia e dilixencia, e advirte de que o mantemento da situación actual supón un incumprimento da legalidade vixente e un freo á restitución do patrimonio público coruñés.

Pode que che interese...