Un gravado dun sartego altomedieval sorprende no monte de Servoi
Unha nova aparición arqueolóxica, de carácter peculiar e con implicacións simbólicas abertas ao debate, vén de ser comunicada pola conta de Facebook ‘Salto do Cabalo: Arqueoloxía Transfronteiriza‘. Trátase dun petróglifo moderno inédito, localizado no monte de Servoi, nas proximidades do núcleo de poboación de Castrelo do Val, na comarca ourensá de Verín.
O gravado, de pequenas dimensións —non supera os 15 centímetros de longo—, está realizado sobre a superficie dunha peneda visible e de fácil acceso, e representa con claridade un sartego antropomorfo. A súa execucióntoma como modelo unha iconografía propia do mundo altomedieval galego.
A aparición deste símbolo non se produciu illadamente. No propio núcleo da parroquia, a fonte pública do lugar emprega como pía un sartego auténtico, un elemento patrimonial reutilizado, posiblemente procedente dalgún antigo lugar de enterramento do contorno.
A pregunta sobre se se trata dun xesto artístico, dunha intervención anónima con intención lúdica ou dunha marca simbólica con intencións máis profundas, queda sen resposta clara por agora.

Petróglifo de Servoi / Salto do Cabalo: Arqueoloxía Transfronteiriza