fbpx
Estado actual do tellado da Fábrica de San Nicolás / Historia de Galicia

A Compostela que traballaba co coiro: isto queda da memoria da antiga Fábrica de San Nicolás

Tempo de lectura: 3 min.

A antiga fábrica de curtidos de San Nicolás de Sar, tamén coñecida como fábrica de Huidobro ou Sar de Adentro, converteuse nos últimos anos nun foco de interese para a arqueoloxía e a memoria industrial compostelá. Os recentes traballos de rehabilitación impulsados polo Concello de Santiago, destinados á creación dun Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS), sacaron á luz importantes restos estruturais do pasado fabril da cidade, obrigando a modificar os plans arquitectónicos do novo equipamento.

A historia deste enclave remóntase ao ano 1798, cando Manuel Alonso de Huidobro, funcionario de Rentas Reales, adquiriu diversos terreos na zona de Belvís para instalar unha curtiduría. En 1802, a fábrica estaba xa en funcionamento, equipada con muíño de casca, instalacións de lavado, píos de mudanza e vivenda para o mestre curtidor. Dende o seu inicio, contou con man de obra especializada procedente do sur de Francia, continuando a tradición dos mestres vascos e bearneses no ramo do curtido galego.

Plano de Santiago de 1908 onde se atopa a fábrica de San Nicolás de Sar / Lola Cerqueiro

Durante o século XIX, a propiedade pasou ás mans da familia Harguindey, tamén de orixe vasco-francesa, que mantivo a actividade ata finais de século. En 1899, os herdeiros de José Benito Harguindey Broussain abandonaron o negocio do coiro e reconverteron parte da infraestrutura para a fabricación de gaseosas, unha actividade en auxe naquela época. A partir de entón, os espazos foron quedando en desuso ou destinados a usos diversos, incluíndo a estabulación de animais. A decadencia culminou coa inclusión da antiga fábrica na lista vermella do patrimonio da asociación Hispania Nostra, debido ao seu deterioro e abandono.

Malia a súa degradación progresiva, a pegada fabril sobreviviu parcialmente. En 2005, durante a primeira fase de rehabilitación para crear unha aula ambiental, o Servizo Municipal de Arqueoloxía documentou canalizacións de pedra, pavimentos antigos e modificacións contemporáneas. En 2023, cun novo proxecto en marcha, as escavacións descubriron catro píos de curtido e unha nova canle de auga, elementos que obrigaron aos arquitectos a reformular o deseño do centro, xa que ao seren considerados restos patrimoniais non se pode edificar sobre eles.

A arqueóloga municipal Lola Cerqueiro, responsable do seguimento das intervencións, explica que os píos achados “forman parte do proceso técnico do curtido” e sinala que permanecerán cubertos “para garantir a súa conservación e evitar a súa degradación pola intemperie”. En palabras da técnica, “a canle de auga foi atopada nunha cota moi profunda e atópase moi desmantelada”, polo que a súa musealización directa non é viable neste momento.

Fábrica de San Nicolás de Sar / DOA Arqueólogos

Os píos, estruturas fundamentais nas fábricas de coiro, participaban en dúas fases principais: o lavado inicial das peles e a mudanza, etapa na que a materia prima era sometida a baños de tanino para fixar a curtición. As dimensións dos píos documentados —2,5 por 1,2 metros e un metro de profundidade— permiten entender a escala produtiva dunha instalación que chegou a estar entre as máis importantes das 27 fábricas que operaban en Santiago entre os séculos XVIII e XIX.

Segundo relatou Cerqueiro, o estudo arqueolóxico tamén puxo de manifesto diversos usos sucesivos das instalacións, confirmados por documentos e inventarios do século XIX e XX: desde fábrica de gaseosas ata cortellos de gando. “No rexistro arqueolóxico detectamos caída de muros, reutilización de materiais e capas de derrubo que amosan unha evolución complexa e fragmentada do espazo fabril”, sinalou.

Ventá da Fábrica de Coiros / DOA Arqueólogos

A día de hoxe, unha parte da antiga fábrica, na que se encontraban as vivendas, foi rehabilitada como restaurante e hostal, mantendo as estruturas orixinais da vivenda do mestre fabricante e das oficinas. O resto, en propiedade pública, é o que está sendo adecuado para uso social. Segundo os planos do proxecto, tres dos catro módulos do futuro centro están xa completados, mentres o último permanece á espera do desenvolvemento do novo deseño compatible cos achados arqueolóxicos.

A cidade de Santiago, que viviu un notable desenvolvemento industrial entre finais do século XVIII e o comezo do XX nas beiras dos ríos Sar e Sarela, recupera así parte da súa memoria produtiva a través da arqueoloxía e da rehabilitación do patrimonio.

Pode que che interese...