fbpx
San Xoán de Camba / xunta.gal

Atopan un antigo cemiterio e restos dunha fortaleza en San Xoán de Camba, un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

Afondar no coñecemento sobre San Xoán de Camba, un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra, e tamén sobre o castelo de Castro Caldelas e o seu papel nesta vila fortaleza. Ese é o obxectivo das intervencións arqueolóxicas que se veñen realizando neste dous enclaves, co apoio da Xunta, e cuxos resultados se deron a coñecer hai uns días nun encontro no que participaron alcaldes, arqueólogos e representantes de Patrimonio da Xunta.

No caso de San Xoán de Camba, as intervencións arqueolóxicas, que se levan realizando dende o ano 2022 pretenden “a caracterización do sitio, intentando buscar un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra, que aparece referida en documentación escrita dende o século X, unha época altomedieval na que temos referencias de construcións prerrománicas no sitio, que está custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense”, explican os arqueólogos deste sitio arqueolóxico..

Os traballos realizados ata o momento permitiron localizar o cemiterio do conxunto monástico, e unhas construcións monumentais, “tipo fortaleza”, moi posteriores no tempo, probablemente do século XV en adiante, no lugar, que é o que confundía aos arqueólogos.

Necrópole

Pero nesta campaña a posibilidade de escavar en área permitiu sacar toda esa necrópole cunha acumulación de tumbas, unhas enriba doutras, que indica que aí durante moito tempo enterrouse no mesmo sitio. Tanto é así que algunhas desas tumbas conteñen materiais galaicorromanos reutilizados, o que nos fala dunha ocupación deste espazo dende esa época. Isto  coincide xa con moitos materiais que hai na zona, como moedas, restos de construción romana, epígrafes.

Os especialistas cren que, probablemente, hai un xacemento romano moi próximo á zona do Burgo, que é por onde pasa a Via Nova, e existe unha secuencia dende ese momento ata que se constrúe ese primeiro conxunto monástico e toda a ocupación posterior.

Este conxunto de restos óseos foron estudados polo antropólogo forense Fernando Serrulla, e inciden en que se observan “diferentes osos de diversos individuos mesturados, isto implica que hai moitas tumbas que están amortizadas, unhas enriba doutras, e que nos falan dunha presión grande de enterramentos nunha zona moi pequena”, contan dende o equipo, que tamén adianta que a Xunta comprométese a seguir investigando neste xacemento “porque é necesario caracterizar ese conxunto monástico e intentar encontrar a outra parte. Xa atopamos o cemiterio, pero agora habería que intentar atopar o que é o claustro ou o conxunto monástico”.

do antigo mosteiro de San Xoán de Camba, que ten a condición de ben catalogado e foi durante moito tempo unha importante abadía e real mosteiro, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación data do século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción só se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrománico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

Restos romanos

A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona na actualidade como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga na que apareceron varios sepulcros antropoides e moedas romanas do século IV d.C., o que reflicte os séculos de historia deste lugar.

Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas e que no ano 2022 foron obxecto dunha intensa limpeza, roza e documentación, ademais de proceder ao seu peche perimetral para a súa protección. Trátase dunha actuación que tamén fora promovida pola Consellería de Cultura e que fai que nestes dous últimos anos o Goberno autonómico investise preto de 30.000 € para a súa posta en valor. Vía O Sil.

Pode que che interese...