Atopan un novo complexo residencial en Valencia do Sil que podería ser das élites tardorromanas
A campaña de escavacións no xacemento do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras), deu como resultado o descubrimento dun gran complexo residencial datado entre os séculos IV e V d.C. Este xacemento ten sido escavado desde o ano 2019 pola Asociación Científica Sputnik Labrego con apoio e financiación do Concello de Vilamartín de Valdeorras. O novo espazo residencial engádese ao xa coñecido do sitio, principalmente unha fragua e unha casa tardorromana.
Esta nova área descuberta durante esta campaña configúrase como un amplo espazo de cerca de 200 m2 dividida en varias estancias. “Trátase dun gran complexo do que ata de agora temos recoñecidas cinco estancias, aínda que seguro que serán moitas máis”, di Carlos Tejerizo, director das intervencións, “este novo espazo non só presenta o xacemento do Castelo como un dos xacementos máis importantes da bisbarra, senón que dará moita información sobre as formas de vida de hai 1500 anos”, remata.
Este lugar histórico ten sido interpretado como un taller produtivo de ferramentas de ferro e posiblemente tamén de cobre para abastecer ás poboacións da contorna nun momento de expansión económica. “Sabemos polos descubrimentos feitos polo grupo dos Escarbadores na zona da Cigarrosa e polas escavacións na Pobra, xunto ao Barco de Valdeorras, que a ocupación romana foi moi intensa e que precisaban de moita ferramenta”, comenta Celtia Rodríguez, co-directora das intervencións, “a pebida de uva que atopamos hai uns anos e as sementes de trigo e centeo que temos descubertas no sitio indican un uso agrícola e gandeiro intensivo durante a época tardorromana”, continúa a arqueóloga.
Segundo estes investigadores, o novo complexo residencial poderían pertencer ás elites que controlaban esta explotación e produción de metais. Así, polo de agora tense atopados materiais arqueolóxicos que apuntan a un uso residencial de familias de alto poder adquisitivo, como moedas, pesas de tear e cerámicas de luxo.