Continúa a busca dos segredos da gran fortificación de Castro Valente
Castelos no aire, o proxecto de investigación arqueolóxica sobre as fortificaciones altomedievales galegas, está coa terceira campaña de escavación na fortaleza de Castro Valente, no municipio de Padrón, concretamente nunha zona da Comunidade de Montes de Confurco.
Tras descubrir na anterior campaña unha muralla, a actuación deste ano centrouse, primeiro, en rozar unha zona anexa á mesma para, a continuación, pasar polo terreo un gradiómetro cedido polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), vinculado ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A máquina marcoulle aos investigadores posibles zonas nas que existiron estruturas antigas e, de feito, descubriron un edificio que datan na época altomedieval. A maiores, os expertos tamén están a descubrir a parte interior da muralla, despois de deixar á vista a exterior.
Os traballos, da man de dous investigadores do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mario Pereiro Fernández, do grupo Síncrasis, e José Carlos Sánchez Pardo, de Aevum, contan co apoio da USC e do Concello padronés, que no seu día xa anunciou a súa intención de seguir apoiando este tipo de intervencións para coñecer máis do pasado do concello.