fbpx
Presos republicanos no campo de concentración nazi de Mauthausen / Françesc Boix

Juan José Casal, Chucho, o galego que sobreviviu ao campo de exterminio de Mauthausen

Tempo de lectura: 2 min.

O Chucho era cabo segunda do cruceiro Miguel de Cervantes, buque que se atopaba en Ferrol durante o inicio da rebelión franquista do 36. O barco recibiu ordes de coller rumbo ao estreito de Xibraltar pero o 19 de xullo a dotación do barco, ao ter evidencia de que os xefes e oficiais pretendían sumarse ao golpe de estado contra a República, detiveronnos e tomaron o mando do cruceiro. O Cervantes permaneceu durante toda a guerra defendendo o réxime establecido pola zona do Levante.

En marzo de 1939 a raíz da entrada das tropas de Franco en Cartaxena, Casal logrou pasar a Francia e instalouse en Marsella, onde ao pouco xa o prenderon as tropas alemáns. Foi enviado ao campo de exterminio de Mauthausen en abril de 1941. Pasou alí catro longos anos ata que o Exercito americano liberaba o campo en maio de 1945. “Estou vivo por unha hora” contoulle Chucho ao seu sobriño, Avelino Casal nunha entrevista realizada por Radiofusión.

Aqueles prisioneiros a quen os nazis xulgaban demasiado débiles ou enfermos para traballar eran separados dos demais. Asasinados na cámara de gas propia de Mauthausen, en estacións de gaseado móbiles ou no próximo centro de execución por “eutanasia” de Hartheim. Utilizaban inxeccións de fenol para matar os pacientes demasiado débiles para moverse. Tamén sometían aos prisioneiros de Mauthausen a experimentos médicos pseudocientíficos relacionados coa testosterona, infestaciones de piollos, tuberculoses e procedementos cirúrxicos.

Juan José Casal, Chucho, preso republicano en Mauthausen durante catro anos /remitida

“Metíannos nun túnel onde botaban o gas”

“Andaban con eles coma cos gorrións” lembra Avelino Casal do seu tío Chucho, veciño de Barallobre, en Fene, nunha conversa con Radio Fusión. Os nazis viñan por eles aos barracóns, seleccionaban a uns cantos, e dicíanlles: “Imos facer unha viaxe, metíannos nun túnel onde botaban o gas, os tonteaban e logo xa ían para o forno”.

Chucho conseguiu superar aquel martirio durante catro longos anos. Logo da liberación trasladouse despois a Toulouse onde entrou a traballar nunha fábrica de bicicletas. Andando os anos fixo xestións para retornar a Galicia e volveu a súa terra na década dos 50, volvendo vivir coa súa muller e coa súa filla. Casal Chao entrou logo a traballar en Astano. Morreu en 1999.

Esta é a conversa con Avelino Casal realizada en 2006 sobre o seu tío Juan José Casal Chao:

 

Homenaxe

Precisamente, o IES de Fene e Radio Fene honran a súa figura como lembranza de todas as persoas asasinadas polos nazis, opositores políticos, relixiosos, xudeus, xitanos ou homosexuais. Será nun acto que comezará ás 11,30 do venres dia 9 cunha cunha ofrenda floral no cemiterio municipal de Fene. Ás 12,30 da maña descubrirase unha placa de lembranza no IES de Fene. Un grupo de alumnas de música do Instituto ofrecerá unha peza musical e despois o historiador Enrique Barrera ofrecerá unha charla sobre o campo de exterminio de Mauthausen.

Pode que che interese...