fbpx
Recreación en debuxo do Castelo de Lobarzán / Víctor Vázquez Collazo

Lobarzán, o castelo que perdeu o poder fronte a Monterrei

Tempo de lectura: 3 min.

O Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos de Monterrei e Oímbra, na provincia de Ourense, é hoxe escenario dunha relectura profunda do pasado galego grazas aos traballos arqueolóxicos acometidos desde o ano 2019. O recinto, coñecido tamén como Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, abrangue dous outeiros conectados por unha liña de muralla que envolvía un espazo que, durante séculos, foi chave no control territorial do val do Támega.

Segundo explicou o arqueólogo Víctor Rodríguez, a intervención permitiu confirmar unha ocupación continuada desde a Prehistoria ata a Baixa Idade Media”. As escavacións revelaron unha importante presenza de materiais do III milenio a.C., con útiles líticos, machados pulidos, láminas e cerámicas do tipo Penha”, así como restos de cabanas e incluso pinturas rupestres na Cova do Gato. Esta etapa prehistórica tería sido interrompida, con apenas sinais de ocupación durante o período romano, antes da recuperación do espazo como castelo altomedieval.

Castelo de Lobarzán / Víctor Rodríguez Muñiz

A estrutura fortificada que hoxe se documenta comeza a tomar forma no século V, con restos que apuntan a unha posible fundación visigoda. As escavacións no interior da muralla antiga revelaron un pavimento cincento en torno rápido, e acháronse tamén cerámicas tardorromanas e restos de combustións datables por volta do ano 400. Esta primeira muralla foi desmantelada máis tarde para dar paso a unha nova liña defensiva de época altomedieval, xa no marco da reorganización do territorio durante a chamada ‘Repoboación’.

A construción dunha nova muralla e dun sistema habitacional semella responder á creación dunha póboa rural, que acabou por non prosperar”, indica Rodríguez. Nesa mesma área documentouse tamén un conxunto funerario, con sartegos escavados na rocha e cubertas de tipo ‘estola’, así como unha edificación cuadrangular con dous momentos construtivos, o primeiro datado entre os séculos VI-VII e o segundo, posiblemente, entre os séculos IX-X.

A torre do castelo, situada ao sur do outeiro principal, custodiaba o único acceso practicable ao recinto. Os restos do derrube da torre, sumados á muralla isodómica que a rodeaba, confirman unha reforma significativa na segunda metade do século XIII, moi probablemente impulsada polo Concello de Monterrei. A fortaleza, que xa era mencionada nun documento do ano 982, pasou a formar parte da tenencia da nova póboa real en 1260, perdendo co tempo o seu papel reitor.

O castelo de Lobarzán foi clave durante os conflitos fronteirizos co nacente reino de Portugal”, engade Rodríguez. A súa situación estratéxica entre os vales do Búbal e do Támega permitía controlar unha extensa franxa que, durante décadas, viu avanzos e recuos dos dous reinos. Documentos do século XII e do reinado de Afonso IX de León apuntan a unha forte presenza leonesa no sector, incluíndo estadías reais e proxectos de novas vilas como Milmanda ou a propia Monterrei.

Situación do castelo de lobarzán / Víctor Rodríguez Muñiz

As escavacións máis recentes achegaron tamén unha moeda de D. Dinis (1279–1325), localizada nun antigo depósito de augas que se entende como reutilizado no contexto medieval. A presenza desta moeda suxire que o castelo estaba en uso ou, polo menos, mantido, ata mediados do século XIV”, destacou o arqueólogo. Con todo, a partir de entón, a súa importancia foi decrecendo ata a súa destrución definitiva, documentada cara ao 1460, por orde de Xoán de Zúñiga, no marco das loitas polo control do señorío de Monterrei.

A historia do Castelo de Lobarzán, segundo a investigación actual, non pode entenderse illada. A súa análise é esencial para comprender a construción da paisaxe medieval galega, tanto en termos políticos como militares. O seu papel como sede dunha terra chamada Baronceli, posteriormente absorbida por Monterrei, demostra como a evolución das fortalezas medievais estivo condicionada polas dinámicas de centralización do poder e pola reorganización fronteiriza que marcaron o tránsito entre a Alta e a Baixa Idade Media.

O caso de Lobarzán exemplifica como as fortalezas son chaves para entender a articulación territorial e a evolución das fronteiras antes da súa consolidación moderna”, concluíu Víctor Rodríguez. Hoxe, parte dos seus restos permanecen visibles, mentres outros agardan baixo terra a que futuras escavacións permitan seguir desvelando o pasado.

Pode que che interese...