fbpx
Castro de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras, na que se pretende documentar a fin do imperio Romano e o comezo do periodo suevo / Concello de Vilamartin

Na procura de novos segredos no gran xacemento romano do Castelo de Valencia do Sil

Tempo de lectura: 2 min.

Como cada ano desde 2019, a arqueoloxía volve á bisbarra de Valdeorras, concretamente ao xacemento do Castelo, no concello de Vilamartín de Valdeorras. A Asociación Científica Sputnik Labrego retoma as escavacións no recoñecido xacemento romano, onde estará ata o día 30 de maio. Durante estas tres semanas de intervención, o principal obxectivo será abrir unha nova zona do sitio, onde nunca se ten intervido antes. “Por primeira vez imos abrir un área que non foi tocada anteriormente, o que implica que teremos achádegos moi importantes para o coñecemento do sitio”, afirma Carlos Tejerizo, director da intervención.

“Concretamente, trátase dunha zona de vivendas ao norte da gran casa de época tardorromana escavada polo grupo dos Escarbadores nos anos 60”. Ata de agora, tense escavadas tres grandes áreas do xacemento, que inclúen unha zona de vivendas, un espazo de almacenamento de cereais e unha gran fragua datada entre os séculos IV e V, unha das maiores áreas de produción de metais escavadas no noroeste peninsular. Desde o inicio, estes traballos contaron coa colaboración do concello de Vilamartín de Valdeorras, “totalmente necesarios para pór en valor este sitio tan singular na comarca de Valdeorras, chea de patrimonio arqueolóxico pero moito aínda por coñecer”, remata Tejerizo.

Como outros anos, as escavacións contaran con alumnos do Master Universitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüedade da Universidade de Santiago de Compostela. Media ducia de estudantes de arqueoloxía estarán as tres semanas que durará a escavación para aprender a metodoloxía de campo no xacemento. Ademais, e como outros anos, a intervención estará “aberta por escavación”, para quen queira coñecer os resultados de primeira man. “Para nós é moi importante divulgar os resultados que temos e facer partícipe á comunidade local”, dinos Celtia Rodríguez, co-directora das escavacións. “Tamén este ano queremos que a xente se achegue a ver os materiais que sacamos e como os traballamos desde a ciencia arqueolóxica”, remata. Así, as persoas que estean interesadas en ver o traballo dos materiais arqueolóxicos, pode achegarse ao albergue do Concello de Vilamartín de Valdeorras cada día entre as 17 e as 18 horas.

Estes traballos contan coa colaboración e financiación do concello de Vilamartín de Valdeorras, cuxo obxectivo é a posta en valor do sitio. “Este ano remataremos os traballos de consolidación das estruturas arqueolóxicas. Un importante paso para converter este xacemento nun recurso cultural para á zona”, remata Tejerizo.

Pode que che interese...