fbpx
Castro de Valencia do Sil durante unhas escavacións / Sputnik Labrego

O pasado cobra forma en Valencia do Sil: cerámica, moedas e arquitectura no último descubrimento arqueolóxico

Tempo de lectura: 3 min.

O xacemento do Castelo, no alto dunha ladeira de forte pendente que domina o val de Valdeorras, segue a revelar novas capas do seu pasado tardorromano. Este ano, as escavacións dirixidas polo arqueólogo Carlos Tejerizo veñen de identificar un complexo residencial de polo menos 200 metros cadrados, formado por varias estancias delimitadas por muros de gran tamaño e boa factura, que suxiren o uso como vivendas de elites rurais. “Temos identificadas mínimo cinco estancias”, explica Tejerizo, “pero estamos só comezando as escavacións. Hai moita terra que quitar, e todo son hipóteses e cálculos por agora”.

Os indicios atopados —louza de cociña, pondus ou pesas de tear, cerámica sigillata e moedas— apuntan a unha ocupación doméstica estable, con produción téxtil a pequena escala e elementos que suxiren un nivel de vida elevado. “Atopamos pratos, olas típicas para cociñar e tamén os pondus, que serven para facer tecidos”, relata o director da intervención, o que reforza a idea dunha funcionalidade doméstica clara. A cerámica sigillata, “moi típica da época romana” e adoito asociada a estratos sociais elevados, reforza a hipótese de que “podían ser parte dos estratos sociais máis altos deste xacemento”.

O castro, escavado dende 2019 pola Asociación Científica Sputnik Labrego, xa fora interpretado como un importante centro de produción metalúrxica. As novas estruturas permiten agora matizar ese enfoque: “Pensamos que o que estamos a escavar agora son as vivendas dos que controlaban o proceso”, afirma Tejerizo. “Non vou dicir patróns, pero case. Os que controlaban todo iso eran os empresarios”.

O contexto xeográfico e económico é fundamental para comprender a relevancia do achado. O castro sitúase preto das Médulas, unha das principais minas romanas de ouro da Península, e á beira da vía XVIII ou Via Nova, que conectaba Braga con Astorga. “Controlar a explotación de mineral e a fabricación de ferramentas era xa algo de estatus”, di o arqueólogo, que lembra que “nunha sociedade rural e industrial como esta, o ferreiro era unha persoa importante dentro do pobo”.

As novas estruturas aparecen afastadas da gran fragua romana xa coñecida no sitio, algo lóxico para evitar a contaminación polo fume. Mais non son as primeiras vivendas escavadas en Valencia do Sil. “Xa tiñamos casas bastante grandes”, recoñece Tejerizo, “pero o que estamos a ver agora é algo incluso maior ao que xa sabiamos”.

Un dos aspectos máis interesantes da investigación actual é a súa capacidade para interpretar os cambios sociais e económicos no tránsito do Imperio Romano á Alta Idade Media. “Precisamente o que estamos a ver aquí é o final dese mundo romano”, explica Tejerizo. “No século IV hai unha gran expansión económica nesta bisbarra de Valdeorras. Sabémolo porque temos moitos xacementos nesta zona que indican riqueza e elites poderosas”.

Neste contexto de expansión —que coincide coa aparición das chamadas villas romanas—, o Castro de Valencia do Sil funcionaría como un centro produtor de ferramentas para alimentar esa economía agropecuaria en auxe. “Aquí sería o sitio onde se farían esas ferramentas”, resume Tejerizo. A actividade cesa de forma gradual no século V: “Hai unha semana chegou a última datación, que nos di que o forno estivo en funcionamento ata a primeira metade do século V. Dende aí empezaría a abandonarse”.

Ese abandono foi, segundo os indicios, paulatino e sen violencia. “Non tivo un abandono violento. Levaron as cousas”, sinala o arqueólogo. A maior parte dos obxectos atopados, de feito, serían os que os habitantes decidiron non recuperar, deixando un rexistro indirecto da súa vida e traballo.

Actualmente, os traballos céntranse tanto na escavación como na consolidación das estruturas. A difícil topografía do lugar, unida ao uso posterior como viñedo, fai necesario estabilizar os muros para garantir a súa conservación. “Son estruturas de 1.500 anos, e á intemperie sofren moito”, advirte o arqueólogo.

O proxecto conta co apoio económico do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que impulsa tamén a futura posta en valor turística e educativa do sitio. A idea é crear un centro de interpretación no propio concello e desenvolver unha plataforma web con información, planimetrías e modelos 3D que permita divulgar os achados mesmo sen ter que subir ao castro: “A web permitiría que a xente poda acceder aos datos dende a casa”, afirma o investigador.

O interese da comunidade local está a ser clave. “Están totalmente postos no proxecto”, asegura Tejerizo, que destaca o apoio constante do Concello dende o inicio das escavacións. Ao tempo, trabállase tamén nunha monografía científica sobre os achados e nun libro divulgativo para o público xeral, que permita achegar a historia deste enclave a un público máis amplo.

Pode que che interese...