fbpx
Inauguración da Estación de Cornes

Rosalía, o Banquete e o tren: 100 anos da historia do Concello de Conxo

Tempo de lectura: 4 min.

Sabías que Conxo foi un concello independente durante case un século? Entre os anos 1835 e 1925, este territorio ao sur de Santiago de Compostela contaba con goberno propio, alcaldes, xulgado, tecido industrial e mesmo a primeira estación de tren de Galicia. Neste ano 2025 cúmprense cen anos da súa anexión ao concello compostelán, e a veciñanza mobilízase para recuperar a súa memoria.

A efeméride efoi celebrada este pasado xoves, data deste aniversario, con diversas actividades promovidas pola Asociación de Veciños Conxo Aberto e o colectivo Amigos de Conxo. Estes últimos levan un cuarto de século traballando por poñer en valor a historia da zona e combater o que consideran “mentiras históricas”, como a idea de que Rosalía de Castro naceu en Santiago, cando en realidade viu a luz na praza de Vigo, daquela parte do concello de Conxo.

Un concello con parroquias, industria e historia

Conxo naceu como concello tras a reforma administrativa de 1835, nun contexto de reorganización territorial do Estado. A súa capital estaba na parroquia de Santa María de Conxo e integraba tamén as de Aríns, Bando, O Eixo, Figueiras, Laraño, Marrozos e Villestro. O mapa parroquial era complexo, con máis de sesenta entidades de poboación. Moitas das zonas que hoxe forman parte do Ensanche compostelán, así como os barrios de Vidán, Santa Marta ou o Castiñeiriño, pertencían na súa maior parte ao Concello de Conxo.

Ao longo da súa existencia, Conxo contou con gobernos propios que deixaron pegada. A lista de alcaldes é longa, con nomes como José Fernández Robles, Manuel Seoane Suárez —en tres ocasións— ou José Lema Martínez, último rexedor antes da anexión.

Capital cultural e política: o Banquete de Conxo

Un dos feitos máis lembrados da historia política de Conxo é o Banquete de Conxo, celebrado o 2 de marzo de 1856. Nel, estudantes universitarios compartiron mesa con obreiros e labregos na Carballeira do Mosteiro de Conxo, nun acto simbólico de igualdade social. Os discursos de figuras como Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre causaron inquedanza nas elites compostelás e provocaron reaccións da Igrexa, que intentou deportalos.

O Banquete rememórase hoxe como un acto pioneiro de fraternidade e xustiza social, e forma parte das representacións culturais do barrio.

Un barrio pioneiro con tren e psiquiátrico

Conxo foi tamén escenario de avances clave para Galicia. En 1873, a estación de Cornes converteuse no punto de saída da primeira liña de ferrocarril galega, que conectaba con Carril (Vilagarcía de Arousa). A obra ía situarse inicialmente en Rapa da Folla, pero os problemas técnicos fixeron que se optase por Cornes, entón en Conxo. A estación, malia ser considerada provisional, funcionou durante setenta anos.

Outro símbolo foi o Hospital Psiquiátrico de Conxo, fundado en 1885 pola iniciativa do cardeal Miguel Payá y Rico. Durante décadas, foi o único centro para enfermos mentais de Galicia e representa o inicio da medicalización destas doenzas na comunidade.

Rosalía, Rocha Forte e a memoria histórica

O antigo concello de Conxo está vencellado tamén ao nacemento da maior figura da literatura galega: Rosalía de Castro. Naceu en Cornes, no 1837, zona que daquela pertencía a Conxo. A súa figura foi homenaxeada o 15 de maio cunha ofrenda floral no monolito situado na praza de Vigo, como parte dos actos do centenario.

Outro dos fitos históricos da zona é o Castelo da Rocha Forte, construído no século XIII e destruído nas Revoltas Irmandiñas. Del consérvanse muros e soterrados, e foi unha fortaleza clave na defensa do poder episcopal en Compostela.

A anexión de 1925: un cambio de identidade

No ano 1925, Conxo deixaba de ser concello para integrarse en Santiago de Compostela. A medida, enmarcada nunha reorganización territorial, pretendía mellorar a xestión administrativa. Porén, a unión supuxo tamén a perda de identidade administrativa e o paso a formar parte do que moitos comezaron a considerar un barrio periférico e marxinado.

A asociación Amigos de Conxo insiste en que “foron cen anos de esquecemento”, e por iso propoñen actividades de recuperación da memoria como o libro coordinado por Rafael García Ferreiro, profesor da USC, que se presentará en setembro, e unha exposición titulada Cen anos, cen fotos.

A conmemoración de 2025: recuperar o orgullo de Conxo

A xornada central da conmemoración tivo lugar esta xoves, 15 de maio. O acto comezou cun desfile simbólico dende o Pazo de Raxoi até a Praza de Vigo, pasando pola rúa do Vilar e a avenida Xoán Carlos I, onde se realizou unha ofrenda floral a Rosalía. Alí, alumnado do CEIP Cardeal Quiroga Palacios leu poemas da autora. Despois, celebrouse un pleno extraordinario do Concello de Santiago no claustro do Hospital Psiquiátrico de Conxo e, finalmente, un concerto da Banda Municipal de Música na praza do Campo.

Nos meses seguintes haberá máis actividades: un partido de fútbol entre a SD Compostela e un equipo local, a presentación dun libro colectivo e a mostra fotográfica. A música tamén terá protagonismo cun concerto do grupo De Ninghures.

Conxo hoxe: un barrio que medrou pero non esquece

Hoxe en día, Conxo é unha zona moi poboada e con gran actividade cultural e social. A construción de novas vivendas, a proximidade ao centro e a boa comunicación en transporte público fixeron del un barrio moi demandado por familias e parellas novas. Non obstante, entre as súas rúas empedradas e edificacións tradicionais aínda se percibe a súa identidade histórica.

Conxo é, a día de hoxe, un barrio compostelán. Pero foi, durante noventa anos, algo máis: un concello propio, cunha historia rica e protagonista dalgúns dos episodios máis importantes da Galicia contemporánea.

Pode que che interese...