Suso Martínez: “O Conde Andeiro acabou sendo o españolito que quería a anexión de Portugal e aquí como segregador do Reino de Galicia”
Xoán Fernández de Andeiro, o escudo dos Mariñas oculto nun canellón, a muralla romana da cidade vella ou o posible santuario nas inmediacións da Torre de Hércules. Suso Martínez é guía turístico e divulgador, pero sobre todo é un contador de historias. Leva máis dunha década organizando visitas guiadas que mesturan documentación exhaustiva e posta en escena sen guións. Nesta conversa, Martínez reflexiona sobre a historia esquecida da Coruña, a paisaxe emocional do seu barrio e as potencialidades culturais dunha cidade que, segundo di, debería aspirar a ser a Basilea do Atlántico.
Ti levas, Suso, case quince anos encarnando personaxes históricas en escenarios patrimoniais da Coruña. Como cres ti que cambia a percepción da xente sobre o patrimonio cando se lle presenta dunha forma tan viva e tan teatralizada?
As miñas visitas, en definitiva, só tratan de ser as máis coruñesas posibles dende punto de vista histórico. É dicir, por exemplo, o galeguismo, as Irmandades da Fala, que nacen aquí na Coruña… As miñas visitas sempre trataron de ser iso. Son visitas agresivas, potentes, dinámicas, cascarilleiras… Metemos moita paixón e logo facemos un modelo que é moi atlántico e moi británico. Os ingleses chaman a isto “reenactment”, que significa máis ou menos visita teatralizada. Non é unha visita teatralizada, porque eu non levo un guión. “Reenactment” é fundamentalmente documentarte moitísimo en algo, en alguén, co fundamento de ser capaz de, durante unha hora e media, actuar e deixarte fagocitar polo personaxe. E todo iso é o que levo facendo dende todos eses anos. E sempre seguindo aprendendo e seguindo sempre documentándonos, porque realmente o traballo meu é ser historiador. O que fago é divulgación histórica ao 100%. O tema do turismo é unha desculpa, pero realmente o que fago é divulgación.
Traballas dentro do turismo e tamén traballas dentro do que son os comúns…
Claro, porque é a miña vocación. O que fago é divulgar o patrimonio, ao meu xeito. Cada un ten que ubicarse no mundo, no sitio no que estea máis feliz. Eu son máis feliz explicando a nosa historia deste xeito. De tal maneira que poidamos aprender algo. Iso sempre depende da xente que ven. Pero si, botar un tempo moi agradable e ter unha experiencia, que son estas visitas de estilo “reenactment”.
Pero sempre pos esa énfase en que non é unha teatralización ao uso.
Claro, non hai un guión. É dicir, eu fago visitas guiadas e venme a parroquia toda. Un día si, outro tamén. Por que? Porque non contamos o mesmo. Se contásemos o mesmo, se fose unha visita teatralizada, ti viñas un día, por exemplo, á Fantasma de Inglaterra, que é unha das visitas que facemos aquí, con tema romántico, con humor e todo iso… Se fose a visita teatralizada, viñas un día e xa está. Como cando vas a un concerto, porque nunca é o mesmo.
Falabas antes dos turistas, pero os propios coruñeses moitas veces descoñecemos a nosa historia.
Si, pero iso non é nada malo. É dicir, iso é unha máxima universal. Os de Santiago non coñecen Compostela, os de Viveiro non coñecen Viveiro, os de Roma non coñecen Roma, e os de Estambul non coñecen Estambul. É normal. Porque somos un tipo de animal que se chama ser humano, que é un animal de cercanía. Nese sentido, como moitos animais, temos o noso territorio. Non mexamos como os gatos para marcar o territorio, pero máis ou menos. Entón ti dás por entendido que no teu territorio ti andas, ti vives, ti funcionas… Debe haber historias, claro que as hai, pero non te paras a profundizar demasiado no tema. Páraste máis cando vas de turista, ou cando vas de visitante.
Si, porque parece que coñecemos máis París ou Roma que a nosa propia cidade.
Claro, claro, porque o que eu estou dicindo é unha percepción universal, iso pasa en todo o mundo. É dicir, cando saes fóra, pois parece que te acende un pouquiño esa teima, esa curiosidade. Que che conten as historias de alí. En cambio na túa casa, pois non se che acende a teima porque non hai esa necesidade. Pero non é unha cousa que teñamos os galegos, ou os españois, ou os europeos… Isto é unha cousa universal. Eu coñezo bastantes colegas por Europa adiante e isto é unha máxima.
Fixestes un traballo importante tamén no cemiterio de San Amaro.
O cemiterio de San Amaro leva existindo máis de 200 anos e é un cemiterio clásico. Non inventamos o cemiterio de San Amaro, pero fixemos un traballo moi intenso nos últimos dez anos para poñelo máis en valor. Para poñer máis en coñecemento un patrimonio que temos aí de carácter nacional. E isto non é porque tivese eu a idea, senón tamén pola demanda.
Concretamente para o público coruñés, que episodios ou personaxes históricos descoñecidos sorprenden máis?
Hai un personaxe moi interesante, que é un dos personaxes máis odiados en Portugal e máis descoñecidos aquí: Xoán Fernández de Andeiro, coñecido en Portugal como o Conde Andeiro.
Este home trae aquí ao Duque de Lancaster, Xoán de Gante, o irmán do rei de Inglaterra. Evidentemente non ía vir o rei de Inglaterra a ser coroado, pero vén o irmán. A cousa fracasa. Ademais coñecemos esta historia porque vén o cronista máis mediático de Europa nese momento, que era Jean Froissart, un home espectacular e un friki da heráldica, de pintar escudos… Unha vez fracasa o tema inglés, logo aposta polo partido portugués. E el é capaz de traer aquí a Fernando I, o Formoso, o rei de Portugal.
A cousa entón politicamente vai mal e el acaba asasinado. E en Portugal o Conde Andeiro pasa a ser case como acusado —hoxe diríamos— de iberista, que quería a anexión de Portugal ao reino de Castela. Entón a historiografía portuguesa utilizou isto, porque Fernando I morre e despois xérase a gloriosa Casa de Avís e os portugueses convírtense en imperio.
O Conde Andeiro convírtese como o españolito que quería a anexión de Portugal. E en cambio aquí durante moito tempo foi considerado precisamente case como segregador do Reino de Galicia e así esqueceuse ata que o reflota un pouquiño Evaristo Martelo, que era un coruñés do século XIX.
Evaristo Martelo foi quen recuperou a súa memoria?
Si. Evaristo Martelo. Estamos falando do Rexurdimento, a comezos do século XX. Era un friki coma mine non era guía porque non había turismo, senón sería guía. Evaristo Martelo, que era o dono do castelo de Vimianzo, era un grande aristócrata de Galicia e defendía que era o descendente do Conde Andeiro, afirmando que o Conde Andeiro está soterrado na Colexiata de Santa María. Iso non é científico, pero dicíao el.
Entón o Conde Andeiro é esquecido ata que o reflota Martelo. E é un dos persoeiros que recuperamos nós coas visitas estas das que estamos falando. Incluso facemos en Andeiro (Cambre) un evento todos os anos.
Hai máis casos e recunchos da historia coruñesa que descubríchedes?
Si, hai moitos momentos históricos e moitos cantos aí que quedaron petrificadas na historia da Coruña. Que se queres, cóntoche algunha tamén…
Cóntame outra desas historias petrificadas na cidade vella.
Ademais de persoeiros, temos cousas. A zona vella da Coruña ten moitos segredos. Por exemplo, un segredo moi interesante e que vai dar que falar moito no futuro é o presunto mikvé, o baño ritual hebreo que apareceu na rúa da Sinagoga. Aí estamos en pleno debate e a min gústanme os debates. Pódense defender todo tipo de opinións, pero sempre e cando estean fundamentadas. Ti non podes dicir que isto non é porque a ti non che gusta. Pero se está fundamentado, por que non debatir? Non hai ningún problema. Ademais isto é marabilloso, porque estamos falando de cultura. Que non estamos falando doutra cousa.
Entón non sei se sabes que hai un debate intenso sobre o mikvé. Xosé María Bello di que non. E o arqueólogo municipal di que si. En todo caso é moi interesante, porque fala da Idade Media. E é un momento clave da Coruña. E nese momento clave da Coruña, como é a Idade Media, estamos falando da zona vella da Coruña, con moitos espazos.
Tamén mencionaches a familia Mariñas, que é outra historia descoñecida.
Unha delas é a de Gómez Pérez das Mariñas, que é un persoeiro tamén descoñecidísimo e clave, moi forte naquela Galicia do século XV. Estamos falando dos tempos anteriores ao Mariscal Pardo de Cela. É un home que ten varias casas fortes na Coruña e unha delas estaba na parte de arriba, onde hoxe hai unha escola de educación primaria que se chama Cidade Vella. Aí, moi cerquiña da Colexiata de Santa María.
Entón os Mariñas convírtense logo en Marqueses de Camarasa no século XVII e ese solar pasa a ser o Pazo dos Marqueses de Camarasa. O pazo derrúbase, extínguese todo, e faise un centro de ensinanza. A escola ten un rueiro, un pequeno canellón, no que está empotrado, case que escondido, aí como un segredo destes que agocha a cidade, un marabilloso escudo, cunha estrela de cinco puntas e debaixo as ondas do mar, que é o emblema dos Mariñas.
E isto é marabilloso, porque foi tan importante que tivo aí o seu estado, a casa forte, pois está o escudiño nun canellón aí escondido. Téñencho que ensinar, porque non é de fácil vista.
E esa escola, ademais, ten outro detalle curioso.
Ese edificio ten outra anécdota, o que pasa é que esta está máis á vista. A fachada principal desa casa que hoxe é ese cole ten un marabilloso escudo da República, que pasou todo o franquismo aí e non o romperon. É un escudo republicano espectacular en perfecto estado. Probablemente dos mellores que se conserven. Aí cunha marabillosa coroa cívica, unha coroa con castelos…
Hai máis segredos nesa zona?
Imos á rúa Príncipe. A uns metros de onde viviu Rosalía de Castro. Por aquelas cercanías está a muralla romana da Coruña: tamén é outro misterio extraordinario, porque A Coruña foi un porto romano de primeiro orde, e logo o porto convértese nun aglomerado urbano. Debaixo dunha desas casas da rúa Príncipe localizouse un sitio incrible, que vai ter tamén un valor interpretativo extraordinario. Apareceu un pequeno “Monte Testaccio”. En Roma o Monte Testaccio chámase así porque é unha colina chea de fragmentos de cerámica. Unha especie de basureiro. Ían tirando as cousas e foise formando unha montaña de lixo. Pois na Coruña temos o mesmo. Apareceron aí debaixo, nos cimentos dunha casa, fragmentos innumerables de cerámica. Pero o marabilloso que ten todo isto, segundo nos din os arqueólogos, é que gran parte desa cerámica é de antes de Roma. É anterior á romanidade e isto dáche que pensar. É marabilloso.
Estamos falando entón de antes da muralla romana da Coruña.
Mira, A Coruña é unha cidade dinámica ata que chega César, no 60 antes de Cristo. Despois de César hai destrución. É dicir, César aquí máis que facer, parece que desfai. Na época dos Flavios, entre o 60 e o 90 despois de Cristo, ese é o momento en que volve ou despega, poderíamos dicir, a Coruña, que se chama Brigantium. Pero esta cerámica da que che estou falando é de antes de César. Hai moita cerámica rota aí que é de antes de Roma. E entón dáche que pensar.
E por que estaría esa cerámica aí?
Pois, por exemplo…, na Odisea dísenos que na Idade do Bronce era típico que cando ti chegabas a un porto, negociabas cos nativos e entón tomabas aí un detalle. É dicir, pedías aí como unha especie de rito de benvida. E logo rompían os vasos.
Fai 2.000 anos, A Coruña vella era como unha especie de promontorio rodeado por mar en todos os lados. Entón, imaxínate, chegaban aquí os mecénicos, os mariños, o comercio… Como esas ánforas. Entón aí romperían a cerámica.
Ao mellor si ou ao mellor non, pero é marabilloso porque dá que pensar. Por iso digo que tamén hai misterios agochados na cidade vella.
Ese é outro misterio. Pero tamén mencionaches algo que podería ser fantástico nas inmediacións da Torre de Hércules.
Hai aí outro misterio que podería ser algo fantástico e marabilloso, do que de momento non che vou dicir nada, pero que é algo moi ilusionante. Necesito que chegue a noite de San Xoán, porque na noite de San Xoán o sol debería saír por un sitio e temos que confirmalo, para poder verificar así unha serie de cousas.
Estamos detrás dun recinto que está nas cercanías da Torre de Hércules, que podería ser un recinto de carácter simbólico, antes de Roma ou tamén despois de Roma.
Cando falo de recinto de carácter simbólico estou utilizando a nomenclatura de Marco Quintela, que é o especialista dos santuarios da Idade do Ferro de Galicia. El establece unha serie de características para que un espazo sexa considerado un santuario da Idade do Ferro. Entón isto podería ser outra cousas marabillosa. Unha revelación máis da cidade absolutamente incrible.
Quería preguntarche tamén como defines agora mesmo o estado actual do patrimonio histórico na Coruña.
Na Coruña téñense feito cousas. Antes estaba peor. Falabamos antes do cemiterio, por exemplo, un caso palpable e que estaba moi deprimido. Empezamos no 2012 a facer eventos divulgativos aí e empezou a haber un traballo de rehabilitación.
Sabes que ocorre? Que moitas veces rehabilitar as cousas é complicado. Xa non só pola vontade do político que manda no momento, senón tamén porque dende o punto de vista administrativo ás veces é complicado. É moito máis fácil falar dende fóra. Ti preguntas a cada xestor cultural, independentemente do signo político que sexa, e dirache: “Unha cousa é falar antes de que sexas concelleiro e outra cousa é cando es concelleiro”.
E, claro, tamén temos outras cousas que non son tan bonitas, como o vello cárcere provincial, ese edificio tan espectacular e tan grande que hai diante da Torre de Hércules. Os que pasamos por aí poñémonos moi tristes e iso podería ser un continente extraordinario para completar a rede museística da Coruña. A Coruña poderíamos diciri que é como Basilea, unha cidade que destaca polo turismo cultural e a súa rede museística. Aquí temos un museo a nivel estatal de ciencia, un museo extraordinario como é a Domus, un museo arqueolóxico que, a pesar de que ten problemas de espazo, é un museo arqueolóxico importante de Galicia, sobre todo polo espazo no que se atopa; temos un Palacio da Ópera de referencia, temos logo o planetario clásico de Galicia.
Temos unha serie de museos de carácter importante que a completarían… Claro, como un museo, imaxina ti, da civilización atlántica.
Polo resto, A Coruña é unha cidade que ten un patrimonio moi importante e que hai que coidalo. É unha das cidades de todo o Estado que ten máis bustos, esculturas e estatuas públicas. Porque na Coruña hai moitísimos bustos e podería facerse realmente un repaso da historia só cos bustos e coas cabezas de ferro que hai. E algunhas delas pois teñen as letras caídas, non se sabe moi ben se poñen Murguía ou se poñen Médico Rodríguez… Pois para iso fai falta mantemento. E ese mantemento hai que facelo. E as farolas…
As farolas tamén?
Aínda que eu non son moi amigo do Paseo Marítimo, hai cousas que eu non faría, pero unha vez que as tes, non as vas romper. O Paseo Marítimo tamén ten unhas farolas artísticas da creadora Xulia Ares. E algunhas delas xa non se sabe nin o que son.
Pero tamén é certo que as administracións, dentro das súas limitacións, fan o que poden.
Volvo insistir: é fácil falar dende fóra. E si, as administracións fan todas o que poden. Digo isto porque eu teño relación con todas. Entón, eu coñecín, pois, por exemplo, unha administración anterior —non fai falta que digamos o nome—, que cando chegaron ían facer a revolución. E non foi tanta revolución. Isto non é unha crítica, é unha información. Isto significa que seguramente as cousas non son tan fáciles como parecen.
Claro, todos dicimos: “Se eu fose alcalde faría isto…”
Claro. E logo cando chegas a alcalde non fas nin o 5% do que dixeches que ías facer.
Por rematar, quería preguntarche por que sempre A Coruña. Porque percorres toda Galicia facendo rutas, pero sempre volves á Coruña. Que ten de especial?
Bueno, son coruñés…
Claro, iso xa é un punto de partida, pero algo más terá que haber.
Para min, nese sentido, son do que opina o mesmo que Xurxo Souto. El dicía: “O mundo é un fanal inmenso do firmamento, como diría Castelao. E debaixo dese fanal inmenso do universo está Monte Alto, neno”.
E xa está. Hai cousas que se explican pola raza, pola sangue… e punto. Por que Coruña sempre? Porque Coruña é o epicentro para min. A Coruña é máxica. Ao marxe da cidade medieval de Alfonso IX, ao marxe da cidade moderna das armadas… Este ano imos facer moitas cousas no porto da Coruña, porque é o quinto centenario da segunda volta ao mundo, que sae dende A Coruña.
Ao marxe da Armada Invencible, ao marxe de María Pita, ao marxe de toda a historia, de todas as historias… A Coruña segue sendo unha cidade meiga, como a chamou Curros Enríquez, que era de Ourense.