Un ‘organum’ de pedra e luz: O coro perdido do Mestre Mateo revive grazas á tecnoloxía dixital
A Catedral de Santiago de Compostela acolle un dos proxectos máis ambiciosos de recuperación patrimonial da arte medieval europea: a restitución do coro pétreo do Mestre Mateo, unha estrutura desaparecida que, segundo os últimos estudos, non era só un espazo arquitectónico, senón unha sofisticada maquinaria multisensorial pensada para transformar o canto litúrxico nunha experiencia corporal e cognitiva.
Este labor de reconstrución, impulsado polo proxecto Cosmotec 1200, está coordinado polo historiador da arte Francisco Prado-Vilar, e baséase nunha combinación de arqueoloxía, historia da arte, fotogrametría dixital, musicoloxía e neurociencia cognitiva. O seu obxectivo: devolverlle forma, cor e sentido a unha das creacións máis complexas do século XII en Europa.
O coro, deseñado pouco despois do Pórtico da Gloria, era un instrumento monumental que entrelazaba arquitectura, música e teoloxía. Os novos achados permiten saber que albergaba figuras de cantores esculpidos que empregaban a man guidoniana, un sistema medieval para ensinar música a través dos dedos. Estas esculturas, segundo Prado-Vilar, eran tanto representacións didácticas como espellos espirituais para os cantores reais, que se situaban xusto tras os seus equivalentes de pedra.

Man guidoniana no Coro do Mestre Mateo / Francisco Prado-Vilar
Agora o desaparecido coro está a renacer grazas ás novas tecnoloxías dixitais e a un intenso traballo de investigación histórica e arqueolóxica. O proxecto ofrece unha visión sen precedentes dunha estrutura monumental que, lonxe de ser un espazo funcional, foi concibida como un instrumento sinestésico no que a voz, a pedra e a luz confluían para producir unha experiencia multisensorial.
“A nosa reconstrucción parte da idea de que o coro non era só un espazo arquitectónico, senón un ecosistema cognitivo”, explica Prado-Vilar. “Era un instrumento de resonancia espiritual no que a música se vivía e se encarnaba na pedra”.
A investigación desenvolveuse a partir das pezas conservadas, algunhas atopadas nas últimas campañas arqueolóxicas entre 2017 e 2021, e doutras descubertas xa por Antonio López Ferreiro ou Chamoso Lamas. Estes fragmentos foron escaneados en alta resolución para a súa reconstrución fotogramétrica, permitindo ensamblaxes exactos e restitucións iconográficas que non só recrean a forma, senón tamén as policromías orixinais.
“O que facemos é unha anastilose virtual”, detallou o investigador. “Quitamos as próteses modernas das reconstrucións anteriores, escaneamos as pezas auténticas e recolocámolas segundo as súas proporcións, encaixes e contexto histórico”.
O resultado é un coro onde cada elemento cobra vida e sentido: desde os sitiales con figuras de cantores que usan a técnica da ‘man guidoniana’ para solmizar música, ata as microarquitecturas esculpidas que articulaban a escenografía. A análise dos relieves revelou tamén vinculacións co drama litúrxico da ‘matanza dos inocentes’, documentado no Compendio de Fleury.
“Este coro reflicte a emerxencia da polifonía, unha revolución musical que tiña os seus epicentros en Notre-Dame de París e en Santiago”, afirmou o investigador. “É o único coro que conservamos en Europa que foi contemporáneo desta revolución, e os seus escultores deixaron testemuño desa transformación”.
Un dos achados máis reveladores foi a presenza das técnicas de ensino musical baseadas no uso da man como partitura, sistema introducido por Guido de Arezzo. Os cantores aparecen representados marcando as notas co dedo índice sobre a palma, nun xesto que, segundo Prado-Vilar, “non só indicaba unha nota, senón un modo de cantar, un modo de ser”.
A recreación amosa tamén as dimensións escenográficas e lumínicas do coro, que contaba con sistemas de iluminación con candelabros e lámpadas de aceite suspendidas, documentadas tamén en manuscritos medievais. “O coro funcionaba como unha gran lanterna no corazón da catedral”, explicou, “non era un muro, senón unha estrutura permeable, aberta á luz e ao son”.
As esculturas policromadas, froito dun labor de restauración minucioso, recuperan o uso de materiais como o lapislázuli e reproducen tecidos contemporáneos da época do Mestre Mateo, seguindo modelos como os do Pórtico da Gloria ou os textiles almohades atopados en sepulturas de bispos. En palabras do investigador, “son corpos orgánicos, non bloques de pedra; esculturas feitas para cantar e resoar”.
Prado-Vilar insiste tamén no carácter pedagóxico e espiritual do coro: “Era un ‘speculum cantorum’, un espello dos cantores. Os nenos de coro víanse representados en pedra, aprendían cos seus xestos, imitaban as súas posturas, educaban a súa voz e o seu espírito”.
A hipótese sobre a formación musical do propio Mestre Mateo como neno de coro compostelán completa esta visión integral. “Cando deseña o coro, Mateo está mirando a súa biografía, a súa cuna espiritual”, afirmou. “Foi ese amor polo canto, pola arquitectura e pola liturxia o que deu forma a este monumento”.
Cosmotec 1200 non só recrea o coro, senón que o reactiva. A través dunha mestura de arqueoloxía dixital, teoría da percepción e historia da arte, o proxecto ofrece unha nova maneira de comprender a catedral como metaverso medieval, un espazo onde corpo, voz, pedra e luz converxen para modular o saber e a experiencia relixiosa.
“Restaurar o coro non é só recuperar unha estrutura”, recoñece Prado-Vilar, “é volver habitar un mundo, revivir un canto, reactivar un coñecemento que a nosa cultura semella ter esquecido, pero que segue latente na pedra e na memoria colectiva”.